Decorrendo a década dos 90, o local do BNG de Moaña ocupaba un pequeno baixo comercial no barrio do Con que estivera destinado antes a actividades pouco edificantes. Eran tempos nos que Xabier Abalo recuperara a alcaldía de Moaña e alí desenvolvíanse asembleas interminables ás que asistían X. M. Millán e a súa compañeira. El era un profesor mozo de Beluso, acabado de chegar a Moaña que viña xa co compromiso adquirido nos seus anos universitarios en Compostela.

A súa participación nas asembleas era bastante discreta. Parco en palabras, adoitaba opinar case ao final, cando xa se ían diluíndo os temas. As súas reflexións mudábano todo: centraba os debates, analizaba a situación con moito acerto e daba solucións moi atinadas. Cada vez que falaba, xirábanse as cabezas preguntándose quen era aquel rapaz que non deixaba indiferente a ninguén coas súas palabras.

Aquel profesor barbudo foise integrando pouco a pouco na organización de Moaña ata o punto de chegar a ser protagonista, sen querer, do relevo xeracional dos compañeiros e compañeiras que enfrontaran a transición. E acabou, a pesares de que non lle facía ningunha ilusión, asumindo a responsabilidade local e posteriormente, coa presión dun grupo de compañeiros e en contra da súa vontade, sendo candidato á Alcaldía .

E así, foise incorporando a disciplina organizativa do BNG local, aínda que ficou sempre desexoso de abandonar todo e dedicarse á súa verdadeira paixón: a literatura.

Para a militancia nacionalista de Moaña, Millán conseguiu reforzar as súas conviccións e o seu compromiso. Era unha persoa intelixente e sabia, moi formada, cun profundo coñecemento da nosa historia, cunha amplísima visión da realidade política e social e cunha inusual capacidade para analizar e, sobre todo, enfrontar e resolver os conflitos que ían xurdindo. Da súa man o BNG retomou o liderado das políticas locais desenvolvendo unha nova etapa transformadora. Co seu liderado e o traballo da militancia logo se recuperou a Alcaldía para o nacionalismo.

Sendo alcalde puxo os alicerces para modernizar a administración local, normalizou o cadro de persoal e construíu a Moaña que hoxe coñecemos. Unha Moaña urbanísticamente regulada por un PXOM que logrou sacar adiante con consenso, dotada de servizos punteiros como a Ludoteca Infantil ou a Casa da Mocidade. Con servizos básicos como a Escola Infantil ou a Piscina Municipal. Coa recuperación medioambiental da Xunqueira ou con outros moitos proxectos que fan de Moaña unha vila acolledora e chea de atracción para a veciñanza e para as persoas foráneas.

Cando accións “contra natura” lle impediron un terceiro mandato, continuou ao pé do canón, liderando a oposición e regalándonos as brillantes intervencións plenarias. Compatibilizou este labor coa volta ás aulas, a lectura (outra das súas paixóns) e o mergullo de novo na creación literaria. Froito desta etapa foi a publicación do seu libro de poemas As cinzas de Pasolini.

Rematado este período, e consciente de que no BNG e na sociedade mudaran moitas cousas, renunciou a ser candidato polo BNG colaborando coa rexeneración xeracional apoiando a actual alcaldesa de Moaña, Leticia Santos. Evidenciando así, unha vez máis, o seu compromiso coa organización.

Tocan horas amargas para o nacionalismo moañés. Quen nos guiou coa palabra, co argumento e a capacidade de convicción, quen fixo unha política lonxe dos populismos tan frecuentes nestes tempos, quen cría na política coma o labor de facer felices ás persoas déixanos agora orfos e apenados.

Mais quédanos a memoria para poder lembrar o seu traballo e a súa guía para aplicar o seu pensamento. O seu labor é o noso exemplo á hora de por todo o esforzo ao servizo do pobo, desa maioría social que fixo posible cambiar Moaña. Déixasnos tamén unha organización renovada e fortalecida, baseada na razón e na capacidade de convencer cun único obxectivo: unha Galiza soberana.

Dende a Asemblea local do BNG de Moaña GRAZAS Millán por tanto que nos deches.