Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Gonzalo Caballero | Secretario xeral do PSdeG

“Son a única opción de fortalecer o PSdeG: en fronte non hai proxecto, só suma de intereses”

“Das derrotas apréndese para as vitorias, pasoulle a Felipe González, a Touriño ou a Sánchez”

Gonzalo Caballero, onte no centro de Vigo. | // MARTA G. BREA

Gonzalo Caballero suma catro anos como líder do PSdeG e tratará de revalidar o seu cargo nas primarias do vindeiro día 30. Reivindica o seu proxecto como o “único” capaz de derrubar o dominio do PP de Feijóo e acusa ao seu rival, Valentín González Formoso, de “connivencia coa dereita”. “O PSdeG está nun cruce de camiños: xogámonos seguir avanzando ou retroceder”, resume.

–Que se xoga o seu partido nestas primarias?

–Xogámonos o futuro do partido e a capacidade de seguirmos avanzando para ser forza maioritaria en Galicia. Nestes últimos catro anos, o PSdeG avanzou en apoio electoral en todos os procesos. Preséntome cun proxecto socialista, que está na esquerda, que confronta coas políticas da dereita de Feijóo e que cre nun partido feito de abaixo a arriba e que conta coas bases. Estamos nun cruce de camiños: xogámonos seguir avanzando ou retroceder. Eu teño un proxecto gañador dentro coa militancia para gañar fóra coa cidadanía.

–Ese avance freouse nas autonómicas cando era vostede o candidato. Por que debería seguir vostede á fronte do partido tras ese resultado?

–O partido estaba nunha senda de caída electoral desde que perdeu o goberno de Emilio Pérez Touriño. Sendo eu secretario xeral, avanzamos en apoio electoral en todas as convocatorias. Logramos resultados históricos nas xerais, gañándoas por primeira vez, logramos o maior nivel de goberno municipal, con 3 das 4 diputacións, 5 das 7 cidades e 113 concellos, gañamos europeas e avanzabamos cara un cambio de ciclo político nas autonómicas ata que chegou a COVID. Feijóo aproveitou ese tempo para bater deslealmente contra o goberno de España e levar as eleccións a abstención histórica. Con todo, pasamos dun 17% a un 19% en apoios logo de caer en votos durante 15 anos. O partido hoxe está moito mellor ca hai catro anos e o proxecto que plantamos empezou a xerminar, pero necesita tempo para dar froitos. Non hai proxecto alternativo en fronte, senón un cúmulo de intereses orgánicos e de estruturas de baronías.

–Logo das autonómicas, alegou como explicación de non gañar deputados que non marcaron perfil propio ante Moncloa. Nembargantes, vostede apoia sen fisuras todas as políticas de Sánchez. Non é incoherente?

–Non. Menos mal que en tempos de pandemia houbo un Goberno de progreso que a través dos ERTE’s, das axudas a autónomos ou a suba de pensións permitíu pasar a maior crise con sensibilidade social. A alternativa é a dereita e a ultradereita. E conseguimos cuestións históricas, como a rebaixa da AP-9 ou recuperar Meirás para o público. É evidente que eu confronto con Feijóo e que a dereita preferiría ter un PSdeG en maior connivencia con el. Mentres o outro candidato pasea con Feijóo en campaña electoral, eu defendo o voto ao PSOE en todas as eleccións. Volvería facelo. O outro candidato errou cando desertou da campaña electoral das últimas xerais ao non asistir ao mitin central en España o domingo 13 de novembro que se celebraba na súa provincia, na Coruña.

–Esas críticas ao seu rival, Valentín González Formoso, benefician ao partido nestas primarias ou ao PP ao expor as súas divisións?

–Eu creo nas primarias. Unha democracia avanzada ten que asumir un debate baseado no respecto e nos feitos.

–Tamén é un feito que vostede non gañou ningún escano cando se presentou como candidato.

–Todos recoñecen que temos moito máis apoio e forza ca hai catro anos. Tamén Pedro Sánchez perdeu eleccións no 2015 e 2016 e houbo unha serie de estruturas de baronías do aparato para liquidar o secretario xeral. As bases mantivemos o proxecto de abaixo a arriba na esquerda para agora ser a primeira forza política de España.

–Ve analoxía entre vostedes?

–Das derrotas apréndese para as vitorias. Pasoulle a Felipe González, a Touriño, a Sánchez. O apoio que tiven da militancia vai medrar porque non lle gusta nin a deslealdade nin as cambadelas, nin as manobras das baronías que non traballan lealmente. Galicia precisa un PSdeG forte e o meu proxecto é a única opción real de seguir fortalecendo o PSdeG.

–No congreso federal mantívose na executiva a Pilar Cancela, coa que se abrazou efusivamente Formoso. Ten algunha lectura interna?

