Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O Rodeiramar, pioneiro na Federación Galega de Natación

O clube, en 1932, foi dos primeiros en adherirse ao organismo

Concurso de natación en Bueu en 1920.

A natación, pola súa escasa complicación, agás os pudorosos “traxes de baño completos” esixidos, é un dos deportes máis antigos e xa estivo presente nos Xogos Olímpicos de Atenas en 1896. Porén non sería ata os anos vinte que as competicións non contasen cunhas bases e estilos diferenciados. Nas festas que se celebraban nos meses de verán como o Carmen ou o Cristo, adoitábase incluir competicións de botes, gamelas ou traiñeiras e arredor dos anos vinte tamén se prodigan as probas de natación, ainda que con poucos participantes.

Equipo de waterpolo Rodeiramar en 1931.

A primeira referencia que temos dunha proba de natación en Cangas, foi a celebrada nas Festas do Cristo de 1926 cos seguintes resultados: 1º Francisco Fernández Cervera, 2º Antonio Santos Sequeiros e 3º Antonio Fernández Cervera.

Competición de natación Rodeiramar - Náutico de Vigo en 1932.

En xuvenís, os gañadores foron: 1º José Fernández Cervera, 2º José Santos Sequeiros, 3º Álvaro Fernández Rodal e 4º Serafín Pérez Barros.

O Rodeiramar, pioneiro na Federación Galega de Natación

Arredor destes nomes vaise consolidar un grupo de nadadores co propósito de competir nas probas que se programen na contorna, como dixemos, case sempre arredor dunha celebración festiva. Neste sentido temos que remontarnos ás festas de San Miguel en Marín onde os cangueses Antonio e Jesús Santos Sequeiros se presentan para competir na travesía Tambo-Marín de 1.300 metros contra outros catro nadadores, dous deles tamén irmáns de Pontevedra, que gañaron a proba. Jesús alcanzaría o terceiro lugar e Antonio tivo que retirarse ao pouco de iniciar a proba.

O Rodeiramar, pioneiro na Federación Galega de Natación

Unha proba de natación que alcanzaría grande interese foi a Travesía da Ría, denominada Concurso Internacional de Natación pois asisten nadadores portugueses e que comeza a celebrarse en agosto de 1929, alcanzando varias edicións que a converteron en tradicional.

O Rodeiramar, pioneiro na Federación Galega de Natación

Nas Festas do Cristo de 1930 volve haber probas de natación, agora organizadas polo novo Club Rodeira que se acababa de constituir seguindo o ronsel do tamén recén fundado Club Marítimo de Vigo (xuño) co que os de Cangas haberían competir nestes inicios. Estas competicións festivas consistían basicamente en probas de resistencia duns 1.500 metros. e probas de velocidade de 100 metros nas que se disputaba un trofeo, aínda que como nas celebradas en Marín tamén había premios en metálico de ata 30 pesetas. previa inscrición de 2 pesetas.

En Cangas, ademais dos nadadores, os do Club Rodeiramar, presidido por Francisco Fernández Cervera, van organizar un equipo de waterpolo, que se estrearía nas Festas do Cristo deste ano como deporte inherente á natación, para competir con outros clubes. O incremento dos clubes nestas datas, con claros intereses pedagóxicos e divulgativos, van supoñer un gran despegue para os deportes náuticos, que agás a natación, supuñan un certo investimento material. Por iso, os seus socios van proceder das elites sociais urbanas, economicamente acomodadas, o que non foi eiva para que fose baixo a República cando se desenvolvesen pola atención prestada á cultura, o ensino e o deporte.

O waterpolo chamouse en principio “aquatic handball” (balonmán acuático) e dise que tivo orixe no século XIX cando levaban aos presos a bañarse aos lagos e rios e aproveitaban para xogar partidos cunha pelota. Como fose, o caso é que os británicos foron pioneiros neste deporte e dotárono de regulamento, competindo en piscinas copiadas dos baños romanos de Bath, conseguindo incluilo nas olimpiadas de 1900.

Comentamos isto porque os nosos deportistas durante moitos anos tiveron que practicar estes deportes no mar ou nos embalses, o que foi unha eiva para o seu desenvolvemento posterior.

Nestas datas do verán de 1930 xa estaba en trámites a incorporación ao grupo de nadadores e waterpolistas, do equipo de piragüistas encabezado polos irmáns Juan e José Azpeitia. O 12 de outubro, os nadadores do Rodeiramar van ter a primeira competición en Vigo contra os do Marítimo en probas de 100 metros libres nas que participaban Pepín, Finín e Antonio Sequeiros que gañou esta competición. A prevista proba de 400 metros libres non se celebrou e na de relevos 4x50 metros. gañou o equipo de Cangas formado por A. Sequeiros, Finín, Pepín e Lucas. Nas probas infantís de 50 metros e relevos 4x25 metros gañaron os de Vigo. No partido de waterpolo gañou o equipo do Rodeiramar formado por Humberto, César, Queirós, Pepín, A. Sequeiros, Finín e Lucas.

Neste mesmo verán de 1930 xa chaman a atención as piraguas e comezan a facerse travesías por mar sopesando as posibilidades destas lixeiras embarcacións neste elemento e dous socios do Marítimo vigués percorren o traxecto de Pontevedra a Cambados en oito horas sen sobresaltos.

