Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

José Manuel Dopazo Filólogo

“En Bueu emprégase polbo, a forma pulpo é un castelanismo”

José Manuel Dopazo, que impartirá unha conferencia en Bueu. | // FDV

A tradicional Festa do Polbo de Bueu é substituída este ano por unhas xornadas divulgativas do cefalópodo. O filólogo local José Manuel Dopazo será o encargado de abrir esta actividade, cunha conferencia o sábado ás 11.30 horas no estaleiro da Banda do Río. Tralo seu relatorio terá lugar unha mesa redonda co patrón maior, José Manuel Rosas e Yaqui Lista, mariscadora de Camariñas. Tamén actuará o grupo local Anda Roda. O experto en lingüística amosará no seu lugar natal os resultados da súa investigación arredor dos termos “pulpo” e “polbo”. Valéndose de datos, o bueués defende a forma polbo como a única admitida pola normativa lingüística.

–Por que decidiu impartir esta conferencia?

–Houbo unha discusión por parte do Concello do Carballiño que lle solicitou á Real Academia Galega (RAG) que incluíse a forma pulpo. Isto nos dá unha visión da situación que temos da lingua. Sería impensable que un concello de Toledo ou Albacete lle reclame á RAE como ten que denominar un determinado elemento.

–Como comezou a súa investigación?

–Decidín partir da etimoloxía e explicar a evolución da forma polbo. Indaguei na traxectoria literaria máis moderna das dúas formas, tanto de pulpo como polbo. A forma polbo aparece por primeira vez na obra de Frei Martín Sarmiento en1746. Os primeiros autores que empregan esta forma inflúen en como realmente se lle chama. Perfílase unha banda atlántica da forma polbo. A forma pulpo é máis tardía na nosa literatura, aparece por primeira vez en 1861 da man do autor berciano Antonio Fernández Molares. Os textos medievais mostran unha distribución da banda atlántica, desde a Costa da Morte ata Portugal, da forma polbo. No golfo ártabro e no Cantábrico teñen a forma pulpo. É moi probable que nesas zonas sexa patrimonial, non podemos rexeitar que sexa unha forma propia do galego.

–E na toponimia?

–Na microtoponimia atopamos algo semellante, toda a banda atlántica emprega a forma polbo en topónimos como “A Polbeira” ou “Os Polbos”. Curiosamente, en Ribadavia aparece “O camiño do ollo do Polbo”. Non teño dúbida de que é pola relación do municipio coas Rías Baixas, traían viño e levaban polbo. Nos municipios de interior aparece a forma pulpo, ligado á antroponimia co apelido “Pulpeiro”. Isto nos leva a idea de que a pulpo sexa unha forma galega pero da zona do norte.

–As súas investigacións céntranse tamén na Illa de Ons. Que pode adiantar sobre o uso de polbo na illa?

–Na illa de Ons, a única forma posible é polbo, coa variante de “pulbo”, unha metafonía nominal. É algo moi habitual na illa, temos outras formas como “centulo”. Álvaro das Casas no ano 1934 foi un dos primeiros estudosos en achegarse a Ons e recolleu o termo polbo. É primordial que para a norma sexa polbo, como se emprega nas zonas onde se extrae o polbo. No norte comezou a ser comercial hai pouco. Non ten sentido utilizar a forma pulpo dentro da norma.

–Existen referencias literarias sobre Ons co termo?

–Utilizouse moito na literatura próxima á illa de Ons. Carlos Casares ten unha obra infantil “Un polbo xigante”, situada en Ons e na que emprega a forma polbo. Tamén hai un autor de teatro que ambientou unha obra en Ons, co termo polbo. Actualmente na fala entrou xa o castelanismo, como con moitos outros termos, pero a xente galegofalante da illa de Ons séguelle chamando polbo, non hai dúbida ningunha de que é a forma.

–E na zona de Bueu?

–En Bueu emprégase polbo, a forma pulpo é un castelanismo. Hai unha exposición no Museo Massó cun documento no que se lle pagaba con polbo ao Mosteiro de Oseira polas terras arrendadas. O documento está escrito integramente en castelán e aparece a forma pulpo. Isto demostra que o castelanismo está presente desde idades temperás.

–E sobre o xentilicio de Bueu?

–Sempre remito a Xosé Costas, profesor da Universidade de Vigo, que fixo un estudo bastante pormenorizado de todos os topónimos e xentilicios de Galicia. El di claramente que para poder empregar o sufixo -ense hai que usar o étimo. De Bueu, cal é o étimo? É practicamente imposible sabelo. A forma buenense colle como étimo bueno, e bueuense tampouco sería posible, porque non existe o étimo Bueu. A forma que hai que empregar é a popular, bueués e bueuesa.

–Por que animaría a xente a ir á conferencia?

–Nas charlas sempre se aprenden cousas, son tremendamente necesarias. Non coñecemos todo e así sempre tes unha visión máis completa da realidade, neste caso a da lingua, a gran esquecida. Coa discusión que houbo hai uns anos con esta forma, nós que temos a denominación de orixe “polbo das rías” en Bueu, temos que poñelo en valor con datos. A lingüística non deixa de ser unha ciencia máis. Presentar os datos para ver de onde sae que se escolla esta forma e cae de caixón ao ver todos os datos, que ten que ser polbo a forma escollida para a norma.

Compartir el artículo

stats