Priscila Retamozo Ramos é unha politóloga pola Universidade de Santiago de Compostela e Máster de Igualdade de xénero na Universidade de Málaga. Estancia como Asistente Técnica en ONU Mujeres Ecuador na Area de Erradicación da Violencia contra as Mulleres. Coordinadora externa do Comando Igualdade. Dentro da súa actividade profesional realiza formación en igualdade de xénero en educación infantil, secundaria e formación profesional, así como formación ao profesorado e familias en coeducación. É coordinadora do programa da Deputación de Pontevedra “Canteira da Igualdade” dirixido á mocidade. Dentro do seu activismo presenta o programa feminista "Histérikas histórikas" que visibiliza temáticas de actualidade dende un enfoque de xénero. É autora, xunto a Chis Oliveira, de "Comando Igualdade. A mocidade facendo a revolución feminista nas aulas!" editado por Catro Ventos e a súa traducción ao castelán editado por La Catarata "La revolución feminista en las aulas. Comando Igualdad". 

Chega ao VI Foro de Educación co obradoiro “Canteira da Igualdade. A mocidade e as crianzas como axentes de cambio nas aulas”, que nos explica coas súas palabras:

Este obradoiro é un achegamento a experiencia do Comando Igualdade, unha canteira da igualdade, que dende máis de 10 anos forma a mocidade e crianzas como axentes de cambios. Abordaremos as estratexias, ferramentas e recursos para levar a cabo esta metodoloxía de educación entre iguais nas aulas. Faremos análise dos contidos en redes sociais e dos discursos nas aulas para aplicar unha perspectiva feminista transformadora que nos permita traballar na aula tanto as resistencias como as actitudes proactivas. O obxectivo deste obradoiro é dar ferramentas prácticas para comenzar a traballar dende xa nas aulas a igualdade, a prevención da violencia de xénero, a loita contra os estereotipos e unha educación afectivo sexual satisfactoria para as futuras xeracións.