Así comezarían a incluirse timidamente nas competicións náuticas galegas e iníciase unha evolución das individuais de lona (kayaks) cara ás de madeira que incorporan tamén as dobres, moi celebradas, pois permiten, cal cabaleiros medievais, levar na grupa a unha dama, nacendo as chamadas probas mixtas. Desde 1924, o piragüismo aparecera nas Olimpiadas como deporte de exhibición e non se inclue nas mesmas ata 1936 xa cun regulamento e categorías.

Agora xa están feitas en madeira lixeira e cunha maior lonxitude que as fai máis rápidas, tema este no que os Azpeitia se adiantarían varios anos, competindo na modalidade de tipo libre. Xa en xuño do 1930, cando o Marítimo vigués organiza unhas regatas, a atención dos afeccionados vaise centrar en dúas piraguas de lona que van regatear por primeira vez. Tamén este ano e nas festas da Peregrina en Pontevedra, tamén se van incluir nas regatas duas probas de piragüas, individual e dobre, en competición co Náutico da Coruña.

Durante o ano 1931 non temos noticia da participación do Rodeiramar en competicións pero a finais de xullo deste ano solicitaría do Concello o permiso para usar en Rodeira unha área de 300 metros cadrados na marxe esquerda do Saíñas cunha caseta para gardar as piraguas. O domingo 16 agosto van a competir a Vigo cos nadadores do Náutico participando Pepe e Finín nos 50 metros libres contra outros dous nadadores do club vigués. Na proba de 100 metros. braza gañou A. Sequeiros e na de 4x50 relevos gañou o equipo cangués formado por Antonio, Finín, Pepín e Lucas.

O equipo de waterpolo formado por Humberto, César, Queirós, Pepín, Antonio, Finín e Lucas tamén se impuxo ao do Náutico. O domingo 20 de setembro, convidados de novo polo Marítimo vigués, os do Rodeiramar acoden a un partido de waterpolo que completaba unhas probas de traiñeiras, esquifes e piraguas nas que non participa ainda o club cangués.

En 1932, o club xa conta cun local social na rúa Eugenio Sequeiros, frente do mercado de abastos, onde estivo logo o Casino, dotándoo de xogos recreativos de mesa, onde socios e socias pasaban o tempo nos días de outono e inverno. No mes de maio, o Rodeiramar vai recibir o permiso do Concello para instalarse en Rodeira cunha concesión por cinco anos e 30 pesetas. anuais de canon e en xuño, ao se constituir a Federación Galega de Natación Amateur (FGNA) o Rodeiramar é dos primeiros clubes en asinar a sua adhesión xunto con dous clubes da Coruña e o Marítimo de Vigo.

Ata o domingo 14 de agosto en que se celebra en Vigo o I Campionato Galego de Natación non tiñamos noticia do Rodeiramar que se presenta para competir cos clubes Náutico da Coruña, Gimnástica de Pontevedra e Marítimo de Vigo. As competicións anunciadas son os 100 e 1500 metros libres; 200 metros braza de peito; 5x50 metros relevos e 100 metros libres femininos e saltos. O día 21 celébrase a segunda xornada e José A. Santos do Rodeiramar clasifícase 1º en 400 metros e queda terceiro en 100 metros espalda. En relevos 4x50 o Rodeiramar formado por E. Santos, Serafín Pérez, A. Santos e Sergio Bas clasifícase terceiro. O equipo de 4x200 metros relevos, formado por Humberto Fernández, Manuel Mariño, José Azpeitia e J. A. Santos quedan de sextos. Como club o Rodeiramar ocuparía o terceiro posto.

Os domingos 11 e 18 de setembro 1932 celébrase o I Campionato Ria de Vigo entre os clubes Marítimo vigués e o Rodeiramar, primeiro en Vigo e logo en Cangas onde houbo un partido de waterpolo a prol dos náufragos da motora “Azaña”. Os resultados en natación foron: en 100 metros braza, 1º Lucas Sequeiros e 3º Antonio Sequeiros, ambos do Rodeiramar. En 50 metros libres Sergio Bas do Rodeiramar alcanzaría o 3º posto e nos 300 metros libres A. Sequeiros sería 2º e Lucas Sequeiros 3º. En 100 metros femininos os dous primeiros postos foron para Teresa Boán e Carola Meléndez, ambas do Rodeiramar que competiron entre elas ao non acudir a nadadora do Marítimo. No 5x50 de relevos, o equipo A do Rodeiramar composto por Bas, Cervera, Bolívar, Lucas Sequeiros e A. Sequeiros foron segundos e o equipo B, formado por Mariño, Sequeiros, Eugenio, J. M. Azpeitia e Jerez, foi cuarto.

Estes resultados déronlle a vitoria ao Marítimo por 20 puntos frente aos 16 do Rodeiramar. O 23 de outubro de 1932 con motivo de se celebrar o I Campionato Universitario de Galicia, ao que deberían acudir as facultades de Santiago, só se presentan os da escola de Comercio e da Industrial de Vigo no que figuran coñecidos nadadores de Cangas como Azpeitia, Cervera ou Lucas Sequeiros, nadador que tamén vai acudir ao Campeonato de España de Natación en Valencia, representando a Galicia, tendo unha discreta actuación.

*Profesor e investigador

Compartir el artículo

stats