O voceiro de En Marea, Luís Villares, reafírmase no cargo e na súa posición de que Paula Quinteiro debe dimitir como deputada tralo seu incidente coa Policía no dun suposto caso de vandalismo. Agarda que a parlamentaria de Podemos reflexione e non ter que pedir opinión ás bases de En Marea.

-Falou con Paula Quinteiro dende o luns, cando propuxo que os inscritos de En Marea decidan se debe ou non dimitir?

-Non falei con ela. Non quero presionar.

-Que marxe lle dá a Quinteiro antes de convocar a consulta?

-A consulta ás bases é unha proposta adicional de saída do conflito, despois de que o grupo parlamentar non pedise a dimisión e o Consello das Mareas si. Hai unha fonte de lexitimidade común entre o grupo parlamentar e o Consello das Mareas que son os inscritos. Foron os que nos escolleron para formar parte do grupo parlamentar e os que escolleron a dirección política. Polo tanto se a cuestión se enquista, podemos consultar aos inscritos. Son eles os que gobernan este espazo político. Nós sempre promovemos a participación, a consulta sobre temas de interese público.

-Busca ter pechada a crise para a vindeira semana? Imaxine o próximo pleno, cada vez que suba á tribuna un deputado do PP.

-Hai que ser flexible. Eu apelo á responsabilidade persoal, á madurez política de cada un. Non pode estar aberta a situación indefinidamente, pero non é necesario dar ultimátums. Non hai prazo concreto.

-Se Quinteiro non dimite, manterase firme e haberá consulta?

-Eu son firme en propor solucións. É unha saída inapelable porque ninguén está por enriba dos inscritos de En Marea. O voceiro pódese equivocar, o Consello das Mareas, o grupo parlamentar pódense equivocar, pero os inscritos non.

-Para Podemos, a consulta sería unha caza de bruxas.

-Preguntar aos inscritos por temas de interese político nunca é unha caza de bruxas. A democracia interna é sempre positiva.

-O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, acusouno a vostede de elevar a tensión en En Marea ao pedir a dimisión de Quinteiro malia a non ter o apoio do grupo parlamentar?

-A tensión en En Marea vén provocada polo incidente, non polos demais. Os demais intentamos xestionar isto da mellor maneira posible para salvagardar os principios éticos do espazo político. Nós escollemos un camiño para facer política que nos diferencia dos demais. Escollemos o camino da autoesixencia, da ética. Facemos nosas as reivindicacións da xente que sofre e dixemos que iamos renunciar a todos os privilexios.

-Síntese desautorizado no grupo parlamentar porque a maioría dos deputados non pide a dimisión de Quinteiro?

-Somos un espazo diverso, podemos amosar opinións diferentes sen que iso supoña un problema. En Marea é un proxecto diferente aos demais, porque somos a suma dos diversos con cousas en común. Non será a primeira vez nin a última vez que discrepemos. É un signo de saúde democrática.

-Non hai risco de escisión no grupo parlamentar de En Marea e mesmo en En Marea?

-Non. Porque a razón de ser de En Marea é defender os intereses da cidadanía e niso estamos dacordo. Todos queremos unhas políticas xustas para que ninguén quede atrás.

-Pois en AGE compartían ideario e houbo tres fugas ao Grupo Mixto.

-Todos aprendemos a lección.

-Que pasa se hai consulta, as bases piden a dimisión de Quinteiro e ela se nega?

-As actas son dos deputados. Para ela, a consulta se se chega a producir, sería un elemento de reflexión. Agardo e confío na responsabilidade das persoas.

-Queda vostede nunha posición moi delicada como portavoz se ao final Quinteiro non marcha e segue no grupo parlamentar?

-Non. A responsabilidade é de quen orixinou esta situación. Un, nun cargo público, debe saber que non se representa a si mesmo senón á organización, ás persoas que a escolleron e lle deron a súa confianza. En Marea non funciona como os demais partidos. É un espazo colaborativo, participativo, cooperativo, onde todas as voces suman, e ninguna é determinante. Eu non son secretario xeral. En Marea non ten un secretario xeral que dea órdenes executivas. E isto lévanos a actuar doutro xeito. Pode ser que o voceiro discrepe do resto e non pasa nada. É bo que a xente se acostume a que hai outra forma de facer política. O meu leitmotiv nesta situación é non defraudar á cidadanía, non decepcionar a quen nos votou, a ilusión que xeramos, a esperanza de cambio.

-Pensa que poden saír desta sen decepcionar?

-Incluso podemos saír reforzados. Somos exemplares e queremos seguir sendo exemplares. Somos máis transparentes e os nosos debates fanse públicos, pódelle resultar positivo á cidadanía ver cal é o proceso de razoamento nunha posición e noutra?, ver que temos un estándar político tan alto.

-Pensou en tirar a toalla estos días?

-Hai fins demasiados elevados detrás deste proxecto para tirar a toalla. Non son quen para tirar a toalla. Teño depositada a confianza, a esperanza de moita xente. Temos a obriga de aguantar ata o final, para ofrecer unha alternativa ilusionante que nos permita vivir mellor e que ninguén quede atrás. A min móvenme os ideais. Traballar polos demais, para un mundo mellor.

-Botan quince días debatindo pola crise aberta por Paula Quinteiro e aínda non a pecharon. Que pasa se gobernan e teñen no Consello da Xunta que aprobar o macroconcurso do eólico?

-Nese consello, nós guiaríamos polos nosos principios. A decisión non chegaría cociñada de non se sabe onde.

- Paula Quinteiro é o último episodio da crise de En Marea. Saben que se está a debilitar En Marea como alternativa?

-É evidente. Dámonos de conta todos e temos que reflexionar.

-Que lle pareceu o chío do PP no que o daban por "morto político"?

-O PP faría mellor en ocuparse dos seus asuntos internos, que ten moitos. Non é comparable para nada a situación de En Marea coa do PP, onde os casos de corrupción son bochornosos. Houbo condenas, non hai moito, pola Operación Campéon, onde un exdeputado do PP foi condenado por malversación e prevaricación, igual que exaltos cargos do Igape. E o alcalde de Palas de Rei, que é o do PP, segue como rexedor, co apoio do seu partido, malia a estar condenado por prevaricación e acoso laboral á secretaria do concello.

-E o vídeo que circulou polas redes sociais onde unha persoa de En Marea o insulta?

-Ese vídeo califícase por si só.

-Non habería que abrir un expediente disciplinario?

-Esa decisión non me corresponde a min tomala. Pero os máis perxudicados por ese vídeo son os que alí aparecen. Cando se esta en política hai que ser responsables.