Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A reforma da fachada da igrexa de Aldán en 1670

O autor afonda na historia do antigo templo da parroquia

Unha imaxe da actual igrexa de San Cibrán de Aldán. | // GONZALO NÚÑEZ

O contrato da reforma da fachada, asinado no ano 1670, como figura no encabezamento, feito polo escribán Juan Fernández Rodríguez. | //

Reproducción da crónica da caída do campanario da igrexa de Aldán, en 1888.

A David Piñeiro Valladares e Iván Sestay, partícipes da nosa cultura e da nosa historia

Na parroquia de San Cibrán de Aldán celébranse, ademais doutras, dúas importantes festas no primeiro mes do ano que teñen unha tradición recoñecida na comarca do Morrazo. Por unha parte temos cada 15 de xaneiro a romaría de san Amaro, ao que se lle fai culto na antiga capela ou ermida homónima. Pola outra banda, cada 20 do mesmo mes, hónrase na igrexa parroquial de Aldán cunha danza secular ao mártir san Sebastián, sendo esta de Interese Turístico Galego. Este ano témolas deslucidas polo asunto da pandemia. Con este artigo intentaremos dar un pouco de luz no eido da historia local sobre unha reforma da fachada da igrexa vella de Aldán.

Ante o progresivo aumento da poboación nos séculos pasados, en moitas parroquias, as igrexas víronse na obriga de ser ampliadas para recibir o culto relixioso. A actual igrexa de Aldán foi mandada construír á cimentis no 1886 sendo a obra adxudicada ao mestre canteiro José García Vidal, veciño de Redondela. Esta obra non se deu rematada ata o 1890, xa que o 28 de marzo de 1888, cando estaban no treito final da obra, un lóstrego caeu sobre o campanario, derrubando case na súa totalidade o campanario. Os cascallos chegaron ata a antiga Casa Reitoral de Aldán onde se atopaba o crego oficiando o culto na horta da mesma. Xunto co párroco, varios fregueses foron feridos pola choiva das pedras. Disto xa dimos conta nun traballo anterior, véxase ( “A nova igrexa de Aldán e a caída do campanario” FdV. Edic. do Morrazo, 26/03/2017,Anxo Coya).

Sobre a antiga igrexa parroquial de San Cibrán de Aldán non temos moita información. Mais, recalamos no seguinte texto: “/...A primitiva igrexa da que existe documentación era de principios do século XVI, aínda que é presumible que se fixera sobre outra anterior...unha soa nave e unha ábsida rectangular, no interior a nave sepárase do presbiterio por un arco triunfal apuntado. A igrexa estaba cuberta de dúas augas, con armazón de madeira e o tellado descansaba nun aleiro de pedra rematado cunha moldura en bocel. Aínda que non temos soporte documental, o normal é que a porta principal fose de arco de medio punto./” (Carlos Vázquez Marinelli, José Moreira Pumar e Manuel Rodal González, Historia de Cangas, páxina 619.)

Condicións e datos do contrato da reforma da fachada da igrexa parroquial de Aldán en 1670.

Cremos pertinente e necesario afondar e saber máis da antiga igrexa de Aldán. Para elo, axudámonos dun documento do escribán Juan Fernández Rodríguez, datado no 12 de maio de 1670 que trata sobre o contrato da reforma da fachada principal desta igrexa, e da que deducimos que se atopaba no mesmo lugar que na actualidade. Ante este notario e co pretexto de formalizar por escrito esta obra, acude o abade de Aldán, Pedro do Seixo, duns 60 anos de idade, membro dunha longa saga de cregos con este apelido e fundador da capela de Nuestra Señora del Buen Suceso da citada igrexa.

Era sobriño de Bartolomé do Seixo quen exerceu como “racionero” da que foi Colexiata de Cangas. Pedro do Seixo finou o 29 de marzo de 1678 quedando vacante en Aldán o cargo que este exercía. Nos meses de abril e maio deste ano, atopamos unha longa lista de persoeiros que, ante o mesmo notario que formula o contrato da obra, actúan dando o seu voto para elixir como crego de Aldán ao “racionero” da Colexiata de Cangas Juan do Seixo, sobriño do finado Pedro. Moitos dos que formulan este voto, afirman ser descendentes doutras persoas que tiveron dereitos de presentación sobre Aldán, como: Juan Guerra, Esteban Fernández de Bon, Pedro da Pereira de Ermelo, Gonzalo do Con, Gregorio da Pereira, Gabriel Núñez, Fernando de Gandón, Beatriz Gutiérrez, Leonor de Ferradás, Juan de Casal, e un longo etc. Os membros da familia Seixo eran conpatronos (sic) e tiñan dereitos de presentación como patróns nesta parroquia.

Xunto co párroco, asisten neste contrato Pedro Rodríguez Gandón, labrego e veciño de (H)Erbello (Aldán) e tamén o mestre de cantería Pedro de Casal, veciño da parroquia de san Fiz de Nigrán. Sobre o artífice desta obra, sabemos que ante o mesmo escribán no 12 de febreiro de 1670 asina outra obra menor. Trátase da construción dun pombal na Granxa de Reboredo, na parroquia de San Salvador de Coiro e que pertencía ao membro da Inquisición don Juan Varela Hurtado. Pombal cuxo valor foi de 275 reais e que o canteiro estaba na obriga de construílo na mesma feitura que o de dona Cristina Domínguez, viúva e veciña da parroquia de San Xoán de Tirán. (Familysearch.org, Leg.1635-1638)

No contrato da fachada da igrexa o mestre da obra está comprometido a facer o seguinte: “/… Pedro de Casal como tal maestro tiene de hacer el quarto de la portada principal de la yglesia parroquial de san ciprian de Aldan que a de tener en luengo siete codos y medio- en hueco y el anchor en la mssª (mesma) forma que esta la mas yglesia-.../”. O termo “codo” utilizouse na antigüidade como medida, tendo variacións na lonxitude dependendo do lugar. A medida acadaba a distancia dende o cóbado ata o final da man, sempre coa man aberta. Podemos dicir que se aproxima ao medio metro, o que nos permite calcular a anchura da portada principal, que non alcanzaba os catro metros.

O mestre de cantería reformou a fachada principal da igrexa vella de Aldán, deixando o campanario centrado e no remate deste unha cruz de pedra. Seguindo o contido do documento desta concordia, lemos: /...y el portal de dha (dicha) yglª (iglesia) a de ser conforme a la demas obra de dha Yglesia de esquina a esquina Con su campanario Labrado que a de quedar en el medio del onton de la puerta principal...y encima del una cruz tambien de piedra labrada y la demas obra labrada según ya la piedra esta labrada según a su costa la mando labrar el dho abbad antes de aora—y si le faltare alguna piedra para dha obra el dho maestro la a de quebrantar y labrar a su costa y el carreto della asta ponerla en la obra a de ser por quenta del dho abbad pº Rs (Pedro Rodríguez) que hace por y en nre (nombre) de los demás vezos (vecinos).../”.

O crego Pedro de Seixo anticipouse a ter a pedra xa traballada para a ocasión e comezo da obra e no caso de ser necesaria máis cantidade, esta e o carrexo dela sería por conta do mestre canteiro.

Vese que o crego mandou labrar a pedra antes de maio (mes do contrato) polo que interpretamos que xa puido comezar a preparar o granito no primeiro mes do ano. De ser así, damos conta do refrán recollido oralmente a persoas centenarias: “En xaneiro colle ao obreiro, mellor a mediados que a primeiros”, pois antigamente, cando se realizaban traballos coa única luz do sol, o obreiro tiña maior rendemento coa amplitude do horario solar.

A pedra do campanario vello poderá ser utilizada polo mestre canteiro, tendo este acordado no contrato outras obrigas contractuais como nivelar as soleiras da entrada principal e o traslado da pía bautismal: “/… Y para las costanas de la dha Yglesia por entranvas ptes al dho pº(Pedro) de Casal maestro para el Cumplimº de los siete codos y medio Referidos dende luego le dan la piedra del campanario en donde al de preste. (presente) esta la campana... para q la pueda mudar y baxar y poner en la obra nueba que hiciere de dha (dicha) Yglesia en la mesma forma q dha piedra esta labrada y ademas dello dho maestro a de mudar la pila batismal a la parte q El dho abbad señalase con su consumidero en buena forma y dho Maestro tiene de llevantar las soleiras de la parte principal ...a nivel de las demas yglesia de arriva y allí fundar la puerta principal...para que quede mas segura.../”.

Cláusulas do contrato

Outra das cláusulas do contrato expón que Pedro de Casal debe romper a pedra que se atopaba nas proximidades do templo, é dicir, contra o mar. Deste xeito, o crego aproveitou para ampliar o adro. Isto danos a entender que a antiga igrexa atopábase no mesmo lugar que o de agora. A obra debe estar rematada o 10 de agosto de 1670, é dicir, que non podía excederse dos cinco meses. O contrato debulla outras obrigas do mestre canteiro: “/... y dho maestro tamvien tiene de marrear y quebrantar la piedra q esta junto a dha iglª por la pte (parte) de afuera derecho a la mar para que quede mas espacioso El portal de dha Yglesia. La qual dha obra la a de dar echa a dies del mes de agosto deste dho año.../”

O custo total da obra ascendeu á cantidade de 600 reais de Vellón, facendo Pedro do Seixo e Pedro Rodríguez Gandón unha primeira entrega de 110 reais nos primeiros quince días ao comezo da obra. Os 490 reais restantes serían abonados en dúas entregas, unha nos primeiros días de xullo e a outra unha vez rematada a reforma. Outra das condicións sinala que a parte contratante (a do crego Pedro do Seixo) debe achegar catro veciños de Aldán para axudar ao carrexo de pedras, de barro e de madeira para esta obra. Foron testemuñas do contrato o sacristán Álvaro Suarez, Juan Monteiro mareante, veciños de Cangas e Juan do Seixo el moço, veciño de Aldán.

*Veciño do Hío

Compartir el artículo

stats