Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Danza para loitar contra o estigma da demencia

Unha imaxe de “DeMente”, de Fran Sieira. | //

A compañía de danza canguesa de Fran Sieira estrea mañá no Auditorio o seu espectáculo “DeMente”, unha posta en escena que coincide coa conmemoración do Día Internacional da Danza e que quere ser unha chamada de atención ao redor do mundo das enfermidades mentais. As entradas para esta primeira función, marcada pola redución de aforo por mor do COVID-19, xa están esgotadas e hai outra nova representación o venres en Vilagarcía de Arousa, tamén con localidades esgotadas. As persoas que desexen colaborar dispoñen dunha fila 0 a través da web ataquilla.com.

“DeMente” baséase no baile e na música tradicional galega e a súa intención, segundo explica o propio Fran Sieira, é plasmar a través da danza “a evolución dos tratamentos en persoas que padecen trastornos mentais, desde os amoreamentos practicamente carcelarios ata a externalización dos nosos días”. No espectáculo, dunha hora de duración, interveñen oito bailadores: Aida Tarrío, Adela Otero, Patri Seoane, Artur Puga, André Adrio, Martín Mondragón, Dani Rodríguez e o propio Fran Sieira. A música está escrita polo compositor e músico multidisciplinar Cristian Silva Bóveda. A posta en escena de “DeMente” xunto ao vestiario é responsabilidade de Carlos Alonso e a iluminación corresponde a Fidel Vázquez. O traballo técnico complétase co traballo da directora artística catalana Carla Diego Luque, que aporta o carácter máis físico e a estética contemporánea da montaxe.

Á compañía interésalle plantexar a través de “DeMente” unha reflexión ao redor dunha serie de enfermidades que, segundo os datos da Organización Mundial da Saúde (OMS), han de sufrir nalgún momento da súa vida unha de catro persoas. O 25% da poboación. O obxectivo desta montaxe que se estrea mañá en Cangas é loitar pola “integración na sociedade e normalización como outro tipo de doenza, loitar contra o estigma”. Todo o contrario do que sucedeu noutros tempos non tan lonxanos, como apuntan desde a propia compañía canguesa. Unha “reclusión practicamente carcelaria das persoas ‘dementes’, os amoreamentos de persoas enfermas, as contencións mecánicas totais e parciais, así como as contencións químicas (antipsicóticos e outros medicamentos), os suicidios ou a explotación da enfermidade”.

Recorda Fran Sieira unha carta que un paciente do manicomio santiagués de Conxo lle dirixiu nos anos 40 do século pasado ao director do centro: “Non son os pobres locos recoñecidos os que lle fan dano ao planeta, senón os grandes locos aínda por recoñecer”.

Compartir el artículo

stats