A semente de “Don Paco” agroma no IES Castelao

O instituto vigués inaugurou onte unha aula exterior cun mural dedicado á figura e memoria de Francisco Fernández del Riego

Autoridades da Xunta, do Concello de Vigo, da Real Academia Galega e da Fundación Penzol na aula exterior inaugurada no centro.

Autoridades da Xunta, do Concello de Vigo, da Real Academia Galega e da Fundación Penzol na aula exterior inaugurada no centro. / ALBA VILLAR

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Rematada a Guerra Civil, chegou á estación de tren de Vigo cunha maleta de cartón, un pouco de roupa, moitos libros e 1.000 pesetas. Na cidade pasou miserias, debido ao “exilio interior” ao que foi sometido por parte do réxime, pero foi quen de cumprir co que predicaba: “Non renderse nunca”, e defendeu até a fin dos seus días o país, o idioma e a cultura que levaba por bandeira. No mes no que se cumpren 63 anos dende que pronunciou o discurso que tivo a ben titular Un país e unha cultura: a idea de Galicia nos nosos escritores, no acto de ingreso na Real Academia Galega a proposta de Manuel Gómez Román, Ramón Otero Pedrayo, Manuel Casás Fernández e Sebastián Martínez-Risco y Macías, a figura de Francisco Fernández del Riego, tamén “Don Paco”, segue en Vigo máis viva que nunca.

Alumnado de Bacharelato asistente ao acto no instituto.   | // ALBA VILLAR

Alumnado de Bacharelato asistente ao acto no instituto. | // ALBA VILLAR / Carolina Sertal

A semente que esparexeu o intelectual e activista galego co seu legado agromou onte no IES Castelao cun novo espazo dedicado a honrar a súa memoria, pois o centro educativo acolleu o acto de inauguración dunha aula exterior decorada cun mural dedicado a Francisco Fernández del Riego, un proxecto coordinado polo mestre Ramón Nicolás Rodríguez e que foi motivo de celebración co alumnado participante dos primeiros cursos de Bacharelato.

Con David Giráldez enchendo a aula co son da gaita e Leonor Almuíña coa pandeireta deu comezo un acto que tivo como principal obxectivo poñer en valor a “Don Paco”, pero moi especialmente a aprendizaxe do estudantado no proceso de execución do proxecto. O vicedirector do instituto vigués, Cándido Paniagua, asumiu o rol de mestre de cerimonias e, logo dunha breve introdución, cedeu a palabra ao profesor Ramón Nicolás quen destacou que, “o galardón que tivemos o ano pasado a sorte de conseguir, grazas a unha actividade conxunta entre profesorado e alumnado, na que o alumnado investigou, pescudou, fixo a súa interpretación de carácter particular e persoal de quen foi ‘Don Paco’ e da que os froitos foron bos, foi o que nos impulsou a facer esta homenaxe”. Engadindo varias pinceladas biográficas de Fernández del Riego, o mestre puxo o foco na relevancia da docencia, profesión que o propio intelectual galego defendeu e practicou nos colexios vigueses Mezquita e Labor, ademais de na academia Sigma, logo de ser depurado na Universidade de Santiago.

Tiña debilidade pola xente nova. Gustáballe estar rodeado de xuventude e era un optimista radical

O acto contou coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen na súa intervención indicou ao alumnado que, “sempre lembraredes ter feito educación no instituto onde se honrou a persoeiros ilustres”. Así mesmo, logo dunha actuación musical na que os estudantes interpretaron o tema de Guadi Galego Chea de vida, o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, deu azos ao alumnado do IES Castelao asegurando que, “estudamos non para ser máis ricos en cartos, senón en coñecemento e vida, para a construción dunha sociedade mellor. O mundo é voso, complicado, pero voso. Non renunciedes a el”. En representación da Fundación Penzol, casa fundada por Fernández del Riego, Malores Villanueva afirmou que o intelectual “estaría feliz” por ver esa aula exterior dedicada á súa figura, xa que “tiña debilidade pola xente nova. Gustáballe estar rodeado de xuventude e era un optimista radical. Véndovos a vós, eu tamén o son, porque deixou semente e vós mantedes esa causa pola que loitou viva”.

Dando voz ao alumnado do IES Castelao, Daniela Madera e Ramón Incera puxeron o broche a unha xornada ben emotiva para o centro.

Suscríbete para seguir leyendo