Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

500 anos da asistencia sanitaria (IV)

Nesta segunda entrega sobre a sanidade bacteriolóxica do XIX, o autor cita ós primeiros doutores de carreira

Practicantes Cangas XIX. // Arquivo do autor

O boticario, xa asentado en Cangas desde anos antes, os dous médicos, o alcalde e o secretario, formaban a Xunta Local de Sanidade nestes mediados do século XIX. En Cangas, Bueu e zonas próximas, estes facultativos, tamén entre eles José Mª Porto de Moaña, terían un destacado papel na loita contra a epidemia de cólera morbo asiático chegado nun barco en novembro de 1853. Na primavera do 1854 xa se estendera desde o lazareto de San Simón a Redondela e logo a toda Galicia con maior ou menor intensidade en cada zona, chegando ata Tui e Vilagarcía. Na nosa zona, o primeiro morto por esta causa produciríase o 4 de maio no concello de Meira (Moaña) e en Cangas o día 17 deste mesmo mes. Para evitar a infección das vivendas con falecidos, habilitaríase no camposanto cangués, por recomendación do doutor Arnaud, un local para depósito dos cadáveres antes de seren enterrados, pois xa se dera o caso de que un que se dera por morto, apareceu logo á porta do camposanto no entorno da colexiata. Organizaríanse varias rogativas polas ruas e para purificalas dos "miasmas", acendíanse fogueiras nas prazas con ramallos de plantas oloríferas pero isto non evitaría que lugares como a rua Cega quedasen sen apenas veciños ao ser un vial sen saída, semellante a un patio e polo tanto menos ventilado, circunstancia que favorecería o contaxio. Os considerados mortos eran conducidos en padiolas ao cemiterio ben de noite ou a primeiras horas da mañá para evitar contaxios e máis alarma social, destacando o labor dos sanitarios existentes e o do párroco José Martínez na atención espiritual dos enfermos e mesmo no seu traslado ao cemiterio en caso de falecemento.

Numerosas reales ordes, decretos e leis, entre eles a L. O. de 1855, considerada a primeira lei sanitaria pública, habían sucederse nos anos posteriores, fixando o número de facultativos titulares (1 cada 300 familias), os seus dereitos económicos e contratos cos concellos, servizos pactados e outras disposicións. A ley Moyano de 1857 faría desaparecer a figura do cirurxián romanista e veu asimilar aos xa escasos barbeiros cirurxiáns "de traje corto" que quedaban, equiparando estes oficios aos de practicante, profesión que xa exercían dous en Cangas en 1870. Entanto, unha vez superada a epidemia, o gobernador solicitaría informes sobre a situación de hixiene da vila que lle sería remitido polos facultativos en exercicio, Arnaud e Romay, facendo fincapé no aspecto das condicións das vivendas pequenas e mal ventiladas e na sua falta de limpeza contando case todas con algún cortello no que crían porcos e tamén galiñas que adoitan andar polas ruas. Inciden tamén en que o osario no camposanto parroquial é utilizado máis como vertedoiro no que apodrecen restos de todo tipo, incluso de polbo, e que a medida de limpar a frente dos portais das casas que se implantara durante a epidemia, a penas se pón en práctica. Na altura de 1860 o Concello de Cangas incluía nos seus presupostos uns 300 reais de gasto para dedicar á beneficencia.

Ainda que os sacamoas seguirían operando durante anos polos pobos e feiras, en 1876 xa se doutora, Carlos Mosquera, o primeiro odontólogo de carreira de Galicia. Cara a 1873, tamén se instalaría por un tempo en Bueu, o doutor José Benito Soage Caamiña e en 1879 xa exerce en Moaña (concello de Meira) Victoriano García Mariño a quen se uniría no 1881 Eugenio Sequeiros Matos. Este facultativo fora nomeado director do Lazareto de San Simón en xaneiro deste ano, cargo ao que renunciaría en abril para trasladarse a Moaña onde tamén sería alcalde entre 1892 e 1898. Tamén en 1879 comezarían a exercer os médicos Bernardo Paz Santos (O Hío) e José Benito González Arís (Aldán), ocupando praza en Cangas, ademáis de Arnaud, os cirurxáns (practicantes desde 1874) Manuel Vila, Ramón Graña, Manuel Rivas Couso e Cloridano Sotelo Pinto, exercendo este oficio no Hio Manuel Lourido Besada. Ao se retirar Arnaud, o médico-cirurxán do Hío (en Vilariño), Bernardo Paz Santos, ocuparía o posto de médico titular asistencial de pobres por un tempo, ata que foi sustituído en 1883 por José Benito González Arís, antes en Aldán, cunha paga anual 2.800 reais. En Bueu tamén exercían o médico José Massó e o cirurxián Severino Figueirido que logo pasaría a Cangas en 1885 para actuar xa como médico. Neste mesmo ano, os médicos-cirurxiáns conseguirían equiparar estes títulos ao de médico, a través dun Real Decreto do Ministerio de Fomento sendo que en Cangas exercerían agora Leonardo Arnaud, Senén Gómez Romero e Severino Figueirido (antes cirurxán). En Hio el Aldán seguían os mesmos facultativos e Cloridano Sotelo continuaría como practicante sendo que o doutor Benito Núñez iría ocupar praza en Meira mentres que a de Moaña seguía atendida por Sequeiros Matos.

