10 de junio de 2019
10.06.2019

Pérez Sieira: "A baixura ten que estar fóra do sistema de cotas porque vivimos da pesca por lotes"

"A xente intenta vender os barcos como pode porque non hai cota", dice el presidente de la Federación Galega de Confrarías

10.06.2019 | 01:38
José Antonio Pérez. // Xoán Álvarez

A principal preocupación que afronta o sector pesqueiro a nivel Galicia é a falta de cota dispoñible para a frota, polo que cada vez as posibilidades de pesca son menores. O segmento que peor o está a pasar é o da baixura, segundo o presidente da Federación Galega de Confrarías e patrón maior da confraría de Ribeira, José Antonio Pérez. "Queremos que estea fóra do sistema de TAC e cotas porque vivimos da pesca de lotes de varias especies", matiza. "As posibilidades de pesca van minguando moito", lamenta Pérez.

- Que lle levou a presentarse de novo ao cargo?

-A decisión foi motivada polo meu equipo. Contaba con numerosos apoios e queriamos rematar, polo menos, os proxectos que tiñamos pensados. Polo menos algúns porque sempre queda algo pendente. Queriamos ver algo feito e iso foi o que máis me motivou.

- Que proxectos ten pendentes de facer?

-Os que máis nos influían eran os do porto. Queremos poñer uns pantaláns dignos tanto para a descarga do peixe, xa que temos unha lonxa das máis competitivas de Europa, como para as embarcacións. O noso porto é un pouco especial porque está aberto cara ao público e estamos a sufrir moitos roubos e actos vandálicos. Por iso tamén queremos protexer as empresas dos mariñeiros, porque Ribeira fundamentalmente vive do mar.

- Cales son os principais problemas aos que se enfronta a frota da confraría?

-Os que atopamos están relacionados co sistema de Totais Admisibles de Capturas (TAC) e cotas. As posibilidades de pesca van minguando moito. A xente intenta vender os barcos como pode porque non ten cota. A xuventude, fillos de armadores, non quere seguir cos barcos porque ve que todo son problemas. Ven as discusións que hai entre nós e os problemas que levamos á casa, o que lles bota para atrás. Agora o ministro de Pesca deulle toda a competencia á Garda Civil, semella que somos terroristas. Para alcanzar a meta que eles queren hai que conseguir máis cota para os barcos españois para que poidamos pescar, non mandarnos á Garda Civil.

- Poderíase facer algo para cambiar o reparto das cotas?

-É algo complexo. Déronme a oportunidade de estar en Bruxelas e defender a pesca artesanal e o que vexo é que todo é política. Aquí tivemos unhas delegacións, membros da comunidade europea, que estiveron mirando como é a baixura en Galicia, como se traballaba, como se pescaba, a forma de vida que tiñamos. Eles dábannos a razón, viron que necesitabamos máis cota porque viviamos diso e tiñamos moitísima frota. No último ditame que fixeron dixeron que estaban de acordo connosco, pero había que decidilo cos estados membros. Aí démonos conta que é unha guerra comercial. Non é se se dá máis peixe ou non. Vemos que hai moitísimas cousas que non entendemos porque o ICES dixo que non hai peixe, nós opinamos o contrario porque vemos a cantidade de peixe que hai. A proba está en que se equivocaron no tema da xarda e agora querían dar máis do dobre cando xa non a hai. Estanse equivocando coa sardiña xa que din que non a hai pero nós si a vemos no mar.

- Con xuño xa comezado, que balance fai dos primeiros meses do 2019?

-Cando comezamos o ano sempre é complicado. O 1 de xaneiro entrou en vigor a lei que prohibe os descartes e iso é unha forma de que desapareza a pesca. Esta semana cambiaron a cota do ollomol reducindo a pesca a 15 quilos por día e barco. Falamos de pesqueiros que levan a máis de 15 mariñeiros. Iso é unha cousa ridícula e unha forma de estrangulamento porque non o podes tirar ao mar nin o podes pescar. Unha vez que se acabe a cota hai que amarrar o barco, non pode saír ao mar porque non pode traballar ao palangre nin co aparello nin co arrastre porque podería pescar ollomol. A frota estaría abocada a amarrar e a desaparecer. Por iso é unha forma de comezar mal o ano.

- O segmento que vive unha situación máis complicada é a baixura?

-Si, porque a forma de vida da pesca artesanal é a que nós chamamos a venda por lotes. Imos ás betas e tanto pescamos unha faneca, como unha pescadilla, como unha xarda. Se poñen límites a todo, entón que pescamos? Agora nin podemos tirar ao mar o que collemos a maiores pola prohibición dos descartes. Tes que traelo para terra, botalo para descartes e aínda por riba descóntacho da cota. O que queremos é que estea libre do sistema de TAC e cotas porque vivimos deses lotes.

- O marisqueo responde?

-Estamos notando escaseza nalgunhas zonas nas que sempre houbo marisco. Non está criando aí, se non noutras zonas. O que si vemos é que desova máis tarde. Penso que é polo cambio climático. Nós traballamos moito coa fábrica e este ano chegamos a vender a ameixa babosa a 79 euros. Pero como cada vez desova máis tarde non nos alcanza o tamaño que desexamos.

- Hai algún estudo que explique por que se está a dar esta situación?

-Solicitamos un biólogo da Consellería do Mar para montar cámaras no fondo mariño e mirar o substrato, e díxonos que era moi bo para a ameixa. Pero entón como é posible aínda que sementemos a ameixa non dá? Non chegamos a unha conclusión, pero os científicos, a través das cámaras, dixéronnos que houbo un cambio na corrente. Parece incrible porque o mar é todo o mesmo, pero as correntes mudan dun xeito ou doutro. Este ano imos intentar labrar ben o terreo, a ver se somos capaces de que fixe máis a ameixa.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook