Dado que a loita contra o acoso escolar tense que abordar dun xeito integral e desde todas as perspectivas posibles, ao abeiro da Estratexia Galega para a Convivencia, Educonvives, desde a Consellería de Educación temos en marcha un conxunto de medidas que van desde a formación do profesorado (imprescindible que os docentes dispoñan das ferramentas para anticiparse e detectar posibles situacións de acoso) ata o impulso das escolas de nais e pais, a implementación de programas educativos específicos nos centros e protocolos, orientacións e unidades didácticas que redundan en aspectos como a inclusión e a atención a determinados colectivos. De feito Galicia foi a primeira CCAA en contar cun Protocolo para a prevención, detección e intervención en acoso e ciberacoso. Este protocolo -que está a disposición de todos os centros- recolle os pasos a dar ante unha posible situación deste tipo, e tamén as diferentes estratexias de prevención.

- Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

“Enténdese a preocupación das autoridades perante situacións de risco do alumnado como o acoso escolar. Haberá que agardar a ver como queda definitivamente esa norma da Comunidade de Madrid á que fai alusión. En calquera caso haberá que diferenciar o papel e as responsabilidades de profesorado e alumnado respecto a casos de acoso dos que, sendo coñecedores, non dean conta. Os profesores estarían obrigados a facelo en virtude da súa responsabilidade como formadores e tuteladores de menores en proceso de formación. No que atinxe ao alumnado non semella adecuado trasladar procedementos de tipificación de delitos e de sancións propios do ámbito xurídico ao terreo educativo. Semellaría máis adecuado fortalecer as iniciativas no terreo preventivo, no ámbito da educación afectiva e emocional, no respecto aos compañeiros máis que en arbitrar procedementos de sanción por non denunciar. Non cabe esquecer que o alumno é unha persoa en proceso de formación, do que forma parte tamén a súa propia personalidade no que se inclúen os valores propios dunha ética respectuosa dos dereitos da persoa. Nas distintas asignaturas do currículo sería posible e desexable profundizar nas relacións e nas habilidades sociais, na empatía cara ás persoas e na crecente responsabilidade que vai asumindo o alumnado sobre os seus propios actos –e tamén sobre as súas omisións ou inhibicións-. 

- José G. Barral Sánchez, orientador educativo