Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN

Os 50 anos da Casa de Rosalía de Castro, nas rúas de Vigo

Logo da morte da célebre escritora, miles de persoas e institucións doaron cartos para restaurala | A exposición inaugúrase este mércores na Farola de Urzáiz

Exposición dos 50 anos da Casa de Rosalía que hoxe chega a Vigo. Xoán Álvarez

“Existen moitos datos do vínculo de Rosalía de Castro con Vigo. Foi a cidade que acolleu ese libro fundacional, “Cantares Gallegos”, da man de Juan Compañel, que era amigo de Rosalía e de Murguía. Vigo converteríase na capital editorial que é hoxe. Tamén sabemos que Rosalía pasou un tempo vivindo en Vigo, cando Murguía se relacionou co xornal “La Oliva”, por exemplo”, explica Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro.

Mañá mércores, ás 19:00 horas, inaugúrase na Farola de Urzáiz a exposición “A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía de Castro”, unha mostra composta de paneis ao aire libre que poderá visitarse na cidade olívica ata o día 20 deste mes.

Nela explícase a historia da casa da célebre escritora, ubicada en Padrón, se ben ten unha sorprente historia detrás: foi salvada grazas ao apoio e contribucións de xente, institucións e concellos de toda Galicia, que no seu momento uniron forzas, todos a unha, para que, xa falecida a escritora, seguise sendo a Casa de Rosalía e se transformase nun museo.

Casa Museo de Rosalía de Castro en Padrón. Xoán Álvarez

A historia da Casa-Museo

Na exposición repásase a historia deste museo e lémbrase o fito que supuxo, en pleno franquismo, conseguir mercar, restaurar e ‘musealizar’ esta casa grazas á colaboración de milleiros de persoas, ubicadas naquel momento tanto en Galicia como na emigración. Abríuse ao público o 15 de xullo de 1971. O ‘Patronato Rosalía’, creado en 1947, converteuse en refuxio do galeguismo, con actos como a Misa de Rosalía en Bonaval. A casa foi salvada grazas á contribución de milleiros de cidadáns, nunha especie de ‘crowdfunding’, xa por aquel entón.

“Daquela participaron centos de persoas anónimas de Galicia a partir da proposta de José Manuel Rey de Viana; organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración. Uníronse máis de 70 concellos, varios bancos, equipos de fútbol e innumerables asociacións de todo o país.

No caso concreto de Vigo destacou a implicación do Celta de Vigo, que doou unha peseta por cada entrada dun partido en Balaídos en 1971, ademáis de asociacións e particulares, como Xosé Luís Méndez Ferrín, o libreiro Antón Patiño, Xosé Luís Franco Grande, Xosé María Álvarez Blázquez, Zulueta de Haz, Daniel Pino, Carlos Casares, os irmáns Massó ou Bernardino Graña, entre outros”, contan desde a Fundación Rosalía de Castro. Participaran tamén a Federación de Caixas de Aforros, a Federación Galega de Ciclismo... “Ao final recadouse un millón de pesetas, no ano 1971”, engaden as mesmas fontes.

Consideran, deste xeito, que a historia da Casa de Rosalía (Casa-Museo ou Casa da Matanza), “é a historia dun logro colectivo”. Pouco despois da morte de Rosalía a casa da Matanza ficara baldeira. Despois de varios intentos foi mercada en 1946 por Xosé Villar Granjel e Xosé Mosquera. O Patronato Rosalía, creado en 1947, acabou sendo refuxio do galeguismo. Ata 1951 non se realizou a primeira restauración, segundo planos de Gómez Román. Foi a partir da presidencia de Sixto Seco cando en 1971, baixo a dirección de Fernández-Albalat, se puido inaugurar como Casa-Museo, o 15 de xullo dese ano. Da montaxe e dirección do museo encargouse Xosé Filgueira Valverde.

Acto de inauguración

Mañá pola tarde terá lugar a inauguración da exposición, comisariada por Pepe Barro e que poderá visitarse na Farola de Urzáiz. Ademais, co apoio da Deputación de Pontevedra, Anxo Angueira dará unha conferencia na sede de Vigo da Deputación: “A Casa de Rosalía e Vigo”. A música viguesa Su Garrido completará a inauguración cunha actuación na que interpretará temas rosalianos.

Publicación no FARO

Publicación no FARO

Achega do Celta: unha peseta por cada entrada vendida

“Naquela colecta participou moita xente. E institucións. O Celta de Vigo implicouse nesta campaña. Comprometeuse a doar unha peseta por cada entrada vendida para un partido co Real Madrid, en Balaídos, no 1971, que, por certo, gañou o Celta. O resultado: 35.000 pesetas recadadas e doadas para a causa”, lembra Anxo Angueira, que apunta que esta campaña tamén tivo o apoio de figuras como Méndez Ferrín e Cunqueiro, “un dos protectores da casa de Rosalía naqueles anos”. Precisamente FARO publicou esta doazón por parte do Real Club Celta de Vigo (no exemplar do 24 de marzo de 1971).

Angueira falará mañá na conferencia que impartirá na sede de Vigo da Deputación de Pontevedra sobre a relación de Rosalía de Castro con Vigo: “Eu creo que ultimamente foi importante a exposición na Barrié, en 2013, dos 150 da publicación de ‘Cantares Gallegos’. Considero que foi un punto de inflexión na percepción da figura de Rosalía en Vigo”. “En canto á Casa-Museo, queremos recuperar ese espírito de grupo abrindo a casa á colaboración de quen queira participar, con ese esforzo común”, indica Angueira.

Compartir el artículo

stats