Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Festival SonRías Baixas
Sés Cantante

“Esperto interese porque me atrevo a ser quen son”

A coruñesa abre hoxe o festival para presentar o seu novo disco

A cantante “Sés”, que actúa hoxe no SonRías. | // CEDIDA

A cantante Sés leva unha intensa década dedicada á música. A súa traxectoria está marcada polo súa voz, a súa actividade creativa e o seu discurso. O seu novo disco, “Liberar as arterias”, cheo de mensaxes reivindicativas, rende homenaxe á poeta Luz Fandiño. Sés regresa esta noite [22.30 horas] ao escenario do SonRías para presentalo en directo.

–O nome do disco provén dun verso da poeta Luz Fandiño, que tamén leva tatuado. Por que o elixiu? Cal é a súa relación con este verso?

–Encerra unha verdade transcendental para calquera persoa honesta e consciente: a necesidade de liberar as nosas arterias, de limpalas, de eliminar toda a contaminación que a rabia e o enfado poidan xerar. Non se trata de deslexitimar o enfado, para nada, todo o contrario. O enfado ante a inxustiza é obrigado, é necesario e xusto, máis só é pertinente como estadío pasaxeiro. Non debemos instalarnos nel, temos que saír axiña para adoptar unha postura en que nós, e non un sentimento irracional, sexamos as nosas donas. Só así somos verdadeiramente fortes, loitadoras máis perigosas e útiles.

–Que papel xoga a súa música na loita feminista?

–Estou orgullosamente a favor da igualdade, que é o que significa ser feminista, polo tanto todo o que eu faga vai estar feito desde aí. A miña música representa un gran de area máis nunha loita, que está moi lonxe de gañarse, e á que todos e todas estamos obrigados a sumarnos.

–Coa súa música axudou a elevar ao galego ao panorama musical nacional. Por que é importante que isto ocorra? Segue habendo trabas?

–Trabas hainas en todo o que non sexa facer aquilo que en cada momento da historia se considera o correcto, pero non saberíamos que a terra é redonda se non fose porque houbo xente que se atreveu a disentir, pagando o prezo. No caso das artes, todo o que non sexa auténtico carece, ao meu modo de ver, de interese. Eu esperto interese simplemente por iso, porque me atrevo a ser quen son, e ese é o gran valor nas artes e na vida. Se non vives sendo ti, non vives.

–Como é apostar pola música en galego na situación actual?

–A música en galego é música, sen máis. A ninguén lle sorprende que Raffaella Carrá cantase na súa lingua, nin estarían dispostos a abandonala. A práctica totalidade das linguas europeas só se falan nun estado, con contadísimas excepcións. Teña por seguro que unha persoa de Suecia, Noruega ou Dinamarca non considera menor o seu idioma por iso. Estamos no mundo e eu vivo o mundo con orgullo, falando varias linguas, pero diariamente sempre a miña, como calquera outra persoa do planeta. O de considerar que o galego é unha lingua menor é unha pailanada.

–Non é a súa primeira vez no SonRías. Como chega agora, tras unha pausa musical e cunha situación totalmente diferente?

–Con síndrome de abstinencia. Así que máis contenta e con máis ganas aínda.

Compartir el artículo

stats