-Por que pensa que non seestudiou os efectos ou motivos do furtivismo ata agora?

-Creo que neste momento o furtivismo é exposto con frecuencia polos medios de comunicación como un fenómeno negativo, xerándose certa alarma social. Creo que chegamos a un punto no que o estudio do furtivismo marisqueiro era imperativo para os economistas pesqueiros galegos, fundamentalmente porque o sector e a sociedade o estaban demandando. Infelizmente, a circunstancia que pode responder á pregunta de por que non se estudou ate agora é que, aínda que haxa iniciativas de investigación, o financiamento para realizar traballos de este tipo é moi limitado. Nese sentido, a liña de investigación sobre o furtivismo marisqueiro que comezamos foi realizada porque conseguimos financiamento para desenvolver outros traballos de investigación que nada tiñan que ver co furtivismo. Iso implicou que tivésemos que traballar o dobre.

-Pensa que existe unha aceptación do furtivismo en Galicia?

-Si, é un feito que contratamos nos nosos traballos de campo. Porén, o realmente importante é reflexionar por que se produce ou que o motiva. Segundo os resultados dos nosos estudos, pode chegar a ser aceptable por parte das mariscadoras só por dous motivos: Necesidade e Autoconsumo. Ambas situacións dependen doutro factor: que os furtivos sexan recoñecidos polas mariscadoras como membros da súa comunidade. Cando se articula a aceptación do furtivismo, o que acontece é que as mariscadoras procuran axudar informalmente a individuos desfavorecidos da súa comunidade. Este comportamento é sumamente interesante porque, mediante a aceptación, as mariscadoras tentan compensar problemas sociais moi profundos e que non se visibilizan ao falar de furtivismo.

-Sería aplicable tamén o furtivismo pesqueiro?

-Sería moi facilmente aplicable á pesca de baixura por exemplo. O contexto de estudo non muda, comunidades pesqueiras de pequena escala. Ademais penso que sería doado tirar liñas paralelas entre algunhas das achegas realizadas nos nosos traballos en marisqueo, como a identificación das motivacións para a practica do furtivismo, identificación de vías de comercialización, temos de aceptación do furtivismo, para explicar e caracterizar a pesca ilegal na flota de baixura.

-Que medidas pensas que serían as adecuadas para poñerlle freo a esta práctica?

-Dada a complexidade do furtivismo o seu combate non pode ser abordado dun modo simple, polo que haberá que articular paquetes de medidas que combinen accións de castigo coercitivo (como multas, sancións, incautacións, etc) con medidas destinadas a favorecer a lexitimidade das normas de pesca e o seu cumprimento voluntario, o que axudaría, entre outras cousas, a reducir o furtivismo de tipo interno nas confrarías de pescadores.Tamén sería positivo que se promovesen campañas de concienciación social que atinxan ao publico en xeral, nas que se informase dos efectos negativos do furtivismo, e outras destinadas á formación dos membros do sector. Baixo meu punto de vista, esas medidas deben ser aplicadas dun modo adaptado, porque se hai furtivos diferentes haberá que combatelos dun modo distinto. É dicir, non podemos perseguir do mesmo xeito, por exemplo, a un furtivo desempregado que actúa por necesidade, a un bañista que o fai por lecer, que a un grupo de furtivos organizados que cruzan a ría nunha planadora para apañar percebes e conseguir un botín de varios miles de euros. Nese sentido, debemos reflexionar sobre a aplicación das normas existentes para mellorar a súa eficacia. Ademais, penso que a loita contra o furtivismo debe incluír ademais políticas sociais de promoción de emprego e de redución da desigualdade.