Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Delicatessen

Un traballo fresco, imaxinativo e ateigado de raras delicadezas

Un momento da representación de "Comedia aquilana", o venres no Auditorio de Cangas. // Santos Álvarez

Unha delicatessen, un deses bocados que se inxiren polo mero gusto de saborear algo exclusivo e de elevada calidade na execución. O que en principio parece unha reconstrución puramente arqueolóxica do teatro renacentista español acaba revelándose como algo moi distante do museístico. Trátase máis ben dun exercicio altamente estilizado que relata unha historia coñecida: amantes imposibles, identidades ocultas, equívocas relacións entre homes e mulleres e entre amos e criados, enganos, un final feliz.

O amante do teatro, da maquinaria que se oculta por detrás das historias contadas dun escenario, atopará en "Comedia aquilana" todos os motivos para gozar dunha montaxe ateigada de raras delicadezas: unha música interpretada en directo que acompaña pero tamén axuda a alixeirar o ritmo da comedia; un escenario funcional que lembra os teatriños ambulantes dos cómicos antigos e evoca os diferentes espazos cunha elegante sobriedade; un vestiario imaxinativo que se permite unha chiscadela extravagante á pintura de Arcimboldo sen renunciar á súa función de caracterizar personaxes; un deseño de luces que prioriza a eficacia pero que non abdica dos efectos xustos para achegarlle claridade a trama.

Nese traballo de estilización, o traballo fresco e imaxinativo do elenco xoga un papel importante; e o recurso ás estratexias da commedia dell'arte -Torres Naharro escribiu a maioría da súas comedias en Italia- permite tinguir de ironía un argumento que, para o público contemporáneo, resulta máis ben melindreiro.

Dito isto, tamén hai que advertir que o virtuosismo ten os seus riscos: a talvez innecesaria "reconstrución" do castelán da época, por exemplo, non contribúe especialmente a reducir a distancia entre a escena e o patio de butacas. E as contadas concesións ao popular seguen exhibindo un regusto áulico que estiña as fontes do humor que poderían achegar o público á trama.

Se cadra, a cuestión é se a ficción se parece a realidade ou se pretende creala. A comedia amorosa -a de agora e a de hai cincocentos anos- tende á bioloxía, ou sexa, a darnos unha visión da vida na que a busca de parella é a preocupación básica dos personaxes. É unha forma de ver iso que chamamos enredo amoroso: sexo tenue, trama lixeira e sentimentalismo conciliador. Máis o cadro quedaría incompleto sen as escenas nas que os criados logran prostrar aos amos. É por ese lado por onde a comedia se achega máis a unha sociedade onde o romanticismo é unha cuestión de privilexio: debe haber aí menos actitude e máis músculo.

O público de Cangas entendeuno así: divertiuse co que lle atinxía e aplaudiu respectuosamente a consistencia dunha proposta certamente notable.

Compartir el artículo

stats