O 22 de febreiro, arredor de 60 artistas procedentes de toda a comunidade achegaranse a Lalín para degustar o tradicional Cocido das Artes. Este ano os asistentes aproveitaran a súa estadía en Lalín para visitar a exposición "Creacións máxicas de medidas exactas. Maruja Mallo e Luis Seoane en Bos Aires (1936-1965)", unha das mostras que mellor acollida está tendo no Museo Municipal Ramón Aller nos últimos anos, con obras inéditas de dous dos artistas máis representativos dos renovadores da plástica galega. Durante esta xornada tamén se presentará ao público o libro-catálogo da propia exposición cunha descrición razoada das obras, con textos de Antón Castro, comisario da exposición, Xosé Ramón Barreiro Fernández e Beatriz López Morán, ademais dos saúdos institucionais do alcalde de Lalín, Xosé Crespo, e do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez.