Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

14º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu
Alfonso Agra Actor

“Non se volveu a dar un caso como o de ‘Fariña’, con tantos actores galegos”

O actor Alfonso Agra, que será galardoado no FICBueu co Premio Cinema Galego 2021. | // FDV

Corenta anos despois dos seus inicios na interpretación, Alfonso Agra recibe mañá [11.00 horas] o Premio do Cinema Galego do FICBueu. O arzuán forma parte dunha xeración de actores que deron o salto á televisión coa recoñecida serie “Mareas Vivas”. A súa traxectoria foi evolucionado, pasando por series como “Fariña”, “Serramoura” ou “Matalobos”. Agra recollerá o premio co desexo dunha mellora para o audiovisual galego. O actor participará nun encontro aberto ao público e conducido por Gaspar Broullón. 

–Que supón para vostede recibir o galardón?

–É unha alegría enorme, é de agradecer que me premien polo meu labor como actor. Significa que o traballo que levo feito durante todos estes anos ten algo de mérito.

–Como valora iniciativas como o FICBueu?

–Coñecía o festival xa de antes, quero darlle ánimos a todos os que están colaborando para sacalo adiante. As curtametraxes serven para que a xente colla experiencia, algo fundamental para os que nos dedicamos a isto. As cousas boas veñen en frascos pequenos, pódense contar historias fantásticas en pouco tempo, moitas veces mellor que nas películas.

–É un premio que recoñece a súa longa traxectoria. Como evolucionou como actor desde os seus inicios?

–Empecei fai 40 anos na compañía de teatro Artello de Vigo. Chamáronme e foi todo tan ben, que ese foi o motivo para que eu xa nunca o deixara. Nos anos 80 tivemos moito éxito e enchíamos os teatros de Galicia. Se nos fora mal, continuaría por outro camiño. Hai unha evolución lóxica, desde aqueles principios nos que practicamente era un neno. Ao entrar na profesionalidade, hai unha evolución froito da experiencia e da aprendizaxe. O paso dos anos tamén proporciona outra visión. Eu sempre fun un actor con moito medo ao escenario e ás cámaras. Ás veces, a xente non é consciente do traballo que hai detrás, unha película non sae espontaneamente.

–De todos os proxectos nos que participou, cal lembra especialmente?

–Cada época ten unha emoción distinta. Cando empezas, cada traballo, por pequeno que sexa, ten unha transcendencia enorme. Se me tivera que quedar con algo, é coa serie “Terra de Miranda”. Nacín en Arzúa e a serie estaba ambientada alí. Paseino moi ben e os proxectos facíanse a un ritmo máis lento que o de hoxe en día.

–Como foi colaborar en “Fariña”?

–Fariña foi moi emocionante. Primeiro porque coñeciamos a temática. Reencontreime cunha xeración de actores cos que empezara a traballar nos anos 80. Ao fronte estaba o director Carlos Sedes, pasámolo moi ben co engadido de que tivo unha repercusión enorme. Que máis se pode pedir?

En "Fariña" reencontreime cos actores cos que empecei a traballar

decoration

–Coa súa traxectoria puido vivir en primeira persoa a chegada das plataformas de vídeo e puidémolo ver en “El desorden que dejas”, de Netflix. Como afectou ao traballo dos actores e actrices?

–Cando empezaron comprobamos que se podía facer unha historia desde Galicia e que chegara a medio mundo. Antes era moi complicado que sucedera. A nivel de repercusión no noso traballo, non afecta tanto como se podía pensar. Desde “El desorden que dejas”, estou con moi pouco traballo. Para a profesión non é moi significativo, segue habendo estratexias que apostan por outros produtos. Non se volveu a dar un caso como o de “Fariña”, no que eramos o 99% xente de aquí. Agora hai participacións, pero non garanten o futuro para o sector en Galicia. Sigo pensando que o noso futuro está na TVG, onde se iniciou a nosa profesión.

–Precisamente formou parte de “Mareas Vivas”. Que cambiou desde entón?

–A situación agora é mala, só se emite unha serie ás once da noite. Non sucedía algo así desde fai 40 anos. Hoxe en día hai moita competencia e presupostos pequenos. Pode haber unha xustificación de que as series que se fan aquí non teñan audiencia, pero son etapas. Os tempos de “Mareas Vivas”, con audiencias do 30%, xa pasaron. Pero estou seguro de que volverán tempos bos para nós. Hai que ter paciencia e seguir apostando polo produto para manter viva unha profesión que custou décadas levantala.

Hai que seguir apostando por manter viva a profesión

decoration

–Realiza tamén dobraxes. Que lle aporta esta parte da súa carreira?

–A dobraxe na miña vida é fundamental porque os actores e actrices galegas non vivimos de facer traballos audiovisuais. Teño feito de todo, ata de presentador. Unha das cousas que me permite seguir dedicándome a isto é a dobraxe. En épocas nas que non temos traballo, a dobraxe é un soporte económico para seguir sendo actor. Tamén me permite estar en contacto con outras películas e series, un adestramento constante, para actuar hai que estar en forma.

Compartir el artículo

stats