“-Temos un gran problema. Secuestraron a Rosalía! -solta sen reviravoltas Anxo Angueira.

-Guau!!! -exclama Forx4n sen poder reprimirse- Que pasada!!! Secuestraron esa cantante tan famosa!!!”.

É só unha anécdota deste divertido libro de Pere Tobaruela e ilustracións de Andrés Meixide, as aventuras deste grupo de investigación e resolución de casos difíciles e enigmáticos, protagonizado neste caso pola célebre poeta Rosalía de Castro. Misión Rosalía é a sexta entrega das aventuras dos Formig4s, unha historia chea de sorpresas, na que incluso a propia Rosalía pode converterse nunha máis, con aspecto de Xoaniña, como pode verse na portada do libro, grazas ao maxistral e orixinal trazo de Andrés Meixide.

Hai vinte anos que Pere Tobaruela vive en Galicia. “Coñezo a figura e a dimensión de Rosalía de Castro nada máis chegar. Cando chego aquí, veño doutra cultura. Pero Rosalía xa formou parte dende o inicio”, conta o autor, Pere Tobaruela, catalán de orixe.

“Sabemos que as tendencias lectoras están a cambiar. Neste contexto ‘Formig4s’ é precursora. Intentamos facer unha mestura entre a palabra e a imaxe. Temos que atraer lectores, temos que adaptarnos aos hábitos dos novos lectores, no contido pero tamén na forma. Por iso aquí mesturamos, hai que ter en conta que os rapaces teñen esa educación visual”, expresa o autor, que asegura crer na “profundidade pedagóxica dos libros”.

Entre a misión que poñen en marcha os integrantes de ‘Formig4s’ aparecen páxinas de banda deseñada, sen texto, con imaxes que axudan a interpretar a historia, de cando en vez algunha onomatopea. E tamén os poemas de Rosalía intercalados entre viñetas e textos con diferentes tipos de letra, dotando á famosa escritora de cor e ás.

Segundo Tobaruela, este libro é ideal para que os rapaces e rapazas coñezan a figura e a obra de Rosalía, “que queden con ganas de máis”. Ademais, nesta obra o autor presenta a unha Rosalía afouta, unha Rosalía decidida a cambiar o mundo, cun aspecto visual que lle outorga ese poder.

Falar a súa linguaxe, é unha das claves para conectar cos máis novos e novas. “Ollo, que esta obra pode entrar nas casas a través dos pequenos/as pero tamén pode gustar aos maiores, presentando a unha Rosalía divertida, coñecendo a través do libro a sua vida e coñecendo os seus versos, para aqueles que queiran achegarse a ela independentemente da idade”, engade o autor.

E esa linguaxe dos máis pequenos pode ser un realismo máxico tecnolóxico: “daste conta de que viaxan no tempo cando queren, como queren, os trebellos son magníficos para iso... un culto ao realismo máxico adaptado aos novos tempos”, expresa Tobaruela, que engade: “eu divírtome moito facendo o libro”.

Ademais, Pere apunta que é unha forma de que a xente acceda ao galego. “En galego temos cousas que molan”, indica. En canto á relación dos pequenos coas novas tecnoloxías, Pere explica que se lles das a elixir ver a peli ou ler o libro, o 90% elixe a película, o visual. De aí a necesidade de apostar por formatos atractivos.

Entrega dos Formig4s

Salvagardar o legado e a vida da célebre poeta

FORMOS4, FORX4N, FORNEL4 e FORM4IL son os 4 integrantes dos FORMIG4S, unha brigada especial que esclarece os casos máis enigmáticos e complicados. En “Misión Rosalía” os FORMIG4S son alertados de que a obra da célebre poeta se está a esvaecer. Para investigar este suceso han viaxar no tempo ata o S.XIX por Compostela.