Entrevista | Manuel Bragado Escritor, editor e pedagogo

“Concibo a cidade como comunidade humana”

O autor vén de publicar “Vigo, abella da ribeira”, unha escolma de artigos da súa sección de FARO DE VIGO “Campo de Granada”

O escritor, editor e activista cultural vigués Manuel Bragado.  // JOSÉ LORES

O escritor, editor e activista cultural vigués Manuel Bragado. // JOSÉ LORES / Ana Rodríguez

Cando abandonou a dirección da editorial Xerais en 2018, Manuel Bragado comezou a escolmar artigos da súa sección semanal “Campo de Granada” que leva publicando dende 1999 en FARO DE VIGO coa intención de ofrecer unha ollada continua a dimensión cultural da cidade entendida como forma de vida nunha comunidade. Así en 2019 saíu “Vigo, puro milagre” e agora presenta “Vigo, abella da ribeira”, ambos libros editados por Xerais.

– Que vai encontrar o lector nesta segunda escolma de artigos?

– Na primeira escollín textos de todas as temáticas da sección “Campo de Granada”, coa que levo 1.165 semanas. Neste libro quixen que foran semblanzas, son oitenta homes, mulleres e colectivos moi diversos; hai persoas vencelladas á cultura, entendida esta como forma de vida nunha comunidade. Hai desde editores como Compañel, Álvarez Blázque, Eugenio Barrientos ou Fernández del Riego, músicos como Fito o de A Roda, Moxenas, Berrogüetto ou Enrique Macías, arquitectos como Jenaro de la Fuente ou Paciewicz, acontecementos de memoria histórica como os fusilamentos de agosto de 1936, deportistas como Alejandro Febrero, primeiro nadador olímpico vigués, Paínho, o dianteiro do Celta e do Real Madrid que foi pichichi da Liga, mulleres pioneiras como Urania Mella, Antía Cal, Emilia Docet ou María Xosé Queizán e tamén moitos escritores. En definitiva, son persoas que contribuíron a facer cidade, que eu entendo como comunidade humana, non sómente como un territorio; non nos caracterizamos so por vivir neste espazo xeográfico marabilloso que é a ría, o que fai cidade son os vínculos entre persoas. Interésanme as persoas en plural, non en singular, as que fixeron que Vigo pasara de ser unha vila de 5.000 habitantes cando foi declarada cidade a ter unha poboación de 292.000 persoas.

– Por que escolleu o título “Vigo, abella da ribeira”?

– Se o de “milagre” do anterior título foi un pástamo de Celso Emilio Ferreiro, este é do poeta Manuel Lueiro que gañou en 1955 o premio de Fillos de Vigo por seis glosas da cidade, entre elas un soneto cun verso que di “abeja de la orilla” como metáfora de o carácter laborioso e colectivo que forma a nosa identidade.

"É necesaria a memoria vivida, lida e contada, no pasado está o cerne do porvir"

– Que singularidades ten Vigo respecto a outras cidades de Galicia?

– Vigo é en si mesma a cidade de Galicia, a que asumiu o principio de cidade como espazo de convivencia de forma moderna. É máis que o concello que lle da nome, enténdos como un área metropolitana, un espazo histórico construído arredor do territorio de Turonio. Despois, como dicía Antón Reixa, é unha cidade de grúas asombradas, que se desfixo e fixo varias veces como a máis industrial do norte da península sobre sectores como metalurxia, o naval e a automoción. Nela están todas as Galicia posibles: a vinculada a mundo do mar pero tamén ao labrego. En Vigo todos sentímonos de aquí aínda que a maior parte veña de fora porque ten esa capacidade de agarimar, integrar e acoller ás persoas que queren construír cidade. Esa adscrición por cidadanía e non por procedencia é un aspecto moi interesante da identidade de Vigo.

– É a súa unha ollada sobre a cidade amada?

– Hai cousas que me cabrean todos os días, pero a sección “Campo de Granada”, que naceu cando eu andaba consternado co peche de “La Favorita, algo máis que un comercio para min, conserva a emoción dese primeiro artigo, a concepción da memoria como algo necesario, non só a vivida senón tamén a contada e a lida. Unha memoria que se comparte e amplía, como pasou no recente texto escribín sobre o peche da taberna Rikitri e que logo por redes coiais e comentarios a artigo dos lectores foron estendendo a cando se chamaba Casa Nuncio e servían zamburiñas.

– ¿E nostálxica?

– Non son nostálxico nin creo que ningún tempo anterior foxe mellor; ao revés: creo que no pasado está o cerne do noso porvir e non podemos renunciar nunca a construír un futuro mellor. Preocúpame o mesmo o futuro de Stellantis ou das autoestradas do mar que o da hostalería viguesa, que é o modelo no que o actual ilusionismo colectivo identifica que nos vai ir ben si lle vai ben a ese sector. Para o porvir, Vigo, ten a lexitima aspiración de continuar liderando o Eixo Atlántico, o perfil de cidades que vai de Ferrol a Porto e que temos a vantaxe de estar no centro, no punto equidistante entre ambas.

– Que persoeiro dos que aparece no libro admira máis?

– A figura de Xosé María Álvarez Blázquez non só por unha cuestión afectiva (tiña a Almoneda Monterrey enfronte a miña casa de Pi i Margall e escribiu os textos do seu libro “A cidade e os días” en FARO DE VIGO durante o ano 1959, o de meu nacemento), senón tamén por ser o primeiro que tratou de vivir da edición como un sector económico normalizado. Hai moitas outras persoas que me crean simpatías e aparecen no libro ordenados pola importancia que teñen na miña cabeza. É tamén un libro de heroes anónimos, de persoas como o oculista Antón Beiras, creador do Vigoscopio, ou de o fotografo José Gil, que en 1919, nos felices 10 de Vigo, trouxo unha cámara de cine para gravar acontecementos. Nesta cidade sempre houbo moito respecto pola tecnoloxía (mira Sanxurxo Badía). Aspiro tamén a contar Vigo a través dos obxectos que nos representan.

Suscríbete para seguir leyendo