Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Rosalía a ceo aberto no centro de Vigo

A Deputación de Pontevedra e o patronato da fundación da escritora celebran os 50 anos da creación da súa casa-museo cunha ampla exposición na Farola de Urzáiz

Dúas mulleres visitan a exposición, inaugurada onte na Farola de Urzáiz. JOSE LORES

A Casa-Museo de Rosalía de Castro está de aniversario. Celebra cincuenta anos de actividade cultural ininterrumpida a prol da memoria da referente do Rexurdimento. Por iso, a Deputación de Pontevedra e o patronato da fundación arredor da escritora de Padrón inauguraron onte en Vigo a exposición "A casa de Galicia. Cincuenta anos da Casa de Rosalía".

Trátase dunha mostra na que se repasa a historia do museo rosaliano e faise unha especial lembranza ao “fito que supuxo en pleno franquismo conseguir mercar, restaurar e musealizar a casa da escritora grazas á colaboración de milleiros de persoas”, reflexionan dende a organización.

A exposición terá a vantaxe de estar a ceo aberto sen límites de aforo. Poderá visitarse ata o día 20 de xullo na Farola de Urzáiz, a carón do museo MARCO. Ademais está comisariada polo experto en Rosalía de Castro, Pepe Barro, tamén autor da museoloxía da súa casa-museo. Na inauguración de onte estiveron presentes a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, a deputada de Lingua María Ortega e o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, así como o alcalde de Vigo, Abel Caballero.

O Patronato Rosalía, creado en 1947, foi historicamente o abeiro de parte do galeguismo nos peores anos da Ditadura de Francisco Franco. Alí oficiáronse actos como a misa por Rosalía en Bonaval, que eran encontros dos sectores intelectuais máis galeguistas que non tiveran que fuxir ao exilio. “Nin sequera o franquismo puido facerlle fronte á vontade popular de recuperar a Casa”, sinalan dende a Deputación.

Daquela, participaran centos de persoas anónimas de Galicia. A partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración. Uníronse máis de setenta concellos, varios bancos, equipos de fútbol e innumerables asociacións de todo o país.

Ademais da inauguración da exposición de onte na rúa coas intervencións dos representantes das institucións, o estudoso da literatura galega Anxo Angueira impartiu unha excepcional conferencia arredor da historia da casa-museo que pechou co concerto da cantautora viguesa Su Garrido.

Compartir el artículo

stats