As tres vocalistas galegas, Paula Romero, Inés Salvado e Faia Díaz, xunto ás cordas do guitarrista Guillerme Fernández, integrante de Berrogüeto e Guadi Galego, demostrarán mañá ante o público cangués quen son De Vacas. O cuarteto xera sensacións por onde pasa coas súas cancións tranformadas en galego, cheas de humor e sátira. Por primeira vez actúarán en Cangas nun concerto para todas as xeracións, a partir das 22.30 horas no recinto das Naves de Ojea.

- Que expectativas tedes para este primeiro concerto nas terras morracenses?

-Intentaremos remexer Cangas. É a primeira vez que vimos e para nós cada concerto é unha experiencia nova, cun público diferente. Sempre tocamos noutros lugares e estivemos en Pontevedra cidade, pero na provincia en sí, moi pouco. En Cangas esperamos dar a nota, pero dar a nota afinada.

-En que momento pasan de ser un grupo de amigas dun coro a converterse en De Vacas?

-A verdade é que nos ensaios do coro recordabamos cancións das Spice Girls, tiñamos os temas máis que sabidos, as voces e as vestimentas, incluso coreografiados. Entón comezamos a elucubrar sobre un grupo tributo ás Spice Girls. Como coñeciamos ao noso amigo Guille, que é tan bo músico e cercano, aproveitamos para comezar o noso proxecto. Ao comezo tomounos a broma, pero logo todo foi deixarse levar. Coa súa incorporación transformouse a idea orixinaria do grupo e puidemos destripar as cancións comerciais.

-Amodiño, Wannabe ou o Gagnam Style son algúns dos seus temas máis coñecidos. Como xorde a idea de versionar estas cancións?

-Nós desvestimos as cancións e vemos a súa esencia, imos máis aló. Incluso xa non é unha versión, senón que nese proceso de tranformación cámbiase totalmente e créase algo novo. É algo moi natural que nos sae sin querer, asumimos o noso xeito de ser. Gústanos a melodía, entón escollemos esa canción para contala desde a nosa propia visión.

-E que lles fixo escoller o nome do grupo "De Vacas"?

-Non tiñamos moi claro o nome, pero sempre nos chamabamos Pinta, Marela e Morena. Xa ven de atrás. A vaca é un símbolo do país e da paz, recuperámolo de Castelao. Son bonitas e transmiten tranquilidade, aínda que ás veces se poñan rabudas. É o noso sello particular, somos de aquí.

-Outro dos seus símbolos nos escenarios é o humor e retranca. Por que é tan importante para vos?

-Temos a sorte de coñecernos e levarnos así de ben e somos naturais. O que pasa nos escenarios é o que somos. Desfrutamos do que vivimos e sorpréndemonos, cada concerto é diferente. O humor e sátira son formas de chegar a temas máis serios, non tratamos de ofender a ninguén. A día de hoxe aínda non somos conscientes da repercusión que temos. Fai unhas semanas en León déronnos o premio "Territorio Violeta"pola igualdade. Non só nos premiaron o espectáculo, senón os valores que transmitmos. Para nós é un orgullo.

-Pensaron en dar o salto á composición?

-Temos na recámara "El anillo pa' cuándo" de Jennifer López, pero é algo tan tremendo que nos custa[risas]. En canto á composición, estámola probando. Non queremos facer un gran cambio, só estar atentos á nosa realidade, captar o momento oportuno. A nosa esencia é responder á pulsión que temos e subirnos ao carro, intentalo. Somos imprevisibles e creo que iso é o noso punto forte. Temos moito por facer aínda e ganas de renovarnos.