O Museo do Pobo de Galicia, en Santiago, acollerá desde o vindeiro martes unha exposición baixo o título de “Ons SOA”, da antropóloga e arqueóloga Paula Ballesteros-Arias. Esta exposición forma parte da programación da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) e que incluirá a proxección de “Ons”, a película de Alfonso Zarauza e que está nominada aos Premios Mestre Mateo.

A mostra está integrada por unha vintena de fotografías e por outros documentos audiovisuais, un material que representan historias de vida e dunha comunidade que “modelou a propia illa e conviviu con esas pedras desde o respecto”. A orixe desta exposición hai que buscala no traballo de campo que desenvolveu Paula Ballesteros na illa entre 2009 e 2013 no marco dunha investigación para o Instituto de Ciencias del Patrimonio (Incipit), que depende do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), amais de materiais propios que foi recollendo desde finais da década de 1980 ata 2016. “Trato de plasmar a diversidade dun territorio illado, relativamente pequeno, onde os contrastes son unha parte esencial que marcan a súa singularidade”, explica a propia comisaria da exposición. Entre eses contrastes destaca a “costa abrupta e recortada” da cara exterior da illa fronte aos areais e paisaxes agrarios que abundan no lado resgardado. “Esa dualidade tan marcada entre a paisaxe salvaxe e a máis doméstica é o inicio do percorrido da exposición”, engade Paula Ballesteros-Arias.

Esta exposición poderá visitarse ata finais do vindeiro mes de maio e incluirá un coloquio, que está previsto para o vindeiro xoves 25 de marzo. Será un faladoiro no que se abordará Ons desde a perspectiva do cine, literatura e educación ambiental. Xunto a Paula Ballesteros-Arias estará o director da película “Ons”, Alfonso Zarauza, e o garda forestal do Parque Nacional Illas Atlánticas Roberto Castiñeira Lavadores. O encontro será ás 17.30 horas no Museo do Pobo Galego e concluirá coa proxección da película de Zarauza, a partir das 19.30 horas no auditorio do propio museo santiagués.