Psicóloga, psicopedagoga, sexóloga e experta en neuroeducación, Vanessa Rodríguez Pousada é membro da directiva da Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia (ASEIA Galicia) e vicepresidenta da Sociedade Galega de Sexoloxía (SOGASEX). 

Responde coa tranquilidade de quen sabe do que fala para axudarnos a entender a educación sexual desde “unha perspectiva científica”, lonxe da “lexítima moralidade” de cada un.  

¿A educación sexual é un dereito? 

É un dereito e o marco de consecución deste dereito ten que ser a escola, que é o lugar que nos iguala a todos, no que os profesionais poden aportar esas ferramentas para que os alumnos podan ir construíndo a súa identidade máis alá da lexítima moralidade de cada familia.

“Abordar este 
tema aludindo só ás Enfermidades de Transmisión Xenital é coma impartir unha cata de viños e centrarte na cirrose”

Témoslle medo? 

Vimos dunha sociedade na que a educación sexual era inexistente, co tabú e a represión como protagonistas. Hoxe en día, contamos con profesionais formados que nos van axudar na aula. Tamén temos que empoderar ás familias para que dean ese paso adiante, facerlles saber que moitas veces están máis preparados do que pensan, coas súas propias testemuñas de vida e incluso asumindo que ese medo está aí e que non pasa nada, o importante é que non nos paralice. 

Fai uns anos, a educación sexual limitábase á impartición de charlas sobre métodos anticonceptivos. Ten mudado o concepto nos nosos días? 

Non me canso de citar a Manuel Lucas cando di que falar de educación sexual aludindo só ás Enfermidades de Transmisión Xenial é coma impartir unha cata de viños na que só te centres na cirrose. Esa perspectiva que asocia educación sexual con perigo segue aí, pero pouco a pouco si vai habendo unha apertura. Desde os centros reclaman cada vez máis charlas de diversidade sexual; o tema da pornografía tamén preocupa moito.

"A adolescencia está colonizando etapas prepubertais e estáselle impondo á infancia unha erotización propia dos adultos que non están preparados para xestionar"

Cales deben ser os obxectivos da educación sexual e a que idades debemos empezar a tratala?

Os obxectivos da educación sexual son tres e son os mesmos aos tres anos que aos 80: aprender a coñecernos, aprender a aceptarnos e aprender a desfrutar da erótica. O que cambia son os contidos... 

Non se aborda da mesma maneira aos 3 anos que aos 17…

Claro, as polémicas que vemos nos colexios cando empeza a impartirse educación sexual aos seis anos chegan porque non se entende que é a educación sexual. Educación sexual non é sinónimo de sexo. En 1º de EP, non se van tratar as relacións sexuais, senón os afectos, o respecto, a empatía, o coñecemento do noso corpo… Gran parte do rechazo que vemos pasa polo descoñecemento. Por iso, cando se traballa educación sexual nos colexios, é moi importante que se aborde de xeito paralelo coas familias. 

"Hai que traballar o tema do porno por unha razón moi sinxela que é que está aí e que o ven; pero debemos facelo desde una perspectiva non culpabilizadora"

Os nenos de hoxe empezan antes con condutas erotizadas, temos que volver a infantilizar a infancia?

A adolescencia está colonizando etapas prepubertais e estáselle impondo á infancia unha erotización propia dos adultos que non están preparados para xestionar. Sobre todo vese no caso das nenas: nas formas de vestir, nos bailes de fin de curso, en TikTok… Un informe da Comisión de Delitos contra a Muller denuncia a súa relación co aumento da perda da autoestima e a aparición de TCAs. Aquí quen nolo temos que replantexar somos os adultos porque, se está a pasar, é porque nos o consentimos. 

Mencionas TikTok, fan as redes sociais máis ben ou máis dano ao bo coñecemento da nosa sexualidade? 

As redes sociais non son ni boas ni malas per se, son unha ferramenta, o tema é como se usan. Debemos acompañar aos nenos e as nenas para aportar a nosa mirada adulta e crítica… Se os deixamos sós, iste é un mar no que van afogar; e tamén temos que predicar co exemplo. 

"Unha característica fundamental dos adolescentes deste tempo é a apertura e a visibilización da diversidade. Aquí, os adultos temos moito que aprender"

Os adolescentes de hoxe tamén acceden antes á pornografía, que podemos facer? 

Unha cousa é acceder e outra consumir. Como sociedade, temos que revisar por que motivo, cando un neno ten curiosidade e fai unha busca sobre sexualidade en Google, todos os resultados que atopa son páxinas pornográficas. Por outra banda, nos pensamos que hai que traballar con eles o tema do porno por unha razón moi sinxela que é que está aí e que o ven; pero debemos facelo desde una perspectiva non culpabilizadora, de acompañamento e conversa, axudándolles unha vez máis a desenvolver unha perspectiva crítica. 

Non ten sentido prohibir? 

Prohibir no caso dos adolescentes pode chegar a ser motivador. A chave está en facelos conscientes de que o que están vendo é ficción e de que van mal si o que buscan e aprender por esa vía porque, ademais, pode chegar a ser moi frustrante para eles. 

"Penso que volven a condutas machistas porque lles faltan modelos e recorren ao coñecido. Serán eles quenes irán creando eses novos modelos e o que nos toca a nós é conversar moito"

Falabas dun crecente interese por parte dos centros na diversidade sexual…  

Unha característica fundamental dos adolescentes deste tempo é a apertura e a visibilización da diversidade. Eles conviven con isto dunha forma moito máis natural e aquí os adultos temos moito que aprender deles.

Ao mesmo tempo, sorprende que se está a denunciar unha volta de certas condutas machistas, como é posible?

Vese de todo: hai un movemento feminista moi activo na adolescencia que non estaba antes, pero tamén se están a observar condutas propias doutras épocas. Penso que lles faltan modelos e por iso responden de forma reactiva aferrándose ao coñecido. Serán eles quenes irán creando eses novos modelos e o que nos toca a nós é conversar moito e facerlles pensar desde a comprensión.