Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Fonte de San Amaro en Aldán. // Arquivo do autor

A arquitectura da auga (I)

O historiador Xerardo Dasairas describe as fontes máis monumentais de Cangas, neste capítulo as do Hío e Aldán

Tamén, como xa vimos, hainas moi modificadas como a Fonte Ferreira que perdeu a sua primitiva feitura cunha desfavorable intervención na mesma, inexplicable hoxendía. Outras veces, a instalación dunha fonte para abastecer de auga a un barrio conlevaba negociacións con particulares como aconteceu en setembro de 1927 coa fonte e lavadoiro da Espiñeira que dependía dun manancial particular pertencente ao señor Guerra. Porén, outras, sen arquitectura importante, alcanzan valor literario como a de Menduíña na que Cunqueiro, segundo conta, fixo amizade cunha lontra que ía beber nela polas noites.

A fonte de Ogeo

Xa demos conta dalgunhas das innúmeras fontes coas que conta o noso concello e centrámonos agora naquelas que, ao noso entender, podemos considerar como senlleiras por algunha característica construtiva que as singulariza. A primeira delas pola sua antigüidade é a existente no actual pazo abacial do Hio denominado Casal d´Ogen/Ogeu en 1468 polo importante ollo de auga (Ogeo=oculo>oclo>ojo) existente no lugar. Este manancial, en orixe, discorría uns cantos metros monte abaixo por frente do casal, estancándose nunha zona chaira onde provocaba un ulló ou lagoíña que lle deu nome ao lugar. Coa erección da igrexa perto deste espazo por causas relixioso - extratéxicas, o nome pasaría a denominar a toda a parroquia. A evolución do nome Hio, que tén a mesma orixe latina en oculu, evoluciona no galego Ollo e non en castelán como Ogeo. A primeira grafía aparece en documentos medievais escrita como Yo (du Yo, do Yo, doYoo) e que atopamos tamén no topónimo Duio (Duyo) de Fisterra. Xa no século XVIII sería o padre Sarmiento quen se fixese eco do topónimo, aludindo ás formas medievais anteriores pero tamén a coetánea de d´Huyó de onde se lle incorpora o -h- que conserva hoxe. En todas elas o -Y- (semiconsoante yod) debe pronunciarse como -LL- resultando a palabra galega illó/ulló que, como dixemos, significa terreo asulagado ou lagoento como ocorre no Ulló de Vilaboa e outros moitos esparexidos por Galicia.

A finais do século XVI, cara a 1581, ao converterse o antigo casal en reitoral, parte da auga do manancial de Ogeo foi conducida mediante unha canle cara o interior do primeiro andar do edificio. Mais, ainda sería en 1760 cando o abade Juan Jacinto Gregorio de Castro Pereira y Ozores de Sotomayor, lle dese a forma pétrea que coñecemos hoxe, con dous canos de auga presididos por un escudo coas armas de Castro. Este brasón loce unha ostentosa coroa propia de reis, condes, marqueses... sen motivo de que este abade puidese usala ao non posuir ningún dos títulos anteriores.

En 1864 sería o abade Juan Manuel Míguez quen dotase a esta fonte pública de pilóns para servir de lavadoiro que máis modernamente se cubriría cun tellado que se ben moi práctico pola protección que prodiga, réstalle certa fasquía ao conxunto da mesma construción.

A fonte da reitoral

Cando aquela casa de sobrado vai evolucionando cara a sua estrutura pacega, o párroco Ventura de Aldao erguería en 1677, frente á antiga escaleira ( logo eliminada) de entrada ao edificio, unha fonte artística conformada por un pilón e lavadoiro, enmarcado no centro de dous muros de sillaría con asentos. Nestes muros, ainda que con dificultade, pode lerse unha inscrición en latín que un tradutor de antano lle atribuiu ao poeta Ovidio. No paramento da esquerda lese: ALDAVS INGENTI CONCVSVS NECTARIS AESTVR HOC AD POTANDVM NOBILE FECIT OPUS (Aldao, enardecido polo vigor do néctar, fixo esta nobre obra para bebelo) e no dereito continúa con LAVDIBVS INTVMEAT DVM QVEMQVAM DICERE COGIT: QUO PLVS SVNT POTAE PLVS SITIVNTVR AQVAE. ANNO 1677 que se traduce como Gábabase dela con louvanzas que inducían a calquera a dicir: Canto máis se beban estas augas, máis se desexan. Ano 1677.

As fontes da Torre de Aldán

Ainda que oculta á vista polos altos muros que rodean o pazo, soubemos por primeira vez desta fonte ao aparecer reproducida nun cartel da Deputación dos anos setenta polo cal lle seguimos a pista ata dar cunha fotografía reproducida nunha revista dos anos vinte. Esta fonte monumental de estilo barroco está enmarcada nun espazo axardinado e mostra na base duas cabezas mitolóxicas que deitan auga polas súas bocas. Por enriba destas e nunha fornela con arco de medio punto, ubícase unha imaxe da virxe, enmarcada por columnas adosadas. No cimo, dous pináculos e no centro, máis elevada, sobresae unha cruz. Segundo contan, semella que en tempos pasados, a auga desta fonte chegaba ata o mesmo salón do pazo.

Na Finca do Conde ou Frendoal (freixoal?), lugar de lecer dos señores, hoxe máis coñecida co alcume de Bosque encantado, existe unha pequena fontela de pedra que xa acusou a inxerencia vandálica nos seus elementos. Este manancial vén completar un conxunto conformado polo rio que xunto cun acueduto (rebautizado dos Mouros ou da Condesa) e a mina que abastecían auga para o regadío, conforman un complexo arquitectónico que tén a auga como motivo principal. Esta finca ficaría segregada da Torre ao facerse a estrada Bueu - Cangas pola costa e afectaríalle a un dos dous arcos cos que contaba o acueduto ao que se lle atribúen tres séculos, ainda que hai quen o ve como obra medieval e incluso romana (?). O que si é certo é que algúns sepulcros medievais, abundantes neste lugar da Torre, aparecen convertidos en bancos. Este espazo, que inclúe un castelo-muiño e outros elementos, está a reclamar unha maior atención ante a sua popularización e as numerosas visitas que recibe sen ningún control.

A fonte de San Amaro

San Martiño de Dumio aló polo século VI e un século despois, San Eloi e o concilio de Braga, continuaban a atacar as supersticións pagás, entre elas as referentes ás fontes, ante a obstinada resistencia dos galegos a abandonaren as súas antigas crenzas que se perpetuarían ata os días de hoxe. Isto non ten nada de estraño pois na simboloxía das augas, elemento primixenio máis forte que os outros, estas representaban a vida, a fecundidade, a saúde, a sabencia e por ende todo aquilo que supón purificación, redención e penitencia que se perciben condensados, por exemplo, no ritual do Bautismo. A cristianización dos mitos, dos símbolos e dos ritos (moi antergo é o da auga e do lume novo no Sábado Santo), sincretizándoos as máis das veces, tamén deu orixe a que moitas fontes levasen o apelativo de santas. Nesta categoría podemos mencionar a fonte do San Amaro en Aldán que foi aproveitada e construida para dar servizo aos romeiros. A sua estrutura ben pode datarse a partir de construción da igrexa cara o ano 1665. Ainda que máis sinxela e con un só cano, esta fonte presenta unha estrutura semellante á de Darbo, inda que con menos traballo de cantería que lle restan valor artístico.

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.