Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Batería en Cangas contra os "yankees" (II)

En xuño de 1898 chegaron a vila un cento de soldados mineiros e zapadores

Aproximación dos terreos que no seu día estiveron ocupados pola Batería de Punta Borneira, no lugar de Balea. // A.G.

A chegada das Brigadas Militares de Obras a Cangas para iniciar o Forte de Balea foi todo un acontecemento para o pobo, mostrándose este entre perplexo e atemorizado ante a nova e descoñecida situación que se nos viña enriba. O feito de ter que enfrontarnos os navíos USA, era algo que quitaba o sono, producía medo.

1898 - Domingo 21 de xuño. Un par de meses máis tarde da proclamación da Guerra, foi cando chegaron a nosa Vila 105 soldados mineiros e zapadores, con fin de acondicionar o terreo de Balea, para o fin establecido. Ademais da posta a punto das citadas baterías, o Comandante de Mariña de Vigo, solicitou mediante telegrama a Xefatura de Obras Públicas de Pontevedra, o apagado dos faros de Cíes, e Cabo Silleiro. Este era o contido da misiva: "Siendo urgente servicio mi telegrama ayer, ruégole que de estas en sus atribuciones, ordene provisionalmente apagar luces faros de Cíes y Silleiro, y recoger boyas señaladas en oficio 19 corrientes suplicándole pronta contestación." Todo iso co fin de entorpecer a "inminente chegada" dos navíos norteamericanos ata nosas costas.

A desaparecida "Batería de Punta Borneira", atopábase nunha cota de 34 metros sobre o nivel do mar, dispoñía dunha superficie de 11.683 metros cadrados, e unha lonxitude da maxistral de 78 metros, cunha liña de fogo de 24 metros en posición monolítica (con unha soa liña de fogo), con tres explanadas de fogo, e dous repostos a proba, ademais de obras de fábrica. Dada a situación das plataformas, nunca chegou a ser artillada. Sendo o seu obxectivo o de vixianza, xunto a de Punta Muiño, así como de fustrigar calquera intento de desembarco nas praias do Morrazo.

1898 - 30 de maio. Saíron de Pontevedra con dirección Vigo, as forzas do Rexemento de Murcia, que logo postas na cidade da oliveira, colleron o vapor para Cangas, onde se concentraron, para substituír o Batallón de Zapadores da Habana.

1898 - 24 de xuño. Xa estaban en Cangas a totalidade dos soldados da Compañía de Enxeñeiros Zapadores-Mineiros, coa misión de fortificar Punta Borneira, o igual que outros lugares do Municipio.

1898 - Primeira semana do mes de xullo. Comezaron a ocuparse dos traballos de cantería, os operarios cedidos polo contratista Rafael Montesinos, que neses intres, estaba executando as obras do dique vigués, que enlazaban coa Ribeira.

1898 - 9 de xullo. De Pontevedra. Coñeceuse a noticia de que un novo continxente militar pertencente o Rexemento de Murcia, irán en breve para Cangas para auxiliar nos traballos de defensa que se desenrolan no lugar de Balea. Tamén co mesmo destino, partiron unhas carruaxes ateigadas con tendas de campaña, roupa de cama, ademais de utensilios de cociña, no que incluíase fornos, co fin de preparar o rancho para os alí destinados. Tamén confirmábase, que a guarnición viguesa do Castro en Vigo, con poucos efectivos, fora xa reforzada con 80 novos soldados de Infantería. O frenético ir e vir de tropas, era unha constante, o medo ante a ocupación yankee, causou inseguridade e trauma entre militares, e indubidablemente entre a veciñanza.

1898 - 11 de xullo. Saíron para o Grove a Compañía de Zapadores-Mineiros, que se atopaban en Alcabre; e hoxe marchará para o mesmo lugar, os que estaban ocupados na fortificación de Balea. Tal era o desconcerto, que 5 días máis tarde de estar traballando no Grove, unha das Compañías de zapadores-mineiros, volve de novo a Cangas, con fin de axilizar os traballos de fortificación. A intensidade con que desenrolaban os traballos, foi a causa de numerosos accidentes. En Cangas, dous obreiros, foron vítima da explosión dun barreno. Chamábanse os feridos, Angel Cortegoso, e Francisco Cortizo. O primeiro sufriu feridas contusas na rexión parietal dereita e torácica, máis, queimaduras graves nos dous ollos. O segundo, sufriu queimaduras na cara e man dereita, con estalido do globo do ollo dereito, e esgazou o párpado do mesmo lado. Ambos feridos foron trasladados a Cangas onde recibiron os primeiros auxilios. Despois de recibir atención médica, embarcóuselles dirección Vigo, onde foron atendidos no Servicio de Socorro, polo doutor Iglesias, que dispuxo o inmediato ingreso no Hospital Elduayen, onde a Cortizo foille amputada a man dereita.

