Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Antonio Nores Soliño, 'in memoriam'

Recoñecido activista en favor do Patrimonio Cultural e da Memoria Histórica, faleceu onte con 70 anos e hoxe será enterrado en Cangas

Retratado polo artista Camilo Camaño Xestido.

Retratado polo artista Camilo Camaño Xestido. // FDV

"Rayo de metal crispado / fulgentemente caído,/ picotea mi costado / y hace en él un triste nido"

(De "El rayo que no cesa" - Miguel Hernández)

Nesta primavera convulsa que estamos a vivir, o raio que non cesa ven de agostar a saiva das raíces desta árbore referente da arqueoloxía e memoria histórica de Cangas, da nosa comarca e de Galiza. A trascendencia que desempeña a memoria na constitución da identidade é incuestionable. O psicoanalista Castilla del Pino aseveraba que "somos memoria porque temos historia", "Somos a nosa Memoria". Cando se perde a memoria, cando se esquece o pasado do que se veu, a identidade dilúese, bórrase, pérdese. Sen memoria non hai identidade.

Antonio Nores Soliño sempre tivo a consciencia inquebrantable do que representa a identidade deste País. Arqueoloxía, Patrimonio material e artístico (Xunta de Montes, Muíño de Fausto, A Mangallona, Capela do Hospital,..), Idioma, República, Levantamento militar do 36..., conformaron o seu cosmos vital xirando arredor del a súa actividade e pensamento. Antonio é sinónimo de Memoria. Era e seguirá a ser un soñador, un loitador e un defensor desa identidade. Loitaba, defendía e...sufría. Cada ameaza a un elemento do noso patrimonio (xacemento, petróglifo, monumento..), cada actuación que conlevaba efectos sobre o mesmo, cada neglixencia das administracións ou particulares, provocaba nel unha angustia e un desacougo que lle custaba dixerir. A impaciencia, que ás veces amosaba, era manifestación do seu estado de ánimo e da consciencia de urxencia á hora de tomar decisións de salvagarda do mesmo. Cada hora, cada minuto que se perdera en evitar o dano, era fundamental na súa conservación. Era o seu inmenso amor á memoria, demandando a aplicación da lei na súa defensa.

Mais Antonio Nores era tamén un claro impulsor de campañas de promoción, exposicións, recuperación e posta en valor de elementos e construcións da nosa historia. Nas última décadas concentrouse na Memoria Histórica dunha forma exhaustiva e absorbente. Sufría por cada caso de impunidade do franquismo, por esas vagas e tsunamis de corrupción, polos actos de xenocidio, pola falta de dilixencia ou atrancos na eliminación de simboloxía franquista. Por ese mesmo interés e implicación, dinamizou e formou parte do movemento asociativo a nivel municipal, comarcal e de país. Investigaba, publicaba e continuaba pescudando na nosa historia máis recente na procura da verdade, xustiza e reparación.

Déixanos un exemplo que temos que continuar, un legado de publicacións e documentación que temos que ordenar e divulgar. Estamos na obriga de facelo. Organizar unhas xornadas de arqueoloxía e de memoria histórica co seu nome arredor da primavera, do abril republicano e do seu mes de nacemento; de crear un Fondo Documental de Memoria Histórica na Biblioteca Pública co seu nome, dun acto de posta en valor do seu traballo ao longo da vida... Son deberes a facer. Posta en valor do patrimonio arqueolóxico e arquitectónico, bases de datos da historia de Cangas da 1ª mitade do s. XX, publicacións, artigos, promoción de actividades e monumentos..., son as súas grandes aportacións. A eliminación da simboloxía franquista da igrexa en maio de 2019 foi unha grande alegría tras moitos anos da súa loita, da loita de todas e todos.

Do seu amplo e variado traballo artístico, fica na praza do Concello unha fermosa lembranza reflectida na peza escultórica do Memorial de Liberdade, obra da que foi promotor e autor.

Moito ánimo e forza para a súa esposa Matilde, o seu fillo Antón, a súa irmá Claudina, e a toda a familia e amizades.

" Que o libre voo das pombas da paz / erga para sempre a memoria solidaria / das xentes xustas que o deron todo / pola liberdade e a xustiza. / Pombas, pombas, pombas!"

( Claudio )

Compartir el artículo

stats