Case trinta persoas foron detidas nunha investigación que volve a confirmar a colaboración entre os narcos galegos e andaluces. A operación Bocanegra, executada en Málaga, Almería e Pontevedra, tamén permitiu intervir 630 quilos de haxix en dúas actuacións, unha nun iate interceptado en alta mar e outra en Ceuta, onde os axentes localizaron a droga nun camión de reciclaxe de vidro, e desarticular ao clan almeriense coñecido como Los Gordos.

As investigacións comezaron a finais do ano 2019 a partir dunha investigación arredor de persoas vinculadas comercialmente ás organizacións dos históricos narcos galegos Sito Miñanco e Laureano Oubiña, segundo fontes próximas ao caso. Isto permitiu á Policía Nacional e á Guarda Civil identificar a un grupo de persoas que, desde Cambados e Ribadavia, prestaba apoio loxístico a unha organización andaluza, sobre todo no relacionado coas embarcacións. Con ambos corpos traballando conxuntamente, os axentes localizaron un iate que o grupo utilizaba para transportar haxix desde Marrocos ata Almeríaunha nave industrial en Los Barrios (Cádiz) e un camión de transporte de vidro para reciclar no que levaban a droga oculta.

A finais de xuño do ano pasado, os investigadores detectaron que o camión embarcou con destino a Ceuta co obxectivo de transportar unha determinada cantidade de haxix. Tres días despois, a Garda Civil da cidade encontrou 330 quilos desta droga ocultos na zona de carga do camión e detiveron o condutor, que xa fora identificado pola Policía Nacional ao tratarse dun destacado membro da organización. Xa en febreiro deste ano, os axentes localizaron o iate en cuxo abordaxe encontraron 300 quilos de haxix. Os dous tripulantes foron arrestados.

Unha vez detidos os principais membros da organización, os investigadores identificaron e localizaron o resto de implicados. Ata 28 persoas foron arrestadas en Málaga, Galicia e Almería, desmontando por completo á organización criminal investigada. Ademais, como resultado da investigación, tamén se interviñeron 42.000 euros en efectivos, tres vehículos e numeroso material telefónico.

A investigación puxo de manifesto que a organización perdera a confianza nos provedores e que se atopaba apertado polas débedas, se ben aínda non dispoñía dunha embarcación de alta velocidade capaz de viaxar ata Marrocos para realizar unha nova carga.