1898 - 24 de xullo. O xornal vigués "El Independiente", que dende a súa dirección dáballe total credibilidade o desembarco das forzas navais dos Estados Unidos de Norteamérica, nas nosas costas. Publicaba con relación o traslado de militares a outros lugares do Estado, o seguinte : De que por Real Orde do Ministerio de Guerra, sairán de inmediato para Logroño, o batallón de Enxeñeiros Zapadores - Mineiros, que tiñan a cargo as fortificacións das Rías do Sur de Galicia, e tales noticias dunha maneira directa e concirne os nosos intereses, a vida, e os fins presentes e futuros da poboación de Pontevedra, e moi especialmente a próspera Península do Morrazo. Por outra banda, todos coñecían a significación estratéxica da Ría de Marín e Pontevedra, que eran os verdadeiros "auxiliares" de Vigo, o abandonar todas fortificacións desta costa, e esquecer toda prevención, e non temer a norte, que tan inaxeitadamente, chegou as Antillas e o Arquipélago de Legazpi, como novamente pode suceder, coas nosas costas desprotexidas.

Os enxeñeiros marcharon do Grove, da Portela (interior da ría de Vigo- Redondela), e de Balea, pero é urxentísimo que os Fortes continúen: que se comece as vías estratéxicas, e que se alente e fortifique o abatido espírito destas sinxelas xentes, que miraban neses corpos militares, a defensa dos seus fogares e a trincheira dos seus intereses persoais. Non creemos, engadían, que esa determinación, sexa definitiva, debe obedecer a causas persoais das presentes circunstancias. Agardemos que continúen coas obras xa estudiadas e principiadas, sen a necesidade de que dende estas columnas, excítese o celo dos deputados de esta rexión, e dos políticos que a moven, e inda ? dos Concellos; que son a verdadeira, ou o menos, a probable representación dos pobos.

1904 - Primeiros días de marzo. Son chegados a Cangas procedentes de Vigo, a Compañía de Zapadores do rexemento de Murcia, o mando dun capitán, e dous tenentes; constituído por 70 homes, que proseguiron con dirección a Nerga, onde teñen a orde de continuar os traballos de atrincheiramento, que paralizaran, cando a guerra contra os Estados Unidos.

Esta traballos, teñen como principal obxectivo, evitar no futuro posibles desembarcos de tropas inimigas, nese punto estratéxico da Península do Morrazo.

Desmantelamento e poxa dos terreos do Forte de Balea

En 1959 (BOE 30 de novembro) o Ministerio do Exército anuncia en pública poxa a venda do Monte da Chan:

"Propiedad denominada "Batería de Punta Borneira" (Monte da Chan"), sita en Cangas (Pontevedra), en el kilómetro 14+500 de Bueu a Cangas y a 1.500 metros de Cangas por un camino de servidumbre que llega hasta la posición. Tiene una superficie inscrita de 11.683 metros cuadrados (13 parcelas de terreno, denominado como antes se indica).

Linderos: Al Norte, con terrenos de don José María Gamallo y don José Pastoriza; al Sur, con herederos de don Juan Barreiro, don José Gamallo y don Emilio Piñeiro; al Este, con don Luis Piñeiro Entenza y el camino vecinal de Cangas; y al Oeste, con herederos de Juan Millán y don Angel González.

Precio mínimo : 584.150 ptas."

Os gastos de este anuncio, serán a cargo do adxudicatarios. Vigo 14 de xaneiro do 1959"

Este primeiro intento de poxa quedou deserto.

1960 - Día 13 de setembro. Na acta do pleno celebrado no Concello de Cangas, aparece reflexada unha pregunta do concelleiro Lino Pérez Paz, no que solicita o Concello, que se pregunte pola situación dos terreos do Forte de Balea, coa intención de poder facer neles vivendas sociais. A resposta de José Mª Pérez Barros, alcalde nesa época, tras previa consulta co Goberno Militar; responde a Lino, que o prezo para o Concello, estaba fixado en 400.000 pesetas. Cantidade inasumible por aquel entón, para as arcas do Concello.

1963 - O día 18 de maio. Aparece novamente no Boletín Oficial do Estado- BOE, nº 119. Unha nova puxa para a venda do solar da antiga " Batería de Punta Borneira", propiedade do Estado (Rama Exercito), en Cangas (Pontevedra). A venda faríase nas mesmas condicións do ano 59, salvo a non aparición pública, do prezo de saída, o contrario do ano 59, en que si o era. A puxa celebraríase o 5 de xullo do 1963, nas sedes da Capitanía Militar de Coruña e Vigo. A partires dese momento, e co resultado positivo para o exército. Déuselle carpetazo o lugar de Balea, que fora acondicionado no seu día para facerlle fronte a todo un exército dos Estados Unidos de América; aínda que posteriormente descartado, por estar o alcance de tiro da fortificación de Punta Muiño en Alcabre.

Antes de dar por rematado este escrito, non podo desaproveitar a oportunidade que me brinda Faro de Vigo para reivindicar un lugar na historia daqueles conveciños que foron levados alén do Atlántico e atoparon polo xeral a condena para sempre á miseria, ás enfermidades e o peor: ao esquencemento.

Non estaría de máis levantar un monumento no lugar do Monte da Chan, hoxe chamado rúa do Forte de Balea, en lembranza das persoas que sufriron semellante maltrato no 1898.

*Veciño de Cangas

Compartir el artículo

stats