Arancha Nogueira é a nova gañadora do Premio Johan Carballeira de Poesía, que se fallou onte. O xurado escolleu o seu poemario "O silencio das gaivotas", do que destaca o "hábil manexo da sinxeleza e da tenrura, a coherencia estrutural dunha historia áxil e luminosa que é quen de conmover pero tamén de deitar achados poéticos". O galardón inclúe unha dotación económica de 1.500 euros e a publicación do libro por parte de Edicións Xerais.

O xurado reuníuse onte no Concello de Bueu e estaba integrado polas poetas Míriam Ferradáns, Tamara Andrés e Berta Dávila. O traballo Arancha Nogueira resultou o gañador entre case 60 poemarios presentados. As integrantes do xurado suliñaron no seu ditame que "O silencio das gaivotas" destaca tamén "pola honestidade da verdade autorial e verdade da escrita, e os eixes temáticos aluden a unha revisión do mundo infantil contemplado desde o rescate do paraíso perdido e do que se conserva del".

Arancha Nogueira é licenciada en Xornalismo, conta cun mestrado en Literatura Comparada e Crítica Cultural e residiu en Madrid, Porto, Belfast e Ourense, a cidade da que é natural. Actualmente forma parte da comunidade crítica cultural feminista "A sega".

Con este fallo complétase o palmarés deste ano dos premios Johan Carballeira posto que hai unhas semanas o xurado da sección de xornalismo concedeu o galardón a Aser Álvarez pola súa reportaxe "Ferrín e a poesía do circo".