Síguenos en redes sociales:

Helena de Carlos, Premio Nacional da Crítica polo poemario "Vigo": "Vigo é a imaxe dunha praia nun día de verán de mañá cedo"

Helena de Carlos, Premio Nacional da Crítica polo poemario "Vigo": "Vigo é a imaxe dunha praia nun día de verán de mañá cedo"

Pode unha cidade tan caótica e ruidosa como Vigo, ademais de fea segundo os máis críticos, inspirar un poemario?

- (Risas) Non é tan fea. Caótica, si, pero iso ten o seu encanto. Cando viñen facer a carreira a Santiago botaba de menos ese caos. Para min, Vigo é tamén un espazo de recordo da persoa que fun e xa non son e das persoas que xa non están e que foron claves. Deixei a cidade, pero volvendo sempre. Trala morte dos meus pais regresei menos, pero ségueme parecendo fascinante.

- Hai algún fío que una os diferentes poemas?

- Todos foron escritos entre 2002 e 2006 durante unha etapa vital de perdas humanas importantes e de introspección forzosa. Creo que isto tamén aflora nas imaxes comúns da luz e do mar, que está moi presente.

- Ademais da cidade que perdura na súa memoria, aparece tamén a que recorren a diario os seus habitantes?

- Como guía turística non valería. Hai pouco me comentaba outro vigués que non vía tanto mar na cidade coma eu na obra. Nalgúns poemas aparecen alusións ó Val Miñor, a Panxón e topónimos vigueses como cabo Estai ou O Castro, mentres noutros todo está máis diluido.

- Recomendaría a súa lectura ós vigueses?

- Encantaríame que o lesen, pero a decisión é persoal. En todo caso, tamén hai experiencias, ideas e reflexións sobre a vida e a morte coas que se poden identificar os non vigueses.

- Con que imaxe se lle representa a cidade?

- Para min Vigo é unha praia nun día de verán de mañá cedo.

- Necesitou visitala máis a miúdo mentres escribía a obra?

- Ó contrario. Foi a época na que menos estiven.

- Hai influencias da literatura clásica na súa poesía?

- Á forza. Admiro eses textos, hai verdadeira xoias. Está como telón de fondo

- Existen similitudes entre as urbes de Roma e Vigo?

- Como cidades máis queridas, Roma sería a segunda. As paisaxes urbanas e o "rollo" caótico podería ser un denominador común entre as dúas. Roma estivo en constante expansión e é moi viva, como Vigo.

- Ten algún referente alleo ós clásicos?

- Méndez Ferrín é un referente importantístimo para a miña xeneración e no seu libro Estirpe é onde máis se ve Vigo. Probablemente non tería escrito poesía sen el.

Pulsa para ver más contenido para ti