Un coche que se controla coa mente, un semáforo para persoas con discapacidade e ata un sistema para apagar lapas sen empregar auga.Faro Educa non quería nin podía perderse a volta de Galiciencia, a maior feira do seu ámbito en Galicia, que o pasado mércores arrancou en Ourense con preto de 2.900 participantes e durante a que, ao longo de tres días, estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato presentaron os seus proxectos baixo a temática da “Economía Circular”, elixida como fío condutor desta edición. 

Talleres e espectáculos de ciencia sucedéronse deste xeito no Parque Tecnolóxico de Galicia entre o bo ambiente do evento e os stands dos escolares nunhas xornadas marcadas pola curiosidade e cheas de novas ideas e coñecementos. Tamén alí, en Ourense, celebrouse a gran final do Desafío científico de Galiciencia, do que resultaron gañadoras Estela, Mara e Sofía, alumnas de Primaria do CEIP pontevedrés San Martiño. 

O grupo As Ecolóxicas, tal e como se fan chamar, alzáronse co primeiro premio do certame entre case 600 escolares cun rap no que animaron a apostar pola reciclaxe e á reutilización dos xoguetes vellos en arte e decoración. As tres teñen claro que a ciencia é moi divertida: “Foi unha experiencia súper chuli”, cóntanos Mara para deixar paso a Estela, que rememora a emoción ao escoitar os seus nomes cando anunciaron aos gañadores, e agradece ter aprendido tantas cousas sobre a Economía Circular. Sofía, pola súa banda, anima a todo o mundo a reciclar citando parte da canción que encandeou ao xurado: “Estas tres mociñas pedímosvos por favor que coidedes do planeta. Non hai herdanza mellor!”. 

“Pero é ciencia ou é maxia?!”

“Claro que é divertida, eu a veces cuestiónome: ‘pero é ciencia ou é maxia?’, porque a maxia explicase a través da ciencia e a ciencia as veces parece maxia”, responde, pola súa banda, Patricia Sampayo

Directora do CEIP San Martiño e acompañante do Grupo As Ecolóxicas en Galiciencia, é tamén unha das profesoras implicadas no Club de Ciencia de Primaria do centro, que todos os xoves pola tarde se reúne para experimentar a realidade dun xeito moi especial. “A todos nos gusta xogar coas pompas de xabón, pero…: porque se forman? ou por que se rompen? ou por que teñen esas cores?” A mellor forma de atopar a resposta é observar, facer preguntas, considerar hipóteses e, a partir de aí, lanzar unha conclusión.

Dito doutro xeito: traballar co método científico, a través do que “aprendemos a pensar e a espertar a nosa curiosidade”; e que nos permite descubrir que a ciencia vai máis aló dos libros: está esperta, viva, no día a día. “Así é como hai que mostrarlla ao alumnado, a través da experimentación”.