- Como afectarán o debate interno de En Marea e o cambio en Moncloa ás municipais?

-Imos consolidarnos nas 30 localidades onde gobernamos ou cogobernamos, que son aproxidamente unhas 10 e 20, respectivamente. Mostramos que con moi pouco pódese facer moito e imos triplicar o número de candidaturas. E en relación ao cambio de Goberno, para nós non terá repercusión negativa, todo o contrario. A xente respirou aliviada coa moción de censura e En Marea foi protagonista dese alivio social. A xente saberá recoñecelo.

- Como xulga as contradicións do Goberno en cuestións como a inmigración?

-Do alivio inicial por desaloxar a un PP corrupto pasouse á ilusión. Pero sacamos ao PP porque queremos derrogar a Lei Mordaza, recuperar dereitos sociais, derrogar a reforma laboral... O PSOE reaccionou positivamente ao principio, pero agora sen nós non é capaz de acompañar as ilusións da xente.

- Pedro Sánchez quere esgotar a lexislatura tras prometer nun primeiro momento adiantar eleccións. Debe convocalas?

-Debemos aproveitar a lexislatura para paliar as políticas do PP que causaron sufrimento. Se non vale para iso e o PSOE non pode aprobar os orzamentos, debería haber adianto. Non estamos aí para pasar o tempo.

- En Marea pediu que se condonase a débeda do porto da Coruña se se facía o mesmo co de Valencia. Extende esa petición a todos os peiraos galegos?

-No momento que saíu o tema, puxemos o foco na Coruña, pero debe debatirse sobre todos os portos galegos: non ten sentido que compitan entre eles.

- Pero pide ese tratamento para todos os peiraos galegos?

-Si. Isto é unha oportunidade para ese debate e que nesa condonación entren os portos de interese xeral.