O descubrimento da anestesia e da asepsia faría que a cirurxía, reservada só a procesos de amputación e que ata o de agora era un procedimiento traumático, de último recurso e con alta mortandade, se convertese nunha especialidade de alta cualificación profesional. Despois de varias ordes e decretos, o 14 de xuño de 1891 apróbase definitivamente un Regulamento que vén organizar o servizo benéfico-sanitario dos pobos que non excedesen de 4.000 veciños, segundo o cal era preceptiva a presenza de Médicos Titulares nestas poboacións que debían estar en posesión dunha Patente para exercer a profesión (control de Facenda) e expedir receitas. Nesta década finisecular exercían de médicos en Cangas J. Benito González Arís, Senén Gómez Romero (en 1895 foi nomeado médico militar do reximento Castilla), Severino Figueirido e o doutor Arnaud que falecería en 1895, retirado da función publica, como dixemos, pero non da privada.

Na altura de 1896, cando se inaugura en Vigo o hospital Nicolás Peña, sumaríase José Benito Soage Camiña aos dous médicos existentes en Moaña e aos dous de Bueu, o doutor Manuel Rioboo. Duas farmacias en Cangas, unha en Bueu e algúns practicantes completaban a atención médica nestas datas finiseculares. A falta de recursos municipais para o sostemento da Beneficencia en Cangas, obrigaba por veces ao recargo de impostos sobre a venda de produtos agrícolas, peixe, polbo ou na pasaxe a Vigo, perdurando este sistema ata os anos trinta do século XX, ainda que con outras formas de tipo voluntario.Un gran avance na loita contra o cólera, a variola, o tifo, o sarampelo, a tuberculose... sería a creación en Pontevedra (1879) do Instituto Antirrábico e Antidiftérico polo doutor Cobián Areal, labor continuada despois por García Feijoo, ambos directores do Hospital Municipal de Pontevedra cando se creou en 1897. Despois da gran epidemia de tifo que asolou a illa de Ons en 1887 tamén porían en marcha o Instituto Antivacinóxeno (1889) no que elaboraron unha linfo vacina antivariólica, creando, asemade, o novo Instituto Antipestoso (1899) para combater a peste bubónica. A loita contra a lepra ou elefancia, que repunta fortemente nestes anos, ainda que non tan contaxiosa como as epidemias, a penas vai ter atención no Hospital pontevedrés e na recén habilitación como lazareto da Illa de San Simón.

Un Real Decreto de 14 de Xuño de 1891 vai dar outro paso máis na implantación da sanidade nas poboacións de menos de 4.000 habitantes ordenando que haxa facultativos municipais de medicina e cirurxía e de farmacia, custeados polos Concellos "debendo uns e outros Profesores posuir o título de Doutor ou licenciado expedido polas Universidades do Reino". En 1894 algúns colectivos de mariñeiros constituirían, a semellanza das agrarias, sociedades de socorros mutuos a través das que contrataban a un médico-cirurxán cada 200 socios (dous se chegaban a 500), dispondo tamén de practicante e farmacéutico. A contrata co médico incluía atención na consulta e a domicilio, receitas en "papeletas" da asociación e a atención aos familiares directos. En agosto de 1895 retornaría a Cangas como médico titular Senén Gómez Romero, depois de servir uns anos como médico militar. No mes de xaneiro de 1899 unha circular do Gobernador Civil insta ao alcalde de Cangas a que non permita baixo ningún concepto que os enterramentos se fagan en caixas descubertas, moi habitual na zona, pois poden ser obxecto de contaxio bacteriano.

(*) Profesor e investigador

Compartir el artículo

stats