Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Plano da remodelación do Cine Prado, do famoso arquitecto vigués Manuel Gómez Román. /Manuel G.Román

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro en Moaña 1915-1960 (II)

A Guerra Civil supuxo unha interrupción na representación de obras de carácter profano e ata finais da década de 1960 a maioría das veladas estaban vencelladas ao catecismo. Aínda así houbo obras de carácter histórico, como "María Estuardo"

Esta presión social republicana foi respondida nun comunicado das Juventudes Católicas que, aparte do anuncio dunha velada literaria-musical para o domingo 21 de xaneiro de 1931, manifestaba que a maioría dos seus asociados eran netamente católicos e por moito que fixeran os contrarios, non serían capaces de arrincar da súa alma o espírito do catolicismo.

Independentemente das dúas tendencias ideolóxicas anteriores, aparece en marzo dese mesmo ano de 1934, o popular cine Silvent, que fai un percorrido por varios lugares das parroquias moañesas. Neste caso, ademais das proxeccións cinematográficas, o equipo familiar de Silvent, presentaba un número de variedades e un teatro en miniatura de marionetas denominada "Cascabel", enfocado aos máis pequenos e que acadou un notable éxito; de feito José Silvent Martínez está considerado como o pioneiro en introducir a arte das marionetas en Galicia.

Pero sen dúbida a súa grande e popular obra foi a denominada "Barriga Verde", na que o propio José Silvent se identificaba co personaxe. Os nosos maiores lembran moi ben como Barriga Verde era representado polos títeres que se facían polas parroquias, e sobre todo no barrio da Praia, onde os veciños portaban bancos e banquetas para sentarse e contemplalos no eirado que había fronte ao Pósito.

Seguindo coa cronoloxía, non atopamos datos da festa catequista de 1935; no entanto, si aparece o cadro de declamación do catecismo moañés, cuxos compoñentes saíron ás oito da mañá cara a Bueu para colaborar nunha velada recreativa. En xaneiro de 1936, este cadro católico, puxo en escena a obra dramática en tres actos "Por Cristo Rey". Pola contra na festa da catequese dese ano, celebrada en maio, só se ten recollido unha función infantil do cadro misional Sin a Li, para logo dar paso a unha velada literario infantil, onde predominaron os discursos, recitais poéticos e cantos .

No eido laico, hai constancia da actuación da Agrupación Dramática Viguesa o domingo, día 10 de abril de 1936, no local da C.N.T. na Seara, para estrear en dúas funcións o drama en tres actos titulada "La Angustia". A recadación sería destinada á familia do malogrado Roberto Iglesias, náufrago da lancha Eduardo.

Posiblemente a representación anterior fose a derradeira función profana, pois ata finais dos anos sesenta, a maioría das veladas estaban ligadas á festa do catecismo, con membros da Acción Católica que gustaban do visto e prace oficial oficial. Isto quere dicir que, a pesares da traumática que puidese resultar para a sociedade moañesa a Guerra Civil de 1936, para a festa do catecismo apenas supuxo variacións, tal como se comproba en maio de 1937, onde se constatan os festivais no adro da igrexa de San Martiño. Ademais diso, a gran velada tivo lugar en outubro dese mesmo ano, concretamente, o sábado día 30 no que Marujita Pérez Álvarez iniciou un discurso baixo o título de "Catecismo, catecismo, catecismo", para logo dar paso ao feminino sainete cómico "Los delirios de un error", interpretado polas irmáns Elisa e Fita Piñeiro Pérez, Gloría Alonso, Tilde García, Maruja Cidrás Magdaleno, e Marujita Paz Rodríguez. Por outra banda, Josefa Piñeiro Pérez encargouse de recitar unha poesía galega sobre San Francisco Javier e os nenos do coro do catecismo interpretaron a zarzuela cómica "Los monaguillos". De todos, a énfase ideolóxica e propagandística do momento correron a cargo de Matilde García que recitou a poesía "España Grande" por María Inmaculada e as partituras interpretadas pola orquestra do mestre Juncal (Xeniño).

