Entrevista | Rubén Pérez Correa Concelleiro e candidato de Podemos-Marea de Vigo á Alcaldía de Vigo

“O obxectivo é que a oposición poida fiscalizar o goberno”

“As concesionarias privadas do Concello deberían ter un control público rigoroso”

Pérez Correa, na Praza da Princesa.

Pedro Fernández / Alba Villar

“Recuperar o asociacionismo e a participación dos veciños e veciñas no tecido cultural”, aos que lles propón “estar menos contemplativos” e levantar de novo a bandeira reivindicativa pola que son coñecidos. É o chamamento que fai Rubén Pérez Correa (Vigo, 29 de maio de 1977), concelleiro e candidato á Alcaldía de Podemos-Marea de Vigo, coalición que debuta formalmente nestas elección municipais.

–En que se pode traducir electoralmente presentarse en coalición Podemos e Marea de Vigo?

–É a vontade que teñen moitas forzas políticas da esquerda de Vigo de aunarse nunha candidatura que ten pluralidade e vai cun programa común: Marea como espazo municipalista con forzas políticas como Esquerda Unida, Equo ou Anova, e Podemos, co que chegamos a un acordo ao querer ser parte do debate municipalista. A vontade é aunar a toda a esquerda política da cidade no municipalismo.

–Que resultado espera nas eleccións do 28 de maio?

–Queda un electorado aínda por posicionarse. Todas as enquisas falan dun 40% de que non expresou o seu voto ou ten dúbidas incluso de ir votar. Esta última semana é decisiva. O noso obxectivo é manter o grupo municipal e que a oposición sexa capaz de fiscalizar o goberno local, algo que foi posible neste último mandato: sete concelleiros conseguimos pedir un informe ao secretario para paralizar a posibilidade de construír vivendas de luxo nun espazo natural como Cabo Estai [con menos de sete edís, a oposición non podería forzar informes do secretario ou esixir plenos extraordinarios, segundo as normativas].

–As enquisas avanzan unha perda de presenza na Corporación de Podemos-Marea de Vigo con respecto aos resultados de Podemos no 2019. Confía nelas?

–Nunca acertaron con nós. Non avanzaron os tres concelleiros de 2015 e tampouco os dous de 2019.

–Que faría Podemos-Marea de Vigo de primeiro se gobernase o Concello de Vigo?

–Fariamos unha auditoría das concesionarias privadas. Cremos que Vitrasa, Aqualia e FCC deberían ter un control público rigoroso, o cal no se fai agora. Dun orzamento de máis de 300 millóns, 150 vanse para estas empresas.

–Cal foi o maior erro do goberno local nestes últimos catro anos?

–Non escoitar. A maioría absoluta de Abel Caballero converteuse nunha especie de soliloquio permanente. Non escoita a colectivos, traballadores de Vitrasa ou a xente afectada polo novo Plan Xeral. Tampouco o movemento veciñal, ao que ningunea e trata cun paternalismo perigoso.

–E o maior acerto?

–A propaganda regada con inxentes cantidades de diñeiro público, que ten retorno electoral.

–Cal é o tema que máis lle preocupa en Vigo?

–O acceso á vivenda, cun aumento insostible dos prezos dos alugueiros. A esperanza é a nova lei de vivenda. O temor é que o Partido Popular, desde a Xunta de Galicia, a boicotee.

–Hai catro anos, un dos obxectivos que se propuxo foi que Vigo recuperase o seu ADN crítico. Logrouse?

–Non. Os grandes alardes do alcalde non poden tapar as realidades socieconómicas perigosas da cidade: un nivel de emprego mínimo no naval, riscos nos sectores industrias, un 21% de pobreza cronificada ou un problema serio de acceso á vivenda.

–Como sería o Vigo ideal?

–Unha cidade na que a xente non viva con angustia a diario por sobrevivir ou incerteza polo futuro, sen conxestións de tráfico e cuns servizos públicos de verdade.

Suscríbete para seguir leyendo