O bote polbeiro "Vila de Bueu" xa surca polas augas da ría de Pontevedra. O novo membro da familia de Os Galos recibiu onte o seu bautismo á maneira tradicional, cunha madriña de excepción que se encargou de regar o seu casco cunha botella de viño tinta femia de Cela. Foi toda unha festa, con gaiteiros incluidos, na praia de Banda do Río e na que Os Galos quixeron facerlle unha novo chisco a Manuel González "Purro", o carpinteiro de ribeira que se encargou de dirixir a construción do "Vila de Bueu": a madriña da embarcación tamén ten ADN Purro posto que a persoa elexida foi Lola, a neta de 8 anos do carpinteiro de ribeira. E a honra de patronear o "Vila de Bueu" na súa primeira singladura foi para o presidente de Os Galos, Víctor Domínguez, un dos principais valedores da conservación e da promoción da navegación tradicional en Bueu.

O encontro deste ano logrou reunir ao redor de 25 embarcacións chegadas desde toda a xeografía galega, que constituían unha magnífica representación da navegación tradicional: botes polbeiros, dornas, lanchas xeiteiras, racús ou galeóns chegados desde Bouzas, O Grove, a Illa da Arousa, Portonovo... A participación chegou incluso desde Portugal, coa embarcación "Santa María dos Anjos", chegada desde Esposende. Tamén destacou a presenza dun galeón de dous mastiles do norte de Europa, o "Norda", que estes días estaba fondeado na zona de Ons e que se quixo sumar a esta festa.

A primeira saída para navegar tivo lugar ao redor das 11.00 horas, cunha boa xornada para percorrer a ría grazas a un vento fresco do noroeste. Á volta os participantes desplazáronse ata o Museo Massó para acudir a presentación do novo número de "Ardentía", a revista que edita a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, e para visitar o pecio da "Marina", a última lancha xeiteira que se conserva.

A saída para navegar da tarde estivo precedida polo bautismo do "Vila de Bueu". Trátase dun bote polbeiro un pouco máis grande do que soe ser habitual. Coa súa construción Os Galos quixeron formar a novos aspirantes a carpinteiros de ribeira, que tiveron como mestre a Purro. O proceso durou algo máis dun ano e foi documentado nun video. A botadura tivo lugar na praia da Banda do Río e a continuación todos os barcos do encontro acompañaron ao "Vila de Bueu" na súa primeira singradura.

Nesta nova edición do Encontro, Os Galos decidiron recuperar unha actividade que nunha ocasión anterior causara unha gran impresión: a largada dunha rapeta. Trátase dun arte de pesca mixta de arrastre e cerco, que se desenvolve moi preto da praia. No mar colócanse dous calóns ou paus grosos, que se encargan de manter estendida a rede e a medida que se arrastra os laterais vanse pechando e cercando as especies que están no seu radio de acción, que acaban no cope. Trátase dun arte que xa non se permite posto que é moi pouco selectivo: colle calquera especie e de calquera tamaño. A de onte era somentes a demostración dun arte de pesca tradicional, que contaba cunha autorización da Consellería do Mar para a ocasión. Iso si, coa condición de que todos os peixes que acabaran no aparello fosen devoltos ao mar.

O XXII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Bueu rematará hoxe cunha nova saída a navegar pola ría, despois da cal os participantes comezarán o regreso aos seus puntos de orixe.