Días antes de rematar a Guerra Civil, a primeiros de xullo de 1939, a festa do catecismo continuou coas veladas teatrais e despois, por razóns da renovación do Concordato, as veladas foron máis que multitudinarias, pouco menos que obrigatorias, por aquilo do Estado Confesional. Tamén convén sinalar a participación dun considerable número de mozos seminaristas en Santiago, maioritariamente da parroquia de Moaña, como Manuel Rodríguez Lavicha (posteriormente párroco de Tirán), Suso Tenorio, Sergio Martínez de Alcira, Antonio Freire (párroco de Domaio), Benito Paz Trelles, Ricardo Vidal de Fames (párroco de Dorrón), José Pena Collazo Lambranca (excoadxutor en Bueu) ou Pucho Del Río Venturiña entre outros, que transmitían os seus coñecementos de música e arte dramática, especialmente durante o período das vacacións.

Entre os anos 40 e 60, estes seminaristas encargáronse de formar tanto musicalmente como na arte escénica a mozas e mozos para participar non só nas veladas senón tamén para representar as obras en lugares de ocio que se foron construíndo paulatinamente en Moaña, como o cine Maravillas de Celso de Pazos (1942-1959), cine baile Bolero de Meira (1948-1952 aprox.), cine Prado ou de Leta (1950-1989), baile de Lestón (1953-2005), cine Monte Faro da familia Ferradás en Domaio ((1961-1979) ou o cine Veiga (1969-1998).

O feito de que a demografía do barrio da Praia fose medrando e a do Cruceiro e de Abelendo evolucionasen a menor ritmo, e tamén de que o local da Acción Católica estivese na Praia favoreceu que a mocidade deste barrio acadase diferentes e maiores alternativas de ocio. E así vemos como entre 1947 e 1949, aparece un grupo de mozas formado por Isabel Jalda, Maruja Rodríguez (Japonesa), Chelo Casás, Carmiña Portela, Maruja Jalda e Carmucha Alonso, para presentar a obra "María Estuardo" de Friedrich Schiller. Unha das primeiras obras históricas -non relixiosas- representadas en Moaña, que trata dos últimos días de María I de Escocia. Nun principio esta obra fora presentada no baixo da casa Lestón na Praia e, como o local quedase pequeno, repetiron a función no cine Maravillas de Celso de Pazos, sito na estrada de Arriba (hoxe Ramón Cabanillas). O mesmo aconteceu con outras representación feitas en baixos privados como o de Eduardo Pérez Leta que tiña en Fontecán que acabaron por pasalas no cine Maravillas ou baile de Lestón.

A directora destas actrices foi dona Lucrecia Cid Merino que chegara a Moaña da man de seu home, don Antonio, como titular do Xulgado de Paz de Moaña. Dona Lucrecia tomou posesión da secretaría do mesmo xulgado en marzo de 1946. Era natural de Xunqueira de Ambía (Ourense) e xa, a pouco da súa chegada, integrouse perfectamente na sociedade moañesa ata súa xubilación en setembro de 1963, comprometéndose coa dirección de varias obras teatrais, a pesar de que a súa preferencia era ensinar a recitar poesías.

Nesas datas tamén se facían catequeses na Praia, no piso do comercio de Los Enamorados, e ás veces coas chegadas dos misioneiros, ensaiaban actos relixiosos que despois representaban, sobre todo en tempos da coresma. En tanto que no adro da igrexa de San Martiño, diante da Casa da Fábrica, sucedíanse as veladas en diferentes festas como as do catecismo, no verán ou no día do Buen Pastor (ou Día da Parroquia) que cae no cuarto domingo de Pascua. Nestas efemérides chegáronse a representar obras como o sainete cómico sobre "El Odontólogo Don Odón", baseado nunha persoa media torda que interpretaba de forma dispar, á súa maneira, o pouco que ouvía e que provocaba a risa da concorrencia, ou a zarzuela "La Estatua de Pablo Anchoa" de Felipe Alcántara, coa especial colaboración do famoso arcordeonista do Cruceiro Pepe de Capelláns, segundo nos recordou Benito Paz.

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.