Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cangas recupera a memoria do “loitador” Antonio Nores

Conferencia a cargo de Antonio de la Peña (esquerda) e Ramón Patiño (dereita). Gonzalo Núñez.

O patrimonio histórico cangués está vinculado estreitamente a Antonio Nores, que durante anos loitou pola memoria histórica e a recuperación do patrimonio dentro do Grupo Arqueolóxico do Morrazo. “Soñador, loitador, defensor da nosa memoria”, así o definen desde a Asociación Memoria Histórica 28 de agosto.

O colectivo organizou onte unha xornada para lembrar o traballo de Nores, falecido en maio do ano pasado. As actividades dividíronse en dous eixos temáticos. Pola mañá centráronse na arqueoloxía e a tarde abordou a loita pola memoria histórica.

A inauguración do acto contou con diferentes membros da asociación, que lembraron o traballo de Manuel Nores no eido histórico. Á cita tamén acudiu Mariano Abalo, en representación do Concello, que colabora coas actividades xunto co grupo Histagra, da USC. “Nores loitou para que a nosa memoria non morra”, apuntou Abalo.

A continuación tivo lugar o primeiro coloquio do día, a cargo de Antonio de la Peña Santos, arqueólogo do Museo de Pontevedra e acompañado por Ramón Patiño Gómez. “Sen a actuación de Antonio, moito patrimonio estaría morto, significou moito para a arqueoloxía do Morrazo”, explicou Gómez. Pola súa banda, Santos fixo un percorrido polas achegas de Nores ao patrimonio cangués, desde o descubrimento do petróglifo de As Abelaires ata o interese pola catalogación doutros como o do Castelo.

Tamén relatou actuacións en Moaña, como os xacementos de A Fontenla ou a Torre de Meira. Tras isto, un vídeo amosou o traballo do Grupo Arqueolóxico do Morrazo e tivo lugar unha mesa redonda centrada na comarca.

Un momento da visita guiada á exposición de Nores na Capela do Hospital. Gonzalo Núñez.

Pola tarde, a xornada arrincou coa conferencia “Conversas cun amigo”, que serviu de antecedente á proxección do documental “A liberdade truncada”, de Antonio Nores. As actividades pecháronse coa mesa redonda “A recuperación da Memoria Histórica no Morrazo”, con representantes de todos os municipios da comarca.

Un dos momentos máis emotivos do día chegou coa ofrenda floral diante da escultura “Memorial da Liberdade”, realizada polo propio Nores e en lembranza das vítimas da represión. No acto participou o poeta Claudio Rodríguez Fer, que recitou os versos que se poden ler na propia escultura.

Ofrenda floral onte diante do "Memorial da Liberdade". Gonzalo Núñez.

A programación completouse con visitas guiadas á exposición da Capela do Hospital, que mostra o lado máis artístico de Nores, con esculturas de forxa. A mostra poderase visitar ata o vindeiro domingo. Durante o día tamén se puido mercar a publicación “Antonio Nores Soliño. Somos memoria”.

Compartir el artículo

stats