A Real Academia Galega (RAG) critica que “falta unha axeitada avaliación das consecuencias do Decreto de Plurilingüismo sobre o equilibrio e a percepción das outras linguas, especialmente sobre a lingua propia” .

Así o recolle no documento “Ideas para un plurilingüismo dende o galego no Concello de Ames” que foi presentado onte e que pode consultarse no apartado de publicacións da entidade académica.

No inicio do informe, sinalan que “nos últimos 15 anos estímase que o galego perdeu 250.000 falantes. Entre o ano 2003 e 2018 a porcentaxe de galegofalantes descendeu dez puntos ata situarse no 52% do total da poboación galega”.

Na franxa de idade dos menores de 15 anos, só ao redor do 25% (un de cada catro) é galegofalante habitual.

Para darlle a volta á tortilla, na publicación apuntan que “cómpre implicarmos ao conxunto do profesorado na tarefa colectiva de pór en valor o propio e traballar para a preservación do galego”.

Xa no apartado final sobre que podemos facer, apuntan o coidarmos os espazos fóra da aula: falar galego de xeito habitual en gardas, corredores, conserxería, comedor e nas actividades extraescolares.

Outra medida pasa pola implicación coa reflexión de que se debe defender a rica diversidade lingüística do planeta.

Asemade propoñen desenvolver proxectos interlingüísticos dende o galego, abríndoos ao plurilingüismo pero sempre desde a lingua de noso.