O escritor e profesor de Educación Secundaria no Eduardo Pondal Xabier Alcalde (Cangas, 1956) vén de publicar en Xerais o seu segundo traballo, "Disidencia ferida", un ensaio crítico sobre a realidade no que a linguaxe filosófica e poética camiñan da man até conformar un texto lúcido é eficaz. Onte presentouno na súa vila xunto ao director da editorial, Manuel Bragado.

- ¿Cal é a base do libro?

- "Disidencia ferida" é unha especie de ensaio escrito con linguaxe filosófico e poético por alguén que se presenta coma unha víctima do que eu chamo "capitalización totalizadora", que non é outra cousa que a obsesión porque todo se convirta en mercancia, sobre todo o individuo. Está escrito de forma fragmentada e pódese dicir que non acaba porque o tema é a existencia, pero a existencia maltratada.

- ¿Hai esperanza nel?

- É difícil que a haxa porque o ensaio nace da imposibilidade de contestar este sistema de dominación no que vivimos, de aí o seu título. Non podemos facer moito porque cada un de nós está implicado nesta lóxica; cada individuo é unha entidade capitalizadora, alguén que vive para gañar e que esconde o que perde.

- ¿Por que escolleu a linguaxe poética para falar de cuestións filosóficas?

- Penso que a poesía é a vixía do sentido e o poeta é o único que non fuxe da negatividade. A vida está cargada de dor e sufrimento que se agocha para poder capitalizalo todo, o que produce vacío existencial. Cando hai vacío, a cantidade convírtese no sentido da existencia e trócase en esclavitude, en servidume.

- ¿Cal é a saída?

- A saída é descubrir esta mentira e lexitimar unha relación social allea á cuantificación (o traballo comunista, por exemplo, que non ten a plusvalía do obxectivo). E dialogar con esta verdade tráxica para que deixe de ser letal.