–Falei con Pedro e comentoume a posibilidade de manter a esa persona e que eu propuxese nomes para o comité federal. Os catro incorporáronse. Houbo sintonía.

“En catro anos só tiven tres días de vacacións”


–Por que non é quen o PSdeG de acabar con esa tendencia de liderados breves e liortas internas?

–Debemos consolidar o proxecto para seguir avanzando. O propio Touriño sinalou que non podemos estar poñendo o partido patas arriba tras cada resultado electoral. Nesa liña, xogar a mudar de liderado sen que en fronte haxa referencia nin proxecto mellor non leva a ningures. Encabezo un modelo de esquerdas que confronta con Feijóo. A outra candidatura é máis conservadora, ten maior nivel de connivencia coa dereita e un modelo feito a través das baronías. Ese segundo modelo busca un cambio orgánico que non beneficia á esquerda. Agora temos que consolidar un proxecto. Pontón leva 16 anos no Parlamento; Feijóo, 17; eu, 2. PP e BNG sorrín cando ven a outra candidatura porque lles deixaría espazo.

–Pero o seu rival, responsable do PSdeG na Coruña, algo terá que ver cos bos resultados municipais, non si?

–Nas autonómicas, o partido subíu en porcentaxes, votos e deputados en Pontevedra e Ourense. O modelo da provincia da Coruña tivo un retroceso: perdemos non só apoios electorais, senón un deputado. Polo tanto, o outro candidato di que quere ser primeira forza, coma todos, pero se non hai estratexia non leva a ningures. Non hai ningún merlo branco na alternativa. E se temos que mirar modelos, prefiro o da cidade de Vigo, onde a alcadía confronta coas políticas de dereita de Feijóo e sitúa a cidadanía tras un proxecto gañador. Ese é máis o modelo do futuro ca o que se presenta nun concello como As Pontes, onde o outro candidato é un magnífico alcalde. Pero ese modelo non é extrapolable ao resto de Galicia porque se basea nunha central térmica que tivo efectos contaminantes durante décadas e en que o concello teña un elevado nivel de rendas a través dos equilibrios coa central e as eléctricas.

–Que opina de que Formoso opte á Secretaría Xeral logo de declarar en numerosas ocasións que non quería dar o salto á política autonómica?

–Nos peores momentos da pandemia díxome que ninguén me podería quitar o dereito a seguir liderando o partido e ser candidato nas vindeiras eleccións. Pero en política a palabra de cada quen vale o que significa.

–Hai risco de que parta o partido tras as primarias?

–Ningún.

–Calquera o diría escoitándoo falar do seu rival.

–O que hai que pedir é lealdade. Levo catro anos á fronte do partido e vin cousas que non me gustaron, non foron leais. Eu quero un PSdeG forte que pare ao BNG e confronte co PP. E para iso o mellor é o proxecto que represento. Outro escenario é desdebuxar a posición ideolóxica do partido. Hoxe aínda non coñezco o proxecto alternativo da outra candidatura. Se atopase un proxecto mellor, eu poríame ao seu carón logo de catro anos de adicación íntegra ao partido. Nese tempo só tiven tres días de vacacións.

“Teño o compromiso cos galegos de servir catro anos desde o Parlamento”

–Cal sería a súa primeira decisión logo de ganar?

–Construír novos equipos de dirección con renovación, incorporarando capacidades municipais para unha etapa de fortalecemento.

–No caso de perder, abandonaría o Parlamento?

–Non contemplo ese escenario. En todo caso, teño un compromiso cos galegos de servir catro anos desde o Parlamento e eu sempre cumpro os meus compromisos.

–Foi unha campaña interna limpa ou sucia?

–Razoable. Teño propostas, pero tamén me gusta facer un debate serio sobre que representa cadaquén.

–Dígame algo que admire do seu contrincante.

–É moi bo alcalde nas Pontes, moi comprometido coa súa veciñanza.

–Que lle din na casa sobre seguir nesta actividade política?

–Preferirían que deixase isto. Os nenos non son moi conscientes, pero o nivel de adicación é moi intenso e as ausencias nótanse.

–Está a favor de “un home ou muller, un cargo”?

–Desde que estou á fronte do partido, cumprimos esa norma. Eu fun dos referentes en avanzar nesas cuestión.

–Parécenlle ben as portas xiratorias e que haxa expresidentes do Goberno, como Felipe González, en consellos de administración de eléctricas e dando leccións sobre redistribución da riqueza?

–Hai que ter un comportamiento exemplar por ética e estética. Hai certos feitos que xeran unha imaxe pouco positiva entre a ciudadanía e deberiamos ser máis escrupulosos. Non me gusta ese tipo de mecanismos. A connivencia coas eléctricas, que eu non teño, non é positiva para un partido de esquerdas coma o noso.

Compartir el artículo

stats