O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, agradeceu a visita do Papa Benedicto XVI este sábado e asegurou que é o acto "máis importante" do Ano Xacobeo 2010. "Damos grazas como pobo e como comunidade á Igrexa e ao Sumo Pontífice, que quixo vir como un peregrino máis", proclamou.

Nunha entrevista coa Cadena COPE, recollida por Europa Press, Núñez Feijóo reiterou que "todo está preparado" en Galicia para a "histórica" visita dun líder mundial relixioso e xefe de Estado. Ao tempo, reiterou a súa satisfacción polo feito de que a capital galega teña a oportunidade de recibir o peregrino "máis ilustre" deste Ano Santo.

Por outra banda, o máximo mandatario autonómico criticou a falta de apoio do Goberno central ao Xacobeo, o "primeiro acontecemento cultural" do ano en Europa e, "sen dúbida", en España. De feito, contrapuxo "os 1.200 millóns de euros destinados para o Forum de las Culturas de Barcelona" coa inversión do Estado no Xacobeo: "a emisión dun selo e unha moeda".