Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Volver ao océano

A obra abre a mirada a temas necesarios e a cambiar de patróns mentais

Nun mundo que parece avanzar cara á destrución, de súpeto xorde a esperanza. Espécies Lázaro, da compañía portuguesa Art’Imagem, que tivo a súa estrea en España dentro da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, aborda dun xeito áspero pero necesario o tema da extracción de recursos e como isto afecta á natureza.

A autoría e dirección da peza son da dramaturga canguesa Vanesa Sotelo, convidada pola compañía lusa. Trátase dunha dramaturxia complexa que abre múltiples temas relacionados co ser humano e a relación co seu propio ecosistema, pero que se entretece co humor, contribuíndo a quitarlle densidade. O peso está no texto, pero o elenco, composto por Flávio Hamilton e Pedro Carvalho, de Art’Imagem, e Davide González, compañeiro de Sotelo en Incendiaria, é quen de sostelo con ampla soltura. Establécese un xogo interesante co texto, que se desenvolve en galego e portugués, e tamén entre eles tres, a partir dos tons e matices.

A peza actúa como un túnel que conecta dous planos temporais: o século XVI e a actualidade. O espazo é o mesmo: un barco. Nel confróntase a situación de Isabel Barreto, a primeira muller almirante da historia, e outras dúas mulleres, atrapadas nunha nave hai cinco séculos, e a de tres homes confinados nun barco no século XXI, a través de cambios sutís mediante a iluminación, o espazo sonoro e detalles na voz, construción corporal e aparencia.

Pero detrás dos dous escenarios está o tema da ambición pola obtención de recursos, que abre tamén a reflexión arredor da legalidade e a moralidade, a viabilidade e a rendibilidade; e tamén sobre o que está mergullado, o que non se ve das nosas decisións, aparentemente inocentes e mesmo cargadas de boas intencións.

Todo isto fainos pensar en que moitas veces o importante, o esencial, está naquilo que é invisible para os ollos, como dicía o Principiño, e que, ás veces, é preciso coñecer o que está no máis profundo para entender o que está no máis alto da superficie e viceversa.

Outra cuestión que resulta moi interesante é a reflexión que se abre arredor de como nos enfrontamos á beleza e como a destruímos no afán de capturala para poder apreciala. Espécies Lázaro abre a mirada a temas necesarios, vixentes, complexos, sobre os que moitas veces se xira o ollar cara a outro lado, e tamén abre a porta a cambiar de rumbo, mudar os patróns mentais, atopar puntos de unión.

A pesar da asperidade da vida, de súpeto, pode rexurdir a esperanza, como aquelas especies que foran dadas por extintas e se volven ver, como se volvesen do mundo dos mortos para facernos crer que aínda é posible un cambio, un renacer.

Compartir el artículo

stats