- ¿Como lle xurdíu a idea de crear "Cólera? ¿Levaba moito tempo matinando neste poemario?

- De súpeto, púxenme a escribir. A miña filla preguntábame porqué non o escribía en prosa. Eu sei que cada libro vén acompañado dun xénero. É coma unha intuición e eu tiña a intuición de que "Cólera" tiña que ser poesía por esa forza dos sentimentos de medo e de paixón. O libro non levaba moito tempo na cabeza, nun par de meses estivo feito porque é un flahsback. Podería ter engadido cantidade de situacións e de figuras máis...

- Vostede foi protagonista do que denuncia e do lembra no poemario. Sen embargo, nel, non hai primeira persoa.

- Non, a voz dos poemas é a dun home ou varios. Non é unha voz feminista.

- ¿Por que?

- Non o podía facer porque de aquela as mulleres non eramos consideradas como persoas; tiñamos un papel secundario. Neste libro, non hai crítica feminista.

- Ensaio, novela, poesía, relato... ¿Que lle falta por facer a María Xosé Queizán?

- Espero seguir escribindo moito. Nos últimos tempos escribín teatro e estou xa escribindo outras cousas. Sí, aínda me queda moito por escribir.

- De todas as obras, ¿cal ou cales son as súas preferidas?

- Iso é como preguntar a unha nai...

- ...polos seus fillos

- Sí. Non sei, non é doado elixir entre os libros.