O vestido da memoria de “Matria”

A prenda que luciu a actriz María Vázquez nos Premios Mestre Mateo foi deseñada pola firma de roupa viguesa La Canalla

A actriz María Vázquez xunto a Fran e Patricia Soto no taller da Canalla, probando o vestido.

A actriz María Vázquez xunto a Fran e Patricia Soto no taller da Canalla, probando o vestido. / La Canalla

Carolina Sertal

Carolina Sertal

O coche vermello que lle servía como refuxio ante a asfixia do cotiá, tanto para chorar pola frustración que sentía a miúdo como para aparcalo no peirao e evadirse da realidade e da precariedade fumando un cigarro no seu interior, namentres en videochamada ría a cachón e presumía de ter conseguido novo traballo tras os despidos nunha fábrica de conservas. O icónico chuvasqueiro amarelo para faenar no mar a bordo dun mexilloeiro, traballo que compatibilizaba con outros para saír adiante. A frase que definía a súa existencia en boca da cantautora Sés: “Muller, fartura de loita”, e a frase coa que ela mesma se defendía desa propia realidade: “Vaime dar de comer a base de datos?”. A claqueta e os focos da gravación xunto ao nome ficticio de Ramona e o da muller real, Francis, ademais de Soraya, Janet, Lucía, Sandra, Manola e, no medio de todas elas, a palabra dignidade.

Todos e cada un destes elementos que transportan aos espectadores a distintas escenas do filme Matria, de Álvaro Gago, son os que integran a estampación que decora o “vestido da memoria” desta cinta, unha prenda que a actriz viguesa María Vázquez luciu a pasada fin de semana na gala dos Premios Mestre Mateo, onde foi recoñecida co galardón a Mellor Interpretación feminina protagonista. E detrás da peza, que no seu día foi concibida como unha homenaxe a todas as mulleres do mar e da película de Gago, poden intuírse as mans, a cabeza e o corazón dos irmáns Soto, creadores da firma de roupa viguesa La Canalla.

Detalle do vestido inspirado nunha escena de "Matria".

Detalle do vestido inspirado nunha escena de "Matria". / La Canalla

Francisco e Patricia Soto recoñecen que levaron unha bonita sorpresa esta pasada fin de semana cando recibiron xunto a un enlace a mensaxe dunha clienta das Pontes que dicía algo como: “Que choreira co discurso de María e poder vela vestidiña da Canalla”. Cando os irmáns comprobaron a que se refería, “foi un auténtico regalazo” para eles. E é que ambos son os artífices dun vestido “verdadeiramente emocional”, porque asumiron o reto de reflectir sobre un tecido branco os valores esenciais de Matria, uns principios que eles mesmos comparten dende o seu taller de costura na cidade de Vigo.

Durante aproximadamente unha semana, Patricia e Fran Soto traballaron para a posta a punto desta prenda, un encargo que partiu da propia actriz para levar no seu día á estrea do filme en Arousa: “A súa idea era que fora unha sorpresa para todas as mulleres, unha homenaxe ás mulleres da película, pero tamén para as mulleres reais que están detrás de historias semellantes e, por suposto, para Francis. Tratábase de reflectir nel a memoria emocional de todas elas e da película, das mulleres que participaron tamén no proceso de creación do guión”, comentan os responsables de La Canalla.

Estampado dunha claqueta de cine.

Estampado dunha claqueta de cine. / La Canalla

Non é a primeira vez que Patricia e Francisco Soto deseñan un “vestido da memoria”, e é que o primeiro que confeccionaron remóntase ao ano 2013, cando elaboraron un estampado pola memoria téxtil e que empregaron nunha mostra coa bailarina Olga Cameselle. “A María Vázquez xa a coñecemos de cando tiñamos a tenda e mesmo foi clienta nosa nos inicios, de maneira que ao coñecer o nostro traballo neste vestido, chamounos para que confeccionáramos, neste caso, un vestido da memoria de Matria. Fixémolo a medida cun tecido branco de sábana e cun corte ao biés, inspirado nos dos anos 30 que se adaptaban ao corpo, de maneira que a confección foi relativamente sinxela.María deunos varias indicacións sobre os elementos que tiñan que estar presentes, coma por exemplo o barco, o chuvasqueiro amarelo, as frases da película ou os nomes das mulleres, e o estampado a man foi o que nos levou máis tempo”.

Con respecto ao patrón, Fran e Patricia Soto lembran que se remonta a cando no 2012 Olga Cameselle preparaba un espectáculo sobre a precariedade na danza e os deseñadores de La Canalla quixeron reflectir que a danza non só é movemento, senón que a vestimenta tamén fai as propias achegas.

La Canalla leva 26 anos en Vigo creando prendas coa máxima de “mans, cabeza e corazón”, un lema directamente vencellado aos valores de “artesanía, ética e ilusión”. Os responsables desta firma de roupa con selo vigués, cuxa filosofía parte da conciencia medioambiental e social, así como do traballo ético no mundo da moda, afirman que logo de ver a María Vázquez recoller o Mestre Mateo co vestido que deseñaron para ela, chamárona para agradecerlle a sorpresa e afirman que “nos sentimos moi próximas porque, ao igual ca ela, somos persoas que non calamos, e ela é unha muller loitadora, ademais de que en Matria namoramos de todas as protagonistas, polo que o proceso foi moi emocional para nós”.

Suscríbete para seguir leyendo