CIENCIA PARA O DÍA A DÍA

En busca das pegadas perdidas das mulleres medievais galegas

Sabiades que, coa axuda de luz ultravioleta, podemos ler pergamiños con mensaxes invisibles e recuperar historias e aventuras a punto de esquecerse?

A clase de 5ª do CPR  Nuestra Señora  de la Esperanza  e o seu titor, Jorge  Moreno. // Faro

A clase de 5ª do CPR Nuestra Señora de la Esperanza e o seu titor, Jorge Moreno. // Faro / Cedida

CSIC*

Miguel García Fernández

Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC-Xunta de Galicia)

"Visito monumentos e arquivos para tratar de recuperar as pegadas históricas femininas"

Cando eu ía a escola

Cando era neno gustábame moito escoitar as historias que me contaba a miña avoa sobre os tempos de cando era pequena. Tamén me apaixonaba rebuscar nos papeis vellos que atopaba pola casa e, sobre todo, ler libros, moitos libros, máis aínda cando trataban de historias do mundo clásico, da Idade Media ou dos séculos posteriores...

O meu camiño na ciencia

Froito disto e da miña inmensa curiosidade por como vivirían as xentes do pasado, que sentirían ou que pensarían, decidín estudar historia. Daquela, xurdiume unha gran dúbida: como era posible que na miña memoria familiar as mulleres tiveran tanto protagonismo ao longo do tempo, mais nos libros de historia era pouco o que se comentaba sobre a vida delas, a metade da sociedade? Como apenas estaban presentes nos discursos dos historiadores, cando entre as miñas novelas históricas favoritas estaban as protagonizadas por mulleres? Acaso non había fontes sobre elas? Ante isto, optei decididamente por converterme en historiador, por dedicarme a investigar o noso pasado e, concretamente, por especializarme no estudo da historia das mulleres medievais galegas.

O meu agasallo: un dato curioso

 Desde entón, visito monumentos e arquivos para tratar de recuperar as pegadas históricas femininas. O que máis me gusta é ler pergamiños e papeis antigos. E incluso como en Galicia moitos deles están deteriorados pola humidade, ás veces teño que consultalos cunha lámpada de luz ultravioleta para recuperar eses nomes e actuacións de mulleres que case esquecemos a día de hoxe. Así, pouco a pouco, vou descubrindo como viviron as nosas antepasadas ao longo da historia de Galicia.

[object Object]

Unha mensaxe de Miguel para a clase de 5º do CPR Nuestra Señora de la Esperanza...

Recibo con entusiasmo as vosas dúbidas e preguntas. Mais, antes de nada, dicirvos que, de verdade, a historia non é para nada aburrida. Vale, ás veces si que o pode ser ou parecer, mais investigar non o é en absoluto!!! Pensade que, ao final, consiste en tratar de coñecer todo o que poidamos sobre as mulleres e os homes que viviron antes ca nós, descubrindo incluso os seus segredos, que comían, en que pensaban! Para facelo, efectivamente, utilizamos o método científico. Hai historiadores que incluso empregamos lámpadas de luz ultravioleta para ver documentos deteriorados (igual que os biólogos utilizan microscopios). Tamén utilizamos as matemáticas, a paleografía (que é ciencia de ler escrituras antigas), ou temos que botar man do enxeño e o método dedutivo para descubrir de que data é algunha cousa ou outra. De verdade, somos coma Sherlock Holmes, que utilizaba un método de investigación moi racional. 

— Poderías contarnos unha anécdota interesante ou emocionante que te houbera sucedido?

— Cousas emocionantes... hai moitas historias que me emocionaron mentres investigaba. Por exemplo, descubrir que nun pergamiño do ano 1372 xa aparece o nome da aldea na que nacín e na que hoxe só viven os meus pais. Mais, ultimamente, contareivos que me fixo moita ilusión estar nun arquivo e descubrir un anaco de pergamiño roto que, facendo memoria e revisando as miñas notas tras visitar outro arquivo, descubrín que era a metade doutro documento que xa consultara había tempo e, grazas a iso, puiden unir as dúas partes e descubrir por fin o que puña o documento na súa integridade. Por exemplo, nese fragmento perdido víase que a irmá do rei do século XII do que falaba o documento estaba co irmán e era unha figura moi importante xunto a el. Antes, o seu nome estaba perdido. Daquela, cantos máis documentos rotos poderemos ir unindo para desvelar cousas bonitas e curiosas que destaquen a importancia das mulleres na nosa historia? Só unha máis, tamén me fixo moita ilusión que un veciño meu que sabe que me gusta isto dos papeis vellos deixoume uns documentos asinados pola raíña Isabel II, do século XIX. E eu estiven con eles no meu propio cuarto. Imaxinades estar na vosa cama con documentos que 200 anos antes asinou unha raíña? É emocionante pensalo.

— Xa estamos a imaxinarte como Indiana Jones en algunha das súas películas. Atopaches algunha vez unha figura feminina que contara a historia segreda dalgunha muller da idade media?

— Historias secretas que descubrimos os historiadores? Moitas. Hai algúns anos publiquei un artigo no que desvelei o segredo que unha muller non quixo escribir no seu testamento, é dicir, no documento no que puña as súas últimas vontades antes de morrer. Nel dicía que a súa herdanza pasaría a unha persoa que só coñecían dous dos seus achegados, mais non confesaba quen era. Rebuscando nos arquivos atopei un preito no que por fin alguén declaraba o segredo desa muller. O seu herdeiro sería un fillo ilexítimo que ninguén sabía que tiña. E segredos así vanse desvelando lendo moitos e moitos documentos de mulleres. E tamén de homes. Por exemplo, nos últimos tempos estou estudando como un nobre de Soutomaior estaba especializado en falsificar documentos vellos. Afumaba pergamiños, copiaba cousas antigas... E así, algúns documentos que utilizaba eran falsos. Xa vedes, hai moitos segredos e mentiras que 500 anos despois os historiadores imos descubrindo.

— Vemos que destacas o teu gusto pola lectura... ademais do tempo que lle dedicas á historia... tes pensado escribir un libro para que o leamos nos? ou o mellor xa o fixeches...

— A lectura... e a escritura... Só direi un segredo... sabedes o que é un pseudónimo? Eu empreguei algún que outro para publicar algún libro, contos e poemas... Pero, ao mellor teñen que pasar moitos anos para que algún historiador ou estudoso da literatura desvele quen son eu!!! Tamén me gustaría escribir algunha novela que teño en mente, pero... posiblemente non sairá co meu nome. Hai que xogar e deixar enigmas para os demais...

DIVULGACIÓN

*Esta sección de ‘Ciencia para o día a día’ elabórase coa colaboración de persoal do CSIC a través da Unidade de Cultura Científica CSIC-Galicia.