Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Biblioteca das madeiras do mundo en Cangas

Agustín Bastón, na exposición “Biblioteca das Madeiras do Mundo”. | // G. N

Pequenas táboas de cerámica, de bronce, de chumbo, chips. Papiros, papel. Pergamiños, seda, marfil. Sempre formaron parte da civilización. Usados como soporte, puidemos ter información e coñecemento dos acontecementos, das ciencias e das artes.

Agustín Bastón, como madeireiro e artista, fai un chamamento ás súas amizades, que son moitas. Dalles un anaco de madeira axeitado por el, con formato de libro, para que se expresen en liberdade.

As madeiras proveñen dunha gran variedade de árbores: bidueiro, faia, freixo, castiñeiro, cerdeira, carballo, pino, wengué, pradairo, capudre, etc. que el explica a cadaquén. Incluso en moitos casos sabe o lugar onde viviu esa árbore, o seu nome en latín, e parte da súa historia.

O resultado son pensamentos, ocorrencias, opinións, leccións, relatos, poemas, definicións, pinturas, debuxos, modelaxe, música, … Todo isto amosando as diversas sensibilidades dos autores.

Agustín compila tódalas madeiras que repartiu, e agora, tornadas en libros cheos de información, arte e coñecemento, funda a “Biblioteca das Madeiras do Mundo”. Os libros percorren varios países, varias idades, varias linguas, e antes ou despois, volven. El elixiu “O Día das Letras Galegas” e os seguintes, para dala a coñecer a tódalas persoas que o desexen. Expostos tódolos anos no seu Ecoespazo da Avenida de Ourense, 44.

Destes vaivéns das madeiras, dende onde nacen ata que chegan as mans de Agustín; e dende que el as converte en anacos de árbores deica agora, que xa son parte da máis orixinal biblioteca que se pode visitar en Cangas e quizais no mundo, quedan rastros inesquecibles en tódolos que empezamos coa categoría de amigos e imos sentíndonos comprometidos. Primeiramente, hai que matinar que facer con ese anaco de madeira que che entrega. Despois sobre el expresar esas cavilacións. O traballo coa madeira e coas mans non deixa de ser un traballo artesán que en moitos dos casos trócase en artístico. Os amigos comprometidos somos conscientes que amosando a nosa individualidade nos expandimos á sociedade.Todo isto por mor do denodo que Agustín pon neste proxecto no que mestura madeiras, ideas, amigos e ámbitos.

Eu a isto chámoo Cultura con maiúscula, con modestia e sen afán de protagonismo. Longa vida a este Proxecto.

(*) Amiga de Agustín Bastón

Compartir el artículo

stats