Luis López: “O futuro da provincia formularase en feminino e conxugarase en igualdade”

O presidente da Deputación anima a traballar por un futuro sen violencia contra as mulleres na provincia de Pontevedra

REDACCIÓN

Turismo sostible, cultura e feminismo, tres termos, tres eixos que deberían vertebrar o presente e o futuro de Galicia e que serven de alicerces tamén dos Premios Emilia Pardo Bazán no País das Rías. Alomenos, estes tres piares atópanse no horizonte do goberno actual da Deputación de Pontevedra. O seu presidente, Luis López, sinalou onte na gala de entrega dos galardóns de FARO e da súa entidade que “o futuro da provincia formularase en feminino e conxugarase en igualdade”.

“Non podo imaxinar un mañá na provincia no que a violencia contribúa ao goteo de cifras”, indicou en alusión ás mulleres asasinadas pola súa condición de muller nos tempos actuais.

Para López, “a igualdade debe ser un espazo amplo de encontro” ao tempo que indicaba que a provincia do futuro debe alcanzar “a igualdade plena” como “obxectivo” irrenunciable.

O máximo responsable da Deputación resaltou a importancia da figura de Emilia Pardo Bazán pola súa “pegada no territorio” e nas letras para resaltar tamén a aportación de FARO DE VIGO –que este ano cumpriu 170 anos– como referente xornalístico ao longo dos tempos.

María Oruña –con máis dun millón de lectores grazas en boa medida á súa serie de thriller Porto Escondido, cos libros traducidos a diferentes idiomas entre eles o italiano, grego, portugués ou catalán– tamén tivo unhas verbas de consideración para Pardo Bazán ao indicar que “foi unha adiantada ao seu tempo” mesmo á hora de plasmar unha novela de intriga naqueles anos con coordenadas actuais. “Era a nosa Sherlock Holmes”, engadiu para confesar que a ten como referente.

Oruña deu as grazas a FARO e Deputación polo galardón apuntando que lle facía “moitísima ilusión porque é en Vigo e Galicia e é sobre a cultura que é a que nos rodea a todos coa música, as palabras e os libros”. De feito, Vigo ten aparecido nalgunhas páxinas da súa obra.

Pola súa parte, desde a Asociación de Redeiras Atalaia do Baixo Miño e A Guarda, a súa presidenta, Marina Álvarez, recordou como os primeiros momentos do colectivo non foron doados xa que naquela altura “as mulleres do mar eramos invisibles. Parecía que as redes aparrecían atadas soas”, comentou con ironía.

Porén, grazas á súa loita, hoxe en día as redeiras cotizan á Seguridad Social e poden cobrar a pensión polo seu traballo, ademais de ter un emprego digno do que sentirse orgullosas.

Na gala de onte, especiais foron tamén as palabras de agradecemento a FARO e ao organismo provincial por parte da Asociación Cultural Cobres que vela para que perdure o entroido da súa zona e a danza secular protagonista central da celebración do Carnaval.

Martín Duarte, o presidente da Asociación, explicou que achegaron o gorro dunha madama ao acto como símbolo do seu entroido.