Priscila Retamozo foi alumna da profesora Chis Oliveira Malvar. Agora, anos despois daquelas aulas, son coautoras do primeiro libro sobre o "Comando Igualdade: A mocidade facendo a revolución feminista nas aulas!", frase que aparece na portada desta obra.

O libro explica a historia do Comando Igualdade, unha iniciativa pioneira, nada en Vigo a raíz do ‘Proxecto Batas’, posto en marcha pola catedrática de Filosofía no Instituto de Educación Secundaria (IES) Alexandre Bóveda. Con aquel traballo Chis acadou o apoio de 500 estudantes e tamén docentes para visibilizar o traballo das mulleres no ámbito do fogar. Pasaron dez anos dende entón.

Agora o Comando Igualdade segue a funcionar. Na coordinación, mozas que foron alumnas de Chis, como Priscila, que continúan co reto de entender o feminismo e expresar a necesidade dunha igualdade real. “Neste libro, Oliveira e Retamozo contan a historia do Comando Igualdade. Descubre os motivos da súa formación, descubre os valores que promove e comeza a ver o mundo a través dunhas lentes violetas que… unha vez postas, non has quitar xamais”. Este é o resumo que a editorial Catro Ventos fai desta obra, con prólogo da escritora Ledicia Costas.

"Comando Igualdade" (Catroventos)

Chis Oliveira é catedrática de Filosofía e doutora en Educación Afectivo-sexual. Foi profesora en mestrados de Xénero, presidenta da ONG Federación de Planificación Familiar de España, impulsora do Comando Igualdade e unha das fundadoras de Enxergo e Nexos de Didáctica da Filosofía.

Priscila Retamozo é politóloga, cun mestrado en Igualdade de Xénero. Está especializada en coeducación, violencia contra as mulleres e políticas públicas con perspectiva de xénero. Traballou como asistente técnica na ONU Mulleres Ecuador e agora combina a coordinación do Comando Igualdade co labor de relatora e formadora en xénero.