O acto de entrega tivo lugar no salón de plenos onte pola mañá, aproveitando a celebración do Día Mundial das Bibliotecas. O traballo de A Cepa chega para encher moitas estanterías, xa que ten preto dunha vintena de títulos publicados, algún deles xa esgotados. Pero non só destaca pola cantidade e diversidade, senón tamén pola calidade e por recuperar e deixar testemuña da historia de Cangas a través dos seus aconteceres e personaxes populares, como se encargaron de resaltar a alcaldesa e a concelleira de Cultura.

"Vimos a saldar unha débeda co Concello, que sempre nos axudou neste labor", xustificou Fernando Cuñarro, que coordina o traballo editorial de A Cepa. Así, a cada unha das cinco bibliotecas públicas da vila (Cangas, Coiro, Darbo, Aldán e O Hío) destínase unha colección dos seus libros, que se reparten en cinco coleccións. En "Antoloxías de Soños" están as vivencias e os versos de Xosé Santos ("Pepe Poeta"), Serafín Graña e Ubaldo Lemos; en "Crónica", o libro "Cangas na historia"; no apartado fotográfico de gran formato están "Memoria fotográfica de Cangas. Século XX" e "Cangas Viva (1940-1975)"; entre as "Monografías", xa están publicadas "As mulleres da conserva" e "As escolas de Cangas", mentres que a relación de libros publicados en colaboración con outras entidades culturais e medios de comunicación figuran "A pedra labrada. Monumentos do Morrazo", no que participou o FARO DE VIGO, "Mar do Morrazo", "Memoria visual do Morrazo", "Arte e pedra no Morrazo", "O Morrazo é arte" ou, a máis recente, "Memorias dun militar republicano", adicado a José Oliveira.

En preparación

Pero a nómina de títulos con Cangas e O Morrazo como referentes non está esgotada. Non hai máis que botarlle un vistazo ao listado de libros en preparación, no que figuran Bernardino Graña, Cecilio Rial, Xosé Manuel García Rodríguez ou Sarah Lorenzana, así coma outros títulos máis amplos, como "Cangas na Literatura", "Cangas Viva (1975-2000), "Cangas onte e hoxe" ou "Ven cantar a Cangas", que se pretende presentar no Nadal de 2011. "Poucos concellos teñen tan documentada a súa vida e historia como Cangas", sinalou a presidenta de A Cepa, Pilar Ferrari. Cuñarro engadiu que esta comarca "ten a dimensión xusta para que este tipo de libros sexan un éxito", polo que non se pode decir que o colectivo arrisque, senón que "aposta sobre seguro". Iso si, a base de moito traballo e de contar coa colaboración da xente que aporta documentos e testemuños.

A alcaldesa e a concelleira de Cultura coincidiron en apuntar que non é A Cepa quen ten que agradecer a colaboración do Concello, senón ao revés. "É un privilexio para Cangas contar con esta asociación", sinalou Clara Millán, que destacou o importante labor que desenvolven e o éxito que supón cada obra, porque son "fáciles de ver e de ler", e dándolle a voz "ás persoas do pobo" que habitualmente esquecen as editoriais. A edil Mercedes Giráldez agradeceu a cesión de libros ás bibliotecas como "un luxo" que ata agora non disfrutaban. Os presentes tamén tiveron palabras de recoñecemento para as persoas que participaron dalgún xeito nos traballos e que "xa non están con nós".