Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A Mostra de Teatro de Cangas recibirá o Premio Marisa Soto

A presentación da Mostra de Teatro de Cangas deste ano. ProLight Foto Estudio

A Mostra de Teatro Internacional Cómico e Festivo de Cangas (MITCF) recibirá o Premio de Honra Marisa Soto na próxima gala dos Premios María Casares, a cita de referencia do teatro galego. A xunta directiva de la Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) quere recoñecer así o traballo da Mostra a favor do sector escénico de Galicia e únese a unha lista de premiados na que figuran nomes como Ana Romaní, Pilar Pereira, Gonzalo Uriarte, Rosa Álvarez, Eduardo Alonso, a Sala Nasa ou Flor Maceiras. Os representantes da MITCF recibirán esta distinción durante a gala dos XXV Premios María Casares, que se celebrará o vindeiro 9 de setembro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

Desde a AAAG destacan a “longa traxectoria” da Mostra de Cangas, que neste 2021 celebra a súa edición número 38, entre o 1 e o 10 de xullo. “O Premio María Soto recoñece o enorme labor da Mostra para a creación de públicos como para fornecer carreiras profesionais. Cangas representa para o conxunto da nosa profesión un punto de encontro, un lugar agarimoso abeiro e un enorme referente cultural”, apuntan. Ao mesmo tempo, á concesión deste galardón significa tamén un recoñecemento ao carácter “pioneiro e referencial” que supoñen as xornadas Mulleres en Acción, que se organizan no marco da mostra de teatro canguesa.

A distinción chega ademais no ano no que os Premios María Casares acadan 25 edicións, un momento oportuno para ensalzar “o valor que atesoura a Mostra de Cangas para o colectivo, tanto para o noso sector como para o conxunto da sociedade”.

A MITCF naceu no ano 1984 da man da Asociación Cultural Xiria, que se decantou na súa programación polo humor e polo carácter festivo “que se respira no Entroido de Cangas”. Ao longo destes 38 anos pasaron multitude de compañías teatrais galegas, estatais e internacionais polo escenario da mostra canguesa. Desde a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) marcan varios fitos na historia do certame cangués, como o ano 1997, cando se decidiu programar espectáculos feitos por mulleres, ou o ano 2002, que significou un auténtico punto de inflexión porque por fin puido celebrarse no Auditorio Municipal de Cangas. Un espazo para o cal agora mesmo hai unha iniciativa para bautizalo co nome do falecido alcalde e dramaturgo Xosé Manuel Pazos, que foi o director da Mostra nas primeiras dez edición.

Actualmente a dirección artística da Mostra de Teatro de Cangas recae en María Armesto, que en 2014 tomou o relevo de Che Mariño, que foi a súa directora durante case 20 anos.

Compartir el artículo

stats