As voces da cultura xa non tragan o machismo

O MARCO acolleu un recital perfopoético contra a violencia de xénero guiado pola Premio Nacional de Poesía Yolanda Castaño

De esquerda a dereita, Yolanda Castaño, Lorena Souto, Branca Trigo, Silvia Penas, Ana Gesto e Chus Pato.

De esquerda a dereita, Yolanda Castaño, Lorena Souto, Branca Trigo, Silvia Penas, Ana Gesto e Chus Pato. / Alba Villar

Carolina Sertal

Carolina Sertal

Tragar. Tragar a beleza que fai a unha desexable para outros, para eles. Tragar a entrega, tragar a virtude, tragar os patróns encorsetados que fan que encaixes á forza, mastigar o que che digan e tragar, tragar “ríos de paternalismo, palabras riquiñas e indulxentes”. Tragar “esta consideración, a sutileza do desprezo” , tragar as expectativas, o que é aplaudido pola sociedade, os horizontes heroicos, a condena, a responsabilidade, a culpa e os oídos xordos dos que pretenden ignorar as voces das que sosteñen o mundo, o territorio e o país sobre a súa testa e as costas. Pesada carga, tamén mental. Tragar, tragar, tragar, tragar e só cuspir o que verdadeiramente representa a unha mesma, porque esa é a única maneira de que a roda das violencias machistas nunca deixe de xirar.

Un guión moito máis cru e complexo é o escrito para as mulleres dende que nacen, amparado por un sistema que fomenta as desigualdades, e foi precisamente ese o fío conductor de “Tragar”, o recital perfopoético dirixido por Yolanda Castaño, recentemente distinguida co Premio Nacional de Poesía, nunha das salas do Museo de Arte Contemporánea (MARCO) de Vigo que esta mañá estivo ateigada de público con motivo da celebración de actos arredor do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller organizados pola Delegación do Goberno en Galicia.

A actriz Ana Gesto levando a cabo a performance namentres Chus Pato recitaba onte no MARCO.

A actriz Ana Gesto levando a cabo a performance namentres Chus Pato recitaba no MARCO. / Alba Villar

Lorena Souto foi a primeira escritora en dar un paso á fronte e situarse ante o espello da desigualdade: “Entro/ e dou directamente co espello/ sen mirarme/ abro a billa e lavo as mans, frégome, frégome, rasco/ sabendo que nunca serei quen de poder coa suciedade/ que se deposita baixo a pel... Os medos e os pecados cos que nacemos/ algo se desencadea dentro e fóra de min/ entón, as baldosas do baño amoréanse/ e tráganme/ Ábrese o chan e tráganos a todas/ ás que están mortas tamén”. E ocultas baixo unha tela negra, as mans da actriz Ana Gesto “tragaron” inmediatamente despois os versos de Lorena para dar paso ao recital da propia Yolanda Castaño.

O aborto foi a temática que a Premio Nacional de Poesía introduciu cos versos “ábreseme un colar de diminutos abortos/ Este non, este tampouco, nin este outro, nin este/ Todos eses xermes facendo quenda para precipitarse/ Intentando morrer e non lles custa aos meus embrionarios fracasos/ Eu fago un niño para recostarme con eles/ Eu, a soas, en baixiño bísbolles aos meus ovarios/ Non podedes segregar algo máis produtivo?/ Trago unha pastilla e corro a abusar de min mesma”.

As voces das mulleres da cultura permiten poñer palabras ao horror de ter que tragar con tanta desigualdade

A entrada de Chus Pato en escena deixou un regueiro de terra arredor de Ana Gesto para logo levar ao MARCO os corpos e as almas das mulleres que naquel intre estaban sendo prostituídas: “Contámolas por millóns. Un oficio, unha profesión, a de ser prostituída, na que o que se traga é directamente a morte”. A poeta reflexionou sobre a prostitución cun poema a dúas voces que concluía: “O paxaro é moralmente superior á posibilidade sapiens de reducir unha meniña á escravitude sexual./ Unha lontra é moralmente superior á capacidade sapiens de extraer plusvalía das almas./ O corpo dunha miñoca é moralmente superior ás infinitas posibilidades da avaricia./Sen dereito, a montaña é previa e superior ao dereito da miña pertenza”.

A continuación, Branca Trigo tragou man a man con Ana Gesto a grava da carga mental que soportan as mulleres sobre as táboas. A poeta viguesa captou a atención do público falando da fame, desa fame negra que, tal e como reflicte nos seus versos, “pertence ás pobres todas”, a fame que murcha as vidas das nenas e das mulleres: “A fame é o motor do mundo/ un mundo no que as nenas/ queren ter a solitaria/ para comer sen engordar un gramo/ E tragan terra/ solitarias/ ata obter o parásito”.

Con Ana Gesto xirando pola sala cargada co cinturón do peso do doméstico, dos coidados, e a poeta Silvia Penas tratando de elevar a súa voz perante o xordo ruído, preguntándose que, “se digo que vivo coa morte, son contraria?/ Se digo que vivín morta un tempo, é unha contradición?”, chegou á súa fin o recital perfopoético que cautivou a todos os presentes na sala.

Carmela Silva, Pedro Blanco e Abel Caballero sentados na primeira fila da sala do MARCO na que tivo lugar o acto. 2 noviembre 2023. Alba Villar

Carmela Silva, Pedro Blanco e Abel Caballero sentados na primeira fila da sala do MARCO na que tivo lugar o acto. / Alba Villar

No peche da acción, Yolanda Castaño agradeceu á Delegación do Goberno a posibilidade de “expresar aquí os nosos pensamentos de forma artística” e deu paso á senadora Carmela Silva, quen destacou que “as voces das mulleres da cultura permiten poñer palabras ao horror de ter que tragar con tanta desigualdade” para lembrar ao medio centenar de mulleres asasinadas este ano en España. O delegado do Goberno, Pedro Blanco, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, clausuraron o acto poñendo en valor a loita contra a violencia machista dende a cultura, tal e como demostraran intres antes as poetas.

Suscríbete para seguir leyendo