O comercio local do Morrazo promociónase por vez primeira de xeito conxunto. Esta mañá presentouse, no Concello de Moaña, una das fases máis interesantes do plan de reactivación económica que están a poñer en marcha a Mancomunidade do Morrazo e a federación de comerciantes Fecimo. Inmersos nunha fase de formación dos empresarios locais para dar o salto ás vendas por internet nun marketplace que se dará a coñecer mañá, estes traballos poténcianse cunha campaña publicitaria que estará moi presente nas redes sociais. O obxectivo é que a poboación se implique co comercio local á hora de consumir e que as empresas poidan chegar mellor aos seus clientes, aínda en tempos de pandemia como os actuais, segundo indica a presidenta da Mancomunidade, Leticia Santos.

Para acadar estes ebxectivos recurriuse a creativos e a actores locais. O premiado estudio moañés GF/Studio, con moita experiencia no eido da publicidade, foi o encargado de "chegar a un público moi local", polo que recurriron ao humor, á idisioncrasia morracense e sobre todo ao xeito de falar da zona. Non só no tocante ao seseo e á gheada, senón tamén cunha labor de investigación sobre expresións propias da zona e compartidas pola maior parte das parroquias da comarca, segundo apunta o creativo e fotógrafo Jacobo Gayo.

Cada campaña gráfica está ubicada nun municipio. Na primeira, sobre o fondo da Fraga de Moaña, pódese ler o texto "Se fasemos ghasolina, que non imos faser?". A segunda amosa o porto de Bueu e a terceira a Costa da Vela canguesa coa expresión "Isi home! Aquí estamos como a madre abadesa". Toda a campaña será compartida na web domorrazo.com e nas redes sociais e agrúpase baixo a etiqueta #SonDoMorrazo, "que xoga tanto coa importancia de sentirnos do Morrazo como co son da nosa fala", indica Gayo.

No que corresponde aos spots, tamén se rodaron nos tres concellos. O primeiro deles ubícase na praia de Beluso. Actúa a actriz Casilda Alfaro e o actor vigués con familia do Morrazo David Carbó. Como nas outras pezas audiovisuais, amósase a confusión entre o emprego de expresións locais e os que non as entenden. Neste primeiro vídeo Casilda Alfaro aparece lendo un exemplar de FARO.

O segundo vídeo, tamén xogando co humor e con este tipo de confusións lingüísticas, rodouse nos camiños do monte de Broullón, en Moaña. Actúan a actriz moañesa Antía Costas e Rita Sixto, afincada en Cangas. O terceiro e último vídeo ten como escenario O Salgueirón de Cangas. Os actores son Lois Soaxe e Machi Salgado.

O xerente de Fecimo, Rodrigo Pastoriza, explica que a campaña estará en marcha polo menos durante un mes, "aínda que permanecerá durante moito tempo nas redes, porque transmite unha mensaxe de compromiso co local que nos parece moi bonita e que é